¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

martes, 11 de mayo de 2010

Concesion da prestacion economica de pagamento unico por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2010.

Orde do 3 de maio de 2010 pola que se establecen as bases polas que se rexera a concesion da prestacion economica de pagamento unico por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2010.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.
A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia establece no seu artigo 3.2º como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia, o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, regulando, segundo o artigo 11.3º, aquelas prestacións económicas ou técnicas, que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.
A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dun fillo/a establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polo nacemento de fillos/as. Por outra banda, a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010, prevé na súa disposición adicional sétima que aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei tivesen ao seu cargo fillos/as menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2008, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período. A percepción desta prestación axustarase ao procedemento que estableza a Consellería de Traballo e Benestar, pero exixirá xustificación documental dos requisitos precisos para o seu desfrute, sen que o mesmo fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación. Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para a percepción desta prestación.
Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa de desenvolvemento; así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Con este fin, na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, na aplicación 12.02.312B.480.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 4.852.800 euros para as prestacións que se establecen no articulado da presente orde. Este crédito poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 8.Un g) da referida Lei 9/2009, de orzamentos.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar por fillo/a menor de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o presente ano 2010.
Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillos/as menores de tres anos na data 1 de xaneiro de 2010 (nacidos entre o 2-1-2007 e o 1-1-2010, inclusive) e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2008, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período.
Quedan excluídas aquelas unidades familiares en que os seus ingresos considerados de forma individual ou conxunta, segundo a opción de tributación elixida, superaran no exercicio 2008 os 22.000 euros sumadas as bases impoñibles xeral e do aforro da declaración do IRPF.
No caso de fillos/as adoptados/as ou acollidos/as entre o 31 de decembro de 2008 e o 31 de decembro de 2009, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da inscrición da adopción ou do acollemento no Rexistro Civil. Cando non sexa necesaria a inscrición, a prestación concederase a partir da data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, o beneficiario da prestación será o pai/nai que teña a custodia dos fillos/as, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.
3. En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a tutela ou garda fose asumida por unha institución pública.
4. Os estranxeiros que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e os requisitos establecidos nesta norma e tivesen a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto da renda das persoas físicas.
5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3º.-Requisitos.
Será requisito necesario para a concesión da prestación:
-Que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderáselles requirir que acheguen a documentación complementaria que o demostre.
-Que na data da solicitude os nenos/as convivan coa persoa solicitante.
Artigo 4º.-Tipo de axuda e contía.
A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo/a menor de tres anos, sendo a contía da prestación de 360 euros por cada un dos fillos/as, sen que o mesmo fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria.
Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.
1. Novas solicitudes:
A solicitude formalizarase no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:
a) Fotocopia do libro de familia ou certificación literal de nacemento do rexistro civil de cada un dos fillos/as menores de tres anos.
b) Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.
c) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.
d) Nos supostos de adopción ou tutela, copia do auto xudicial de adopción ou da resolución xudicial de constitución da tutela.
e) Fotocopia da folla da cartilla de aforros na que figure o número de conta na que se desexe recibir o ingreso, e na cal deberá figurar como titular a persoa que asina a solicitude. No caso de non dispoñer de cartilla de aforros, poderá presentarse unha certificación bancaria que indique expresamente que a persoa solicitante é titular da conta á que se refire.
f) Unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas por este mesmo concepto por calquera Administración pública, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. (anexo II).
Respecto do solicitante, a presentación da solicitude comportará a autorización da Consellería de Traballo e Benestar para obter do Ministerio da Presidencia os datos do seu documento nacional de identidade e o do seu cónxuxe ou parella. No caso de que o solicitante non queira autorizar a Consellería de Traballo e Benestar para obter os datos do seu DNI e os do seu cónxuxe ou parella, terá que achegar a copia dos ditos documentos.
Por outra banda, e tamén respecto do solicitante, a presentación da solicitude da prestación comportará a autorización da Secretaría Xeral de Familia e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda, e para o pagamento da prestación, será necesaria tamén a autorización expresa do seu cónxuxe/parella, que deberán presentar debidamente asinado o anexo I.
No caso de que o/a solicitante e/ou o seu cónxuxe/parella non queiran autorizar a Secretaría Xeral de Familia e Benestar para obter os datos dos organismos sinalados no parágrafo anterior, deberán presentar a documentación correspondente xunto co resto da documentación.
2. Solicitudes para persoas anteriormente beneficiarias:
Se a persoa solicitante recibíu a prestación familiar por fillo menor de tres anos no ano 2009 e non ten solicitadas nin concedidas outras axudas por este mesmo concepto, só terá que presentar a solicitude formalizada no modelo oficial (anexo I), sempre e cando non se modificaran as circunstancias persoais, xurídicas e económicas determinantes do dereito de prestación. Neste caso, poderá obterse a solicitude debidamente cuberta no enderezo:
http:/www.xunta.es/aplicacions/pfc
Aquelas solicitudes que se presenten eliminando delas algún dos proxenitores que figuraba o ano anterior, deberán estar acompañadas da xustificación documental correspondente:
-En caso de separación, copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.
-No caso de parellas de feito, certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar, que poderá substituírse por un informe dos servizos sociais do concello.
-En caso de falecemento, certificado de defunción ou copia da folla do libro de familia onde figure esta circunstancia.
3. Solicitudes para persoas que non foron anteriormente beneficiarias e solicitaron a prestación: deberán achegar a documentación establecida no artigo 5º.1 desta orde para as novas solicitudes.
4. En calquera dos tres casos anteriores, se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presentase a documentación sinalada, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, entenderase que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 6º.-Lugar e prazo para a presentación de solicitudes.
1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
2. A presentación da solicitude poderá facerse, a escolla da persoa solicitante, por vía escrita ou por vía telemática:
a) Vía escrita:
A solicitude e a documentación requirida presentarase na oficina de rexistro xeral do edificio administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela ou nos rexistros dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
b) Vía telemática:
A vía telemática establécese como un mecanismo de presentación nun único trámite para aqueles solicitantes que posúan un certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda ou ben o certificado de sinatura electrónica contido no DNI-e.
Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http:/www.xunta.es/aplicacions/pfc, onde se disporán os medios de axuda para a presentación de solicitudes.
Unha vez asinado co certificado dixital do solicitante o anexo I da solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño, modificado polo Decreto 38/2009, do 19 de febreiro.
Artigo 7º.-Resolución.
1. Correspóndelle á conselleira de Traballo e Benestar a resolución destas axudas no prazo de 6 meses contados desde o día seguinte ao da data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.
2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse un recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.
Artigo 8º.-Compatibilidade.
As prestacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 9º.-Pagamento.
O pagamento das prestacións reguladas nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixeran constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa en canto non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.
O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, en todo o que non estea derrogado pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.
As persoas beneficiarias das axudas están obrigadas a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, especificamente ao seguinte:
a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.
b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 11º.-Revogación da prestación.
Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes casos:
a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.
b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.
c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
Artigo 12º.-Información.
A información relativa ao procedemento, que regula a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2010, poderase obter nos seguintes enderezos da interntet: www.traballoebenestar.xunta.es, www.familiasgalegas.org e www.xunta.es/busca-de-procedementos, así como no teléfono 981 54 72 46.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.-
As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segunda.-
As prestacións económicas concedidas non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 9.3º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.-
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Segunda.-
Facúltase o órgano competente desta Consellería de Traballo e Benestar para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación coa presente norma.
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2010.
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar
AQUÍ

No hay comentarios:

Publicar un comentario