¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

jueves, 11 de noviembre de 2010

carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece nos seus artigos 1 e 2 como unha das finalidades da lei que a oferta de formación sostida con fondos públicos favoreza a formación ao longo de toda a vida, acomodándose ás expectativas e ás situacións persoais e profesionais.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recolle no artigo 3.9º o dereito á educación de quen non poida asistir de xeito regular aos centros docentes, polo que se desenvolverá unha oferta adecuada de educación a distancia.

No artigo 69.1º da mesma lei determínase que as administracións educativas promovan medidas tendentes a ofrecerlles a todas as persoas a oportunidade de accederen ás ensinanzas de formación profesional. O punto 2º do mesmo artigo establece que corresponde ás administracións educativas adoptar as medidas oportunas para que as persoas adultas dispoñan dunha oferta específica destes estudos organizada de acordo coas súas características; e finalmente, no punto 3, que igualmente corresponde ás administracións educativas organizar a oferta pública de educación a distancia co fin de dar unha resposta adecuada á formación permanente das persoas adultas. Esta oferta incluirá o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, determina no seu artigo 19.2º que as ofertas das ensinanzas de formación profesional se poderán flexibilizar de xeito que permitan, nomeadamente ás persoas adultas, a posibilidade de combinaren o estudo e a formación coa actividade laboral, coas cargas familiares ou con outras actividades, respondendo así ás necesidades e aos intereses persoais. A flexibilización das ensinanzas de formación profesional cobra especial relevancia co establecido no artigo 43 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, que determina que coa finalidade de facilitar a formación permanente, a integración social e a inclusión de persoas e de grupos desfavorecidos no mercado de traballo, poderán acceder á oferta parcial, sen cumpriren as condicións de acceso, as persoas adultas que dexexen cursar ofertas de módulos profesionais incluídos en títulos e asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

O artigo 20 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, establece que os ciclos formativos poderán cursarse polo réxime ordinario por curso completo en modalidade presencial e polo réxime para as persoas adultas de xeito parcial, por módulos ou por unidades formativas de menor duración, nas modalidades presencial, semipresencial ou a distancia.

Ademais, no artigo 22 do mesmo decreto establécese que a consellería con competencias en materia de educación poderá autorizar a oferta de xeito parcial dos ciclos formativos, por módulos profesionais e por unidades formativas de menor duración. Esta oferta queda reservada ás persoas adultas e mesmo poderá concentrarse en determinados períodos do ano.

No artigo 23 do mesmo decreto establécese que a consellería con competencias en materia de educación poderá autorizar os centros que impartan ensinanzas de formación profesional na modalidade presencial para as impartir en oferta parcial nas modalidades semipresencial e a distancia, e que as actividades presenciais de titoría e avaliación se realizarán dentro dos centros. Así mesmo, establece que a consellería con competencias en materia de educación determinará a oferta, o acceso, a matrícula e a avaliación, e adoptará as medidas necesarias para poder levar a cabo esta modalidade.

Por todo o anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular, con carácter experimental, os aspectos relativos á ordenación académica da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial en Galicia.

Artigo 2º.-Currículo.

O currículo dos ciclos formativos de formación profesional inicial nas modalidades a distancia e semipresencial será o mesmo que o establecido para a modalidade presencial.

Artigo 3º.-Condicións de acceso.

1. Requisito de idade:

Poderá incorporarse á oferta polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial quen teña cumpridos dezaoito anos ou os cumpra no ano natural en que comece o curso escolar.

Excepcionalmente, a xefatura territorial que corresponda, logo de informe do Servizo Provincial de Inspección Educativa, poderalles autorizar o acceso ás persoas maiores de dezaseis anos que o soliciten e teñan un contrato laboral que lles impida acudir aos centros educativos polo réxime ordinario, ou que sexan deportistas de alto rendemento.

2. Requisitos académicos:

a) Terán acceso directo a esta modalidade de ensinanza as persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 36 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia.

b) Malia o anterior, de acordo co artigo 43 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, coa finalidade de facilitar a formación permanente, a integración social e a inclusión de persoas e de grupos desfavorecidos no mercado de traballo, poderán acceder á oferta parcial, sen cumpriren as condicións de acceso, as persoas adultas que desexen cursar ofertas de módulos profesionais incluídos en títulos e asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, sempre que teñan acreditada unha experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo de dous anos nunha actividade laboral directamente relacionada co sector profesional do ciclo formativo que se dexexe cursar.

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes de admisión nesta modalidade de ensino será o establecido con carácter xeral para a modalidade presencial no réxime para as persoas adultas, nos centros autorizados.

Artigo 5º.-Solicitudes de admisión e documentación que presentarán as persoas solicitantes.

1. As persoas que soliciten módulos profesionais polo réxime para as persoas adultas, na modalidade a distancia ou semipresencial, presentarán unha solicitude de admisión para cada ciclo formativo en cada centro autorizado para impartir estas ensinanzas, e relacionará por orde de preferencia os módulos profesionais que dexexe cursar. En calquera caso, a matrícula na oferta parcial non poderá superar a carga lectiva anual de 1.000 horas. En ningún caso poderá matricularse en módulos pertencentes a distintos ciclos formativos.

2. A instancia de solicitude axustarase ao modelo do anexo V, para módulos profesionais de grao medio, ou do anexo VI, para módulos profesionais de grao superior, da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

3. Xuntarase ademais a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento de identificación: DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade da Unión Europea.

b) As persoas discapacitadas que opten ás prazas reservadas, consonte o establecido no artigo 3.2º da citada Orde do 5 de xuño de 2007, deberán presentar o correspondente certificado acreditativo de discapacidade, xunto co seu ditame técnico facultativo.

c) As persoas que soliciten praza por reserva adicional, consonte o establecido no artigo 3.3º da citada Orde do 5 de xuño de 2007, para deportistas galegos de alto nivel deberá presentar a resolución personalizada da consellería competente pola que obteña a consideración de deportista galego de alto nivel. Se a persoa solicitante é deportista de alto nivel con recoñecemento a nivel do Estado, deberá presentar a correspondente resolución personalizada do Consello Superior de Deportes.

d) Se a persoa solicitante cumpre os requisitos xerais de acceso directo establecidos no artigo 3º.2.a) desta orde, presentará a certificación oficial correspondente.

e) Se a persoa solicitante acredita experiencia laboral, presentará a seguinte documentación:

-Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, ou da mutualidade laboral a que estiver afiliada, en que conste a vida laboral, a categoría e o período de contratación (traballadores e traballadoras por conta allea).

-Certificación da empresa onde se especifique a duración do contrato, a categoría laboral, a actividade desenvolvida e o período en que se realizase.

-Certificación de alta no imposto de actividades económicas e, de ser o caso, do período de cotización no correspondente réxime especial da Seguridade Scial (traballadores e traballadoras por conta propia).

f) Se a persoa solicitante xa ten módulos superados do ciclo formativo, deberá presentar a correspondente certificación acreditativa.

Artigo 6º.-Baremo para a admisión do alumnado.

1. En caso de existir máis solicitudes que prazas ofrecidas para cada un dos módulos profesionais, o baremo que se aplicará para seleccionar o alumnado que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde, aspire a unha praza, será o seguinte:

a) Por cumprir as condicións de acceso a que se refire o artigo 3º.2.a) desta orde: 10 puntos.

b) Pola experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo dun ano nun sector produtivo directamente relacionado co ciclo formativo a que pertenza o módulo profesional: 3 puntos por cada ano, ata un máximo de 15 puntos. A fracción de ano computarase a razón de 0,25 puntos por cada mes completo.

c) Pola experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo dun ano nun sector produtivo non relacionado co ciclo formativo a que pertenza o módulo profesional: 1,2 puntos por cada ano, ata un máximo de 6 puntos. A fracción de ano computarase a razón de 0,1 puntos por cada mes completo.

d) Por módulos xa acreditados do ciclo formativo: 2,25 puntos por cada módulo.

2. Con estes criterios elaborarase a listaxe de solicitantes ordenada de maior a menor puntuación.

3. En caso de empate entre varias persoas que soliciten un mesmo posto escolar, e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza de formación. De persistir o empate, resolverase mediante sorteo público.

Artigo 7º.-Resolución do procedemento de admisión de solicitantes e matrícula.

1. Os centros educativos, logo de analizar documentación presentada, farán pública no prazo máximo de tres días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes a relación provisional de persoas solicitantes no taboleiro de anuncios, ordenada alfabeticamente, con indicación da puntuación conseguida por módulos profesionais, que deberá ser aprobada polo Consello Escolar ou Consello Social.

Esta publicación realizarase, así mesmo, na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http:/www.edu.xunta.es/fp

2. Contra esta listaxe, o alumnado solicitante poderá presentar ante a dirección do centro a correspondente reclamación no prazo de cinco días hábiles desde tal publicación.

3. Logo de resolver as reclamacións presentadas, publicarase no taboleiro de anuncios dos centros educativos e na páxina web http:/www.edu.xunta.es/fp a relación definitiva de persoas admitidas en cada módulo profesional, onde aparecerán as persoas solicitantes por orde decrecente de puntuación.

Contra esta relación definitiva, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada no prazo máximo dun mes, ante o xefe ou a xefa territorial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. No prazo máximo de catro días hábiles, as persoas adxudicatarias deberanse matricular nas secretarías dos centros correspondentes onde se realizase a inscrición, segundo o anexo VII da citada Orde do 5 de xuño de 2007.

5. As persoas non seleccionadas quedarán en listaxe de espera, por se se dese o caso de que algunha das que xa for seleccionada non formalizase a matrícula nos prazos previstos, ou causase de baixa.

6. Se despois da adxudicación a que se fai referencia no punto 3 anterior existisen prazas vacantes nos módulos profesionais e non houbese listaxe de espera, liberaranse as prazas ata a data límite que se determine para aquel alumnado que acredite o cumprimento dos requisitos de acceso. Os centros efectuarán a matrícula por estrita orde de chegada das solicitudes.

Artigo 8º.-Postos por unidade escolar e número mínimo de solicitudes de matrícula.

1. O número máximo de alumnos e alumnas con matrícula en cada módulo profesional dun ciclo formativo de formación profesional nesta modalidade de ensino será de cincuenta, sen prexuízo de que excepcionalmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poida autorizar a impartición cun número maior de alumnado.

2. A autorización da oferta nos centros públicos de módulos profesionais dun ciclo formativo de formación profesional nesta modalidade de ensino quedará condicionada a que exista un número mínimo de vinte solicitudes de matrícula no módulo correspondente, ao remate do prazo a que se refire o artigo 4 desta orde. Un número menor de solicitudes exixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento esta ensinanza, e mentres que non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar matrícula ningunha. A condición do número mínimo de solicitudes débeselles comunicar ás persoas interesadas no momento da súa solicitude de admisión.

Artigo 9º.-Calendario de desenvolvemento desta formación.

O calendario escolar da formación profesional inicial nas modalidades a distancia e semipresencial será o mesmo que o establecido con carácter xeral para a formación profesional inicial na modalidade presencial. Non obstante, e consonte o artigo 22 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, a oferta parcial dos módulos profesionais poderá concentrarse en determinados períodos do ano.

Artigo 10º.-Profesorado.

1. Os requisitos de titulación e especialidade docente do profesorado que imparta as ensinanzas de formación profesional inicial na modalidade a distancia ou semipresencial serán os mesmos que os establecidos para impartir as devanditas ensinanzas na modalidade presencial na normativa vixente. En xeral, un módulo será impartido por un único profesor ou profesora.

2. A dedicación horaria do profesorado para cada módulo profesional para o desempeño da función docente e de atención ao alumnado relacionada con esta modalidade de ensinanza será a que se estableza no currículo correspondente para cada módulo profesional.

Artigo 11º.-Titorías.

1. Consonte o establecido no artigo 32 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, cada grupo de alumnos e alumnas dun ciclo formativo terá un profesor ou unha profesora que desempeñen a titoría, que pertencerán ao equipo que imparta docencia no conxunto dos módulos profesionais do ciclo formativo.

Para esta modalidade, entenderase que o alumnado matriculado en módulos do mesmo ciclo formativo constitúe un único grupo. A redución horaria para as persoas responsables da titoría deste será de ata tres horas semanais.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais nesta modalidade organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo:

-A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático, e abranguerá as accións de orientación, dinamización, resposta e apoio ao proceso de aprendizaxe para que o alumnado poida aprender de xeito autónomo empregando os materiais didácticos dispoñibles na plataforma de teleaprendizaxe. Procurarase o principio da autosuficiencia, colaboración e autoaprendizaxe.

-A titoría colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, realizarase no centro en que estea matriculado o alumnado e abranguerá actividades de ensino e aprendizaxe que permitan, en combinación coas actividades en liña, que o alumnado poida alcanzar os resultados de aprendizaxe do módulo. Servirá de apoio para as tarefas que se realicen na plataforma de teleaprendizaxe e para o desenvolvemento dos elementos curriculares do módulo que sexan difíciles de impartir a distancia.

3. A asistencia ás titorías no centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado, xa que a formación semipresencial ou a distancia é un modelo aberto e flexible en que o alumnado marca o seu ritmo de aprendizaxe en función das súas necesidades e a súa dispoñibilidade.

Artigo 12º.-Horario do profesorado de atención ás titorías.

1. As horas semanais de dedicación á titoría colectiva para a realización por parte do alumnado das actividades programadas non poderá ser inferior ao enteiro igual ou inmediatamente superior ao 25% das horas semanais que se establezan para cada módulo profesional.

2. O resto do horario semanal establecido para cada módulo corresponderá á titoría individual, que poderá ser telemática, telefónica ou presencial.

Artigo 13º.-Funcións do profesorado.

1. Na formación profesional inicial nas modalidades a distancia e semipresencial, a función do profesorado terá como finalidade asesorar e desenvolver accións de carácter orientador e formativo que conduzan a unha maior eficacia e eficiencia dos procesos de ensino e aprendizaxe para a adquisición dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais.

2. O profesorado de cada módulo profesional realizará as seguintes funcións:

a) Elaborar a programación do módulo consonte o establecido no artigo 34 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, tendo en conta os materiais didácticos dispoñibles na plataforma de teleaprendizaxe.

b) Preparar as sesións de titoría colectiva correspondentes ao módulo.

c) Orientar, guiar e apoiar o alumnado, a través das titorías, na consecución dos resultados de aprendizaxe, a partir dos materiais didácticos e os recursos dispoñibles na plataforma de teleaprendizaxe.

d) Dinamizar as actividades de aprendizaxe, individuais e colectivas, e estimular a participación nelas.

e) Atender as cuestións que o alumnado formule, procurando a colaboración e a participación do resto de alumnado do módulo.

f) Proporcionar materiais didácticos de apoio ou complementarios cando sexa necesario.

g) Comunicarlle ao alumnado as datas das probas de avaliación e demais actividades relacionadas co desenvolvemento do módulo.

h) Realizar o seguimento da aprendizaxe do alumnado e a avaliación deste, de acordo cos criterios de avaliación establecidos, e proporcionarlle información sobre o progreso da súa aprendizaxe.

i) Calquera outra función relacionada con esta modalidade de ensino que lle asigne a dirección do centro, dentro do seu ámbito de competencias.

Artigo 14º.-Coordinación, información e orientación.

1. Ao inicio de curso, o centro fará pública a programación dos módulos para este tipo de ensinanzas, que abranguerá o calendario das actividades presenciais, o horario do profesorado ao dispor do alumnado, a titoría individual e colectiva, e toda a información que se considere de interese xeral, e en particular as características e as peculiaridades das modalidades a distancia e semipresencial. Para tal fin, o xefe ou a xefa de estudos encargaranse de organizar e coordinar unha xornada de acollemento do alumnado, xunto co orientador ou a orientadora do centro.

2. A formación a distancia é un modelo aberto en que o alumnado marca o seu propio ritmo de aprendizaxe en función das súas necesidades e da súa dispoñibilidade de tempo. Con tal obxectivo, estableceranse horarios de atención presencial e telemática para que o alumnado poida recibir as orientacións pertinentes por parte do profesorado.

3. Co fin de lle dar as máximas facilidades á comunicación entre alumnado e profesorado, o centro establecerá un horario específico semanal de atención presencial e telemática ao alumnado en diferentes días, que contará coa correspondente aprobación do Servizo de Inspección Educativa.

Artigo 15º.-Metodoloxía pedagóxica.

1. Estas ensinanzas de formación profesional inicial nas modalidades a distancia e semipresencial organízanse cunha metodoloxía flexible e aberta e baséanse no emprego das tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente da internet, e inclúen actividades de autoaprendizaxe para o alumnado empregando a plataforma de teleaprendizaxe da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente deseñada para a formación profesional e para a modalidade a distancia. Estas actividades baséanse en materiais didácticos específicos e con apoio de actividades presenciais eminentemente prácticas de formación no centro docente.

2. O profesorado que imparta esta modalidade deberá empregar os materiais e os soportes didácticos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten autorizados, con independencia do uso doutro material de apoio ou complementario.

Artigo 16º.-Avaliación.

1. Os procedementos de avaliación aplicados polo profesorado terán en conta a competencia xeral e as capacidades profesionais, persoais e sociais características do título, que constitúen a referencia para definir os obxectivos xerais do ciclo formativo e os obxectivos, expresados en termos de resultados de aprendizaxe, dos módulos profesionais que o conforman. A valoración do grao de consecución destes resultados de aprendizaxe farase tomando como referencia inmediata os criterios de avaliación establecidos para cada módulo.

2. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos que se elaboren consonte o establecido no artigo 34 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, que deberán ter correspondencia cos criterios de avaliación establecidos no currículo, e deberán ser coñecidos polo alumnado.

3. A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. Realizarase, con carácter xeral, unha sesión de avaliación parcial a finais de decembro, a finais de marzo e a mediados de xuño, sen prexuízo de poder realizalas noutras datas no caso de ofertas parciais de módulos profesionais que se concentren en determinados períodos do ano. En calquera caso, realizarase unha sesión de avaliación final de módulos ao remate do período formativo a que se refire o artigo 9 desta orde.

Artigo 17º.-Módulo de formación en centros de traballo.

1. Consonte o establecido no artigo 15.3º do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, con carácter xeral, o módulo profesional de formación en centros de traballo deberase cursar logo de alcanzada a avaliación positiva en todos os módulos profesionais realizados no centro educativo, agás o módulo de proxecto, de ser o caso.

2. O alumnado deberá cursar o módulo de formación en centros de traballo ou solicitar a exención nas mesmas condicións que na modalidade presencial.

Artigo 18º.-Módulo de proxecto.

O artigo 14.2º do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, establece que o módulo de proxecto se avaliará logo de cursado o módulo profesional de formación en centros de traballo, co obxecto de posibilitar a incorporación das competencias adquiridas nel, polo que para matricularse deste módulo, o alumnado deberá estar en condicións de cumprir tal requisito.

Artigo 19º.-Certificación e titulación do alumnado.

1. O alumnado poderá solicitar a expedición de certificacións académicas para acreditar os módulos superados, a cal terá, ademais dos efectos académicos, efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas en relación ao sistema nacional de cualificacións e formación profesional, consonte o establecido no artigo 58 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo.

2. De acordo co artigo 57 do citado Decreto 114/2010, do 1 de xullo, para a obtención do título de técnico ou de técnico superior cumprirá acreditar a superación de todos os módulos profesionais de que conste o correspondente ciclo formativo, así como cumprir os requisitos de acceso a el.

Disposición adicional

Única.-Ordenación académica e avaliación do alumnado.

Todos os aspectos relativos á ordenación académica e á avaliación sobre formación profesional inicial na modalidade a distancia non regulados nesta orde rexeranse polas normas que con carácter xeral regulan as ensinanzas presenciais de formación profesional inicial.

Disposición transitoria

Única.-Aspectos particulares de aplicación para o curso académico 2010-2011.

1. A oferta formativa de formación profesional inicial para o réxime de persoas adultas na modalidade a distancia en centros públicos para o curso 2010-2011 será a que se indica no anexo desta orde. O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80% os gastos de funcionamento.

2. Os prazos a que se refiren os artigos 4, 7 e 9 desta orde serán, para o curso académico 2010-2011, os seguintes:

-Presentación de solicitudes: entre o 12 e o 18 de novembro de 2010, ambos incluídos.

-Publicación da listaxe provisional de admitidos/as: o día 19 de novembro de 2010.

-Reclamacións contra as listaxes provisionais: os días 22 e 23 de novembro de 2010.

-Publicación da listaxe definitiva de admitidos/as: o día 24 de novembro de 2010.

-Matriculación: desde o día 25 ao día 26 de novembro de 2010.

-Matriculación en prazas liberadas: ata o día 3 de decembro de 2010.

-Calendario escolar: desde o 29 de novembro de 2010 ata o 25 de xuño de 2011.

3. Para o curso académico 2010-2011 o alumnado unicamente poderá estar matriculado na modalidade presencial ou a distancia, pero non poderá en ningún caso simultanear ambas as modalidades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

AQUÍ

No hay comentarios:

Publicar un comentario