¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

lunes, 15 de noviembre de 2010

(Plan Remóblate Galicia) Axudas do Igape a particulares para a compra de madeira para o fogar e colchóns

(Plan Remóblate Galicia) Axudas do Igape a particulares para a compra de madeira para o fogar e colchóns


Resolución do 30 de setembro de 2010 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape a particulares para a compra de mobles de madeira para o fogar e colchóns
(Plan Remóblate Galicia), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.
O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 29 de xuño de 2010, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes, a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape a particulares para a compra de mobles de madeira para o fogar e colchóns (Plan Remóblate Galicia).
Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro.-Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas do Igape a particulares para a compra de mobles de madeira para o fogar e colchóns (Plan Remóblate Galicia); e convocar para 2010 o dito réxime de axudas en concorrencia non competitiva.
Segundo.-O prazo para a presentación de solicitudes comezará aos sete días naturais desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte) e rematará o 15 de decembro de 2010.
No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
Terceiro.-Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

02.02-E4/10/05-656 2.000.000 de €

Adquisición de mobiliario e, tendo en conta que dentro do mobiliario son os mobles de madeira para o fogar e os colchóns os bens que, indirectamente, puidesen ter unha incidencia positiva no sector estratéxico industrial de fabricación producida en Galicia, pon en marcha o programa de axudas e incentivos Plan Remóblate Galicia para o ano 2010.
As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia
mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.
Polo seu obxecto e finalidade e por non corresponder avaliación ningunha das solicitudes, senón a mera comprobación dos requisitos dos beneficiarios, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no
artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A preparación e presentación por parte da entidade colaboradora de solicitudes será necesariamente
telemática, en beneficio de ambas as partes.
Artigo 1º.-Obxecto.
Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación dunha liña de axudas a fondo perdido para incentivar a demanda de mobles de madeira para o fogar e colchóns, para persoas físicas.
O Igape publicará na súa páxina web www.igape.
es/remoblate a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda colaboradores para a xestión deste programa e dos fabricantes adheridos a el.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
2.1. O Igape poderá conceder axudas a fondo perdido para a adquisición de mobiliario de madeira para o fogar e colchóns aos seguintes beneficiarios:
persoas físicas maiores de 18 anos que adquiran un ben obxecto de axudas nun establecemento de venda de mobles ou colchóns situado en Galicia e pertenecente a unha peme, incluídos traballadores autónomos, ue sexa entidade colaboradora do Plan Remóblate Galicia.
2.2. Os beneficiarios terán que estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e, en xeral, cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para obter a condición de beneficiario e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións; aínda que estarán exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social en virtude do establecido no artigo 48 letras i) e l) da Lei 9/2009, de 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.
Artigo 3º.-Condicións das operacións subvencionadas.
3.1. Serán subvencionables as operacións de compra de mobles de madeira para o fogar ou colchóns realizadas nunha entidade colaboradora, establecemento de venda, e fabricados por unha empresa de fabricación adherida, formalizadas desde a entrada en vigor destas bases e ata o 15 de decembro de 2010 ou, en todo caso, ata o esgotamento do orzamento asignado, do que se dará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, que cumpran as seguintes condicións:
a) Adquirir un ou varios bens obxecto de subvención nalgunha das entidades colaboradoras, establecementos de venda, adheridas a esta iniciativa.
b) Para ser subvencionable unha operación de compra deberá acadar un custo mínimo de 600 € (excluíndo impostos).
c) A subvención máxima que deberá percibir a persoa física será de 280 € nunha ou varias operacións.
d) Os establecementos de venda deberán identificar claramente os mobles e colchóns susceptibles de axuda conforme o establecido nestas bases, posto que unicamente serán susceptibles de axuda os bens en que o seu fabricante se adhira ao programa, segundo o estipulado no artigo 8º destas bases.
3.2. Os bens subvencionables non poderán ser adquiridos polos beneficiarios previamente a que a entidade colaboradora obteña a autorización do Igape para realizar a operación, segundo o estipulado no artigo 10º destas bases.
3.3. O Igape autorizará as operacións indicadas polas entidades colaboradoras, mentras exista crédito dispoñible para a operación introducida no sistema de tramitación e advertindo, se é o caso, do seu esgotamento, caso en que se impedirá a introdución da operación no sistema informático, quedando así a entidade colaboradora informada en tempo real da imposibilidade de seguir propoñendo aos seus clientes operacións subvencionables polo Plan Remóblate, despois de consumido o crédito disposto polo Igape para o programa.
Artigo 4º.-Contía das axudas.
4.1. As axudas serán as seguintes:
a) Axuda outorgada polo Igape: un 7% sobre o custo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido na seguinte letra b), cun máximo acumulado de subvención de 280 € por persoa física.
b) Desconto conxunto realizado polo establecemento de venda (entidade colaboradora do programa) e polo fabricante adherido: un 8% sobre o custo dos bens, impostos excluídos e antes da axuda establecida na letra a) anterior. A axuda do Igape condiciónase a este desconto realizado conxuntamente polo establecemento de venda e o fabricante.
Polo tanto, a axuda resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 15%, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se puidese obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.
4.2. No caso de que algún organismo ou institución achegase unha cantidade adicional para o mesmo plan, esta sería compatible coas axudas aquí establecidas, coa condición de que a axuda acumulada non supere o custo total do/s ben/s que se van adquirir.
Artigo 5º.-Compatibilidade coa normativa europea.
A liña de axuda prevista nestas bases, dirixidas a persoas físicas, outorgaranse como axudas de carácter social concedidas a consumidores individuais, e son compatibles co mercado común segundo o artigo 107 do Tratado constitutivo da UE.
Artigo 6º.-Entidades colaboradoras.
6.1. Poderán ser entidades colaboradoras do Igape nestas axudas os establecementos de venda de mobiliario de madeira para o fogar ou colchóns, pertenecentes a unha peme con personalidade xurídica propia, incluídos traballadores autónomos, con centro de actividade do establecemento en Galicia e que teñan alta censual nalgúnha das seguintes epígrafes do IAE:
6531 Comercio retallista de mobles, agás oficinas.
6539 Comercio retallista doutros artigos para o equipamento do fogar n.c.o.p.
6.2. De acordo coas condicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Ter solicitada a declaración de concurso, ser declarados insolventes en calquera procedemento, acharse declarados en concurso, estar suxeitos a intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declarados culpables, á resolución firme de calquera contrato
subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non acharse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos termos establecidos regulamentariamente.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non acharse ao corrente de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos establecidos regulamentariamente.
h) Ter sido sancionado mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións
segundo esta lei ou a Lei xeral tributaria.
6.3. Procedemento de adhesión das entidades colaboradoras:
Os establecementos de venda de mobles de madeira para o fogar ou colchóns, localizados en Galicia e pertencentes a unha pequena ou mediana empresa, incluídos os traballadores autónomos, que non incumpran ningún dos supostos previstos no punto anterior, poderán converterse en entidades colaboradoras do Igape polo seguinte procedemento:
a) O representante legal da entidade deberá cubrir o formulario destinado para tal fin (procedemento IG182) no enderezo www.tramita.igape.es no espazo denominado Formalización de cuestionarios. Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou do número de teléfono 981 95 35 66.
Nesta aplicación deberá enumerar un conxunto de persoas da súa organización que serán as autorizadas por parte da entidade colaboradora para tramitar telematicamente e asinar electronicamente as solicitudes de axuda. Para poder realizar estas tarefas, as persoas citadas deberán estar provistas de certificado X509v3 dunha das entidades certificadoras das admitidas pola Consellería de Facenda (consultar en www.tramita.igape.es).
b) Deberá presentar nalgunha oficina de rexistro do Igape a solicitude xerada pola aplicación antedita (anexo I das bases reguladoras) incluíndo un código IDE de 40 díxitos que a identificará. Neste caso non estará habilitado o Rexistro Telemático da Xunta.
c) A solicitude deberá acompañarse da seguinte documentación:
a. No caso de sociedades:
i. Copia da escritura de constitución e estatutos, se é o caso, e das posteriores modificacións.
ii. Copia do poder de representación.
b. Orixinal do certificado de conta bancaria en que se realizarán os ingresos do Igape para a entidade.
Todas as copias dos documentos referidos nos parágrafos precedentes achegaranse debidamente
cotexadas.
d) A remisión da solicitude comportaralle a autorización ao Igape para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria (certificación de estar ao día de débedas tributarias e certificación de actividades económicas), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderán serlles requiridos ao interesado. A remisión da solicitude tamén autoriza ao órgano xestor para acceder ao sistema de verificación de datos de identidade e residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización, deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.
e) O Igape aceptará as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos. 6.4. Os establecementos de venda de mobiliario de madeira para o fogar ou colchóns, que cumpran os
requisitos establecidos no artigo 6.1º, e non estean incursos en ningunha das circunstancias sinaladas no artigo 6.2º, consideraranse suficientemente solventes como entidade colaboradora, para os efectos establecidos nos artigos 9.2º e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 7º.-Obrigas das entidades colaboradoras.
As entidades colaboradoras adheridas:
a) Divulgarán ante os seus clientes a liña de axudas do Igape e darán información fidedigna dos bens subvencionables, os fabricantes adheridos e as porcentaxes de rebaixa sobre o prezo dos produtos.
b) Tramitarán ante o Igape, por conta do beneficiario, as solicitudes de axuda para operacións de compra dos bens subvencionables. A tramitación destas solicitudes será unicamente telemática, para o que é necesaria a sinatura dixital das persoas para tal efecto designadas.
c) Comunicaranlles aos solicitantes a data en que as operacións foron autorizadas polo Igape, o número único identificativo (NUI) e o prazo máximo establecido para a realización da operación.
d) Anticiparán mediante desconto en factura a axuda do Igape e reflectirán nas facturas dos bens
obxecto de subvención os descontos requiridos por esta normativa, que deben detallar, polo menos, un desconto do 7% correspondente á axuda do Igape e un desconto do 8% correspondente ao desconto conxunto vendedor/fabricante, ambos os dous aplicados sobre o prezo dos bens, antes de impostos.
e) Recibirán e custodiarán durante o prazo de catro anos desde a finalización dos expedientes a
documentación correspondente ás operacións realizadas, da que remitirán copia dixitalizada ao Igape para proceder ao cobramento das axudas, segundo o previsto no artigo 11º.
f) Deberán darlle publicidade á iniciativa mediante a colocación de carteis indicativos e visibles nos establecementos, onde consten con notoriedade os logotipos da Consellería de Economía e Industria e do Igape.
g) Demandarán a solicitude de adhesión dos fabricantes dispostos a participar no programa, remitirana telematicamente ao Igape e rexistrarana.
Así mesmo, e sen prexuízo do establecido nos parágrafos precedentes, as entidades colaboradoras quedan obrigadas ao cumprimento do establecido no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 8º.-Adhesión de fabricantes.
As empresas de fabricación de mobles de madeira para o fogar ou colchóns que se queiran adherir a esta iniciativa, calquera que sexa o seu tamaño e domicilio social, deberán asinar o compromiso de asunción de rebaixa do 5% sobre o prezo de subministración ao establecemento de venda, que se inclúe no modelo de carta de adhesión, nos mobles que poidan ser adquiridos baixo a operativa deste Plan Remóblate. Para iso deberán adherirse polo seguinte procedemento:
a) O representante legal da entidade deberá cubrir e asinar o modelo de carta destinado para tal fin (anexo IV das bases reguladoras), que tamén poderá obter en www.igape.es\remobla.
b) Deberá entregalo en calquera rexistro público, nas oficinas do Igape ou ben acudir a calquera establecemento de venda que sexa entidade colaboradora do Plan Remóblate para que o rexistre; neste caso, a entidade colaboradora custodiará o orixinal e remitirá telematicamente ao Igape copia dixitalizada.
c) No caso de renunciar á adhesión deberán remitir ó Igape unha carta de renuncia expresa á súa
adhesión, conservando o comprador, nas operacións autorizadas anteriormente á dita renuncia, o dereito a percibir o 8% do desconto conxunto.
Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.
9.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
9.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.
9.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiariose a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.
A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.
O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006. 9.4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue
expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.
Non obstante o anterior, están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 48 letras i) e l) da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.
9.5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.
9.6. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.
Artigo 10º.-Tramitación.
10.1. Os potenciais beneficiarios que decidan acollerse á liña de axudas, unha vez tomada a decisión de adquisición de mobiliario ou colchóns coas condicións establecidas no artigo 3º, deberán dirixirse a unha entidade colaboradora para que lles preste apoio na formalización do formulario de solicitude de axuda (anexo II das bases reguladoras). A dita solicitude conterá a autorización para a tramitación da axuda pola entidade colaboradora en nome do solicitante ante o Igape; será asinada polo solicitante e custodiada pola entidade colaboradora, quen a tramitará ante o Igape en nome do solicitante.
10.2. As entidades colaboradoras, antes de pechar calquera operación ao abeiro destas bases, deberán solicitar a autorización do Igape, mediante a introdución telemática do formulario previsto para tal fin no espazo web www.tramita.igape.es. No dito formulario deberán constar os datos detallados da operación e do beneficiario.
10.3. A autorización emitida equivalerá á asunción de existencia de crédito axeitado e suficiente para subvencionar a operación, pero a adecuación ás con dicións establecidas para a súa subvencionabilidade así como a veracidade dos datos introducidos pola entidade colaboradora só serán comprobados polos servizos técnicos do Igape antes de ditar resolución de concesión da subvención, unha vez remitida a solicitude de axuda e presentada a documentación correspondente á operación para proceder ao seu cobramento. Unha vez autorizada a operación asignaráselle o número único identificativo (NUI).
Artigo 11º.-Resolución e aboamento da subvención.
11.1. Unha vez introducida a operación e obtida a autorización do Igape respecto á súa subvencionabilidade, as entidades colaboradoras poderán formalizar a venda cos beneficiarios.
Unha vez facturada a operación, as entidades colaboradoras terán que presentar no Igape a solicitude de axuda xunto coa solicitude de cobramento da devandita antes de que transcorra o prazo de catro meses contados a partir da data de autorización da operación polo Igape. O transcurso do dito prazo sen a presentación da solicitude de axuda e a solicitude de cobramento implicará a perda da reserva de crédito autorizada e a imposibilidade de solicitar axuda para esa operación.
11.2. Para presentar a solicitude a entidade colaboradora deberá cubrir previamente un cuestionario a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es, no cal deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario
establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente este cuestionario.
Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.
A remisión da solicitude do interesado ao Igape e a presentación da solicitude de cobramento farase obrigatoriamente de xeito telemático, mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo III a estas bases, no cal será obrigatorio incluír os 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación, logo de requirimento de subsanación realizado para o efecto.
A entidade colaboradora presentará esta instancia normalizada, co IDE asignado electronicamente, no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. A aplicación de xeración de cuestionarios permitirá xuntar os documentos e remitilos electronicamente.
11.3. A citada instancia terá que ir acompañada de copias dixitais da seguinte documentación protexidas electronicamente de xeito que a entidade colaboradora declare de forma responsable que corresponde co orixinal e non foron modificadas desde a súa dixitalización.
-Solicitude de axuda asinada polo comprador (anexo II das bases reguladoras).
-Factura detallada dos bens adquiridos con identificación do fabricante de cada un deles, en que
consten os distintos descontos efectuados, entre eles a subvención do Igape.
-Copia do DNI do beneficiario da operación.
Se a instancia non viñese acompañada da documentación arriba citada, requirirase a entidade colaboradora para que no prazo de 10 días hábiles emende a falta ou acompañe os documentos, con indicación de que en caso contrario terase por desistida da solicitude, procedéndose ao arquivo do expediente.
No caso de que a solicitude sexa arquivada debido a que a entidade colaboradora non cumpriu dilixentemente as súas obrigas de comprobación e tramitación, será da súa exclusiva responsabilidade a recuperación do desconto equivalente ao importe da axuda aplicado ao comprador.
As entidades colaboradoras custodiarán a documentación xustificativa á disposición do Igape e dos órganos de control da Comunidade Autónoma de Galicia ata o vencemento do prazo de prescrición establecido no artigo 35 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
11.4. Unha vez comprobada a documentación, a Dirección de Área de Financiamento do Igape elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Instituto, que resolverá a concesión ou denegación de cada axuda, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O procedemento e contido da resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
A dita resolución seralle notificada telematicamente á entidade colaboradora, para o que deberá
conectarse ao enderezo web www.tramita.igape.es no apartado Notificación telemática.
O prazo máximo para a resolución e notificación do procedemento será de dous meses desde a remisión da solicitude do comprador e presentación da solicitude de cobramento. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Transcorrido o dito prazo sen se ter ditada e notificada resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude.
A resolución dos expediente instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotará a vía administrativa.
O interesado, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, recurso de reposición, que resolverá o mesmo órgano que ditou o acto administrativo impugnado se fose expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Segundo as operacións que resulten aprobadas, o Igape aboaralle á entidade colaboradora o importe correspondente ao conxunto de operacións presentadas pola entidade e aprobadas polo Igape, nun prazo medio de 30 días desde a presentación da solicitude de cobramento para expedientes sin incidencias, na conta que sexa especificada por ela, mediante certificación bancaria expedida para tal fin, quedará constancia nos seus rexistros contables de acordo co establecido no artigo 13.2º j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
11.5. Calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e os datos da operación autorizada que afecte as condicións de subvencionabilidade ou contía das axudas poderá dar lugar a incoar un trámite de audiencia coa entidade colaboradora, que de ser o caso, poderá supoñer a denegación da subvención prevista.
Artigo 12º.-Modificación da resolución.
A obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nestas bases poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 13º.-Reintegros, incumprimentos e sancións.
13.1. Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e título V do regulamento, sendo competente para a resolución do mesmo o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso- administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.
13.2. As cantidades que hai que reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e
resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
13.3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios sométense ao réxime de
infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.
13.4. Se no procedemento de reintegro quedase acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta dos beneficiarios.
A exixencia de reintegro aos beneficiarios procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 14º.-Publicación.
14.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os
rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.
14.2. Tendo en conta a contía máxima da axuda e de acordo co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública Galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do
beneficiario e da súa publicación nos citados medios.
Artigo 15º.-Control.
Os beneficiarios das axudas e as entidades colaboradoras quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ás que poidan efectuar os órganos competentes da Unión Europea, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das axudas acollidas a estas bases.
Artigo 16º.-Interpretación.
Corresponde ao director xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das normas de tramitación previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.
Artigo 17º.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento e no resto da normativa que resulte de aplicación.
En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No hay comentarios:

Publicar un comentario