¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

martes, 30 de noviembre de 2010

Bases reguladoras das axudas do Igape

Resolución do 23 de novembro de 2010 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao amparo de determinadas liñas ICO 2010, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Diario Oficial de Galicia. Número 230 de 30 de Noviembre de 2010

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 20 de abril de 2010, acordou por unanimidade dos membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao amparo de determinadas liñas ICO 2010, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao amparo de determinadas liñas ICO 2010, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras; e convocar para 2010 o dito réxime de axudas en concorrencia non competitiva.

Segundo.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado na entidade financeira iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e rematará o 21 de xaneiro de 2011. O prazo de presentación no Igape, por parte das entidades financeiras, rematará o 21 de febreiro de 2011, concedéndose as axudas de conformidade co artigo 19º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es a fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31º.4 da citada Lei de subvencións de Galicia.

Terceiro

Os expedientes que se resolveran na anualidade 2011 tramitaranse ao abeiro do artigo 25º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, téndose acreditado ao expediente que existe normalmente crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da comunidade autónoma para a cobertura orzamentaria do dito gasto. Na súa virtude, a concesión das subvencións no exercicio 2011 condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Cuarto.-Dotación orzamentaria.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria: 02.01-E5/10/01-656700.

2010: 600.000,00 €.

2011: 2.640.000,00 €.

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Quinto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto

de Crédito Oficial (ICO) ao amparo de determinadas liñas

ICO 2010, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

e as entidades financeiras

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade autónoma galega.

Neste senso, o Igape asinou un acordo global de colaboración co Instituto de Crédito Oficial en materia de fomento da economía, no cal se manifesta a vontade de ambas as partes na potenciación das liñas de mediación do ICO, dirixidas ao financiamento dos investimentos das pemes, mediante a bonificación parcial dos tipos de xuro das operacións formalizadas para financiar investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta liña, convócanse as axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao amparo das liñas de mediación ICO 2010, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e as entidades financeiras que contemplan os requisitos dos beneficiarios, o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados. A convocatoria das axudas deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito. Xustifícase a excepcionalidade xa que nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de investimento que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases, poidan levar adiante as empresas, máis mesmo na actual situación de dificultades na economía e con especial incidencia nas provincias e comarcas menos desenvolvidas. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación das axudas consistentes nunha liña de subsidiación ao financiamento obtido, mediante a modalidade de préstamos, polas pequenas e medianas empresas que, cumprindo os requisitos destas bases, promovan investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia ou no estranxeiro, mediante algunha das liñas ICO 2010 do Instituto de Crédito Oficial (ICO), seguintes:

-Liña ICO-Economía sustentable.

-Liña ICO-Investimento.

-Liña ICO-Internacional.

-Liña ICO-Emprendedores.

Artigo 2º.-Beneficiarios das axudas.

2.1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nestas bases os autónomos e aquelas empresas que teñan a consideración de microempresa ou pequenas ou medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que formalizasen operacións de préstamo, previamente ou con posterioridade á entrada en vigor destas bases, con cargo a algunha das liñas do Instituto de Crédito Oficial (ICO) sinaladas no artigo 1º, por un importe igual ou superior a 25.000 € e que cumpran coas condicións específicas establecidas nestas bases.

2.2. Os beneficiarios terán que estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia, e non ser considerados empresas en crise no sentido das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e restruturación de empresas en crise (D.O. C244, do 1-10-2004), e cumprir as condicións específicas para cada liña establecidas no artigo terceiro destas bases.

2.3. Ademais de reuniren os requisitos establecidos para cada liña de financiamento, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir as obrigas do artigo 11º da citada Lei de subvencións.

Artigo 3º.-Condicións específicas para o acceso ás axudas do Igape.

3.1. Liña Economía sustentable.

3.1.1. Beneficiarios.

Autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas, calquera que for a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35º e 63º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.1.2. Actividade.

Os proxectos obxecto de financiamento a través desta liña terán que corresponderse, con independencia da actividade da empresa, con algún dos sectores obxectivo sinalados no anexo I, para esta liña. Considéranse subvencionables todas as actividades, agás as excluídas nas letras c), d) e), f) e g) do artigo 1º do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1º do Regulamento 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1º do Regulamento 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro).

3.1.3. Localización.

O proxecto de investimento deberá realizarse en Galicia. No caso de proxectos de adquisición de empresas, a empresa adquirente e adquirida deberán ter o seu domicilio social en Galicia.

3.2. Liña Investimento.

3.2.1. Beneficiarios.

Autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas, calquera que for a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiario, correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35º e 63º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.2.2. Actividade.

Os proxectos obxecto de financiamento a través desta liña terán que corresponderse con algunha das actividades sinaladas no anexo I. Non obstante, no caso de proxectos de investimento que se localicen en polígonos industriais dos concellos preferentes, considéranse subvencionables todas as actividades, agás as excluídas nas letras c), d) e), f) e g) do artigo 1º do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1º do Regulamento 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1º do Regulamento 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro).

3.2.3. Localización.

O proxecto de investimento deberá realizarse en Galicia. No caso de proxectos de adquisición de empresas, a empresa adquirente e adquirida deberán ter o seu domicilio social en Galicia.

3.3. Liña Internacional.

3.3.1. Beneficiarios.

Autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas, calquera que for a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiario, correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35º e 63º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberán ter o seu domicilio social en Galicia.

3.3.2. Actividade.

Poderán ser obxecto de financiamento a través desta liña todas as actividades económicas, agás as excluídas nas letras c), d) e), f) e g) do artigo 1º do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1º do Regulamento 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1º do Regulamento 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro).

3.3.3. Localización.

O proxecto de investimento deberá realizarse fóra do territorio do Estado español. No caso de proxectos de adquisición de empresas, a empresa adquirente deberá ter o seu domicilio social en Galicia.

3.4. Liña Emprendedores.

3.4.1. Beneficiarios.

Microempresas constituídas a partir do 1 de xaneiro de 2009 ou ben autónomos profesionais que, cumprindo a condición de microempresa, inicien unha nova actividade e se dean de alta no IAE desde a dita data. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiario, correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35º e 63º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.4.2. Actividade.

Poderán ser obxecto de financiamento a través desta liña todas as actividades económicas, agás as excluídas nas letras c), d) e),f) e g) do artigo 1º do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1º do Regulamento 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1º do Regulamento 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro).

3.4.3. Localización.

O proxecto de investimento deberá realizarse en Galicia. No caso de proxectos de adquisición de empresas, a empresa adquirente e adquirida deberán ter o su domicilio social en Galicia.

Artigo 4º.-Características dos proxectos subvencionables.

4.1. Os conceptos de investimento subvencionables serán os seguintes:

-Activos fixos produtivos novos ou de segunda man.

-Vehículos turismo, cun prezo máximo de 24.000 € (no caso da liña economía sustentable, deberá tratarse de vehículos ecolóxicos ou híbridos).

-Adquisición de empresas.

-Gastos inherentes á constitución da empresa, co límite do 10% do proxecto (exclusivamente na liña emprendedores).

-Activos circulantes ligados ao proxecto de investimento (exclusivamente na liña de internacionalización no caso de creación de empresas no estranxeiro).

4.2. Por activo produtivo deberán entenderse aqueles bens que, directa ou indirectamente, permitan realizar a actividade principal da empresa descrita no obxecto social da devandita empresa.

4.3. Os beneficiarios das axudas establecidas nestas bases deberán manter os investimentos obxecto de financiamento durante a vixencia do préstamo. Considerarase cumprida esta condición no caso de que os bens en que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.

4.4. En ningún caso serán subvencionables polo Igape:

-Reestruturacións de pasivo ou refinanciamentos.

-Activo corrente, agás na liña de internacionalización.

-Investimentos cuxa finalidade sexa a deslocalización da empresa.

-Vehículos de transporte, no sector de transporte de mercadorías por estrada.

-Adquisición ou construción de buques de pesca.

-O imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro tributo ligado ao investimento.

4.5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade.

Artigo 5º.-Importe mínimo e máximo de financiamento subsidiable por beneficiario.

5.1. O importe mínimo de financiamento subsidiable será de 25.000 € por beneficiario, e o máximo será, en función do tamaño da empresa solicitante, o establecido polo ICO para cada unha das liñas:

Autónomos, microempresas e pequenas empresas:

a) Para a liña Economía sustentable: 2.000.000 euros.

b) Para a liña Investimento: 2.000.000 euros.

c) Para a liña Internacional: 2.000.000 euros.

d) Para a liña Emprendedores: 300.000 euros (só autónomos e microempresas).

Medianas empresas:

a) Para a liña Economía sustentable: 50.000.000 euros.

b) Para a liña Investimento: 10.000.000 euros.

c) Para a liña Internacional: 10.000.000 euros.

5.2. A porcentaxe de financiamento autorizada polo ICO poderá alcanzar o 100% do proxecto en calquera das liñas; non obstante, a subsidiación do Igape calcularase para o 80% da operación financeira.

Artigo 6º.-Prazos e sistemas de amortización.

Os prazos e sistemas de amortización establecidos polo ICO son os seguintes:

-3 anos, sen carencia para o pagamento do principal.

-5 anos, con 0 ou con 1 ano de carencia para o pagamento do principal.

-7 anos, con 0 ou con 2 anos de carencia para o pagamento do principal.

-10 anos, con 0 ou con 3 anos de carencia para o pagamento do principal.

-12 anos, con 0 ou con 3 anos de carencia para o pagamento do principal.

-15 anos, con 0 ou con 3 anos de carencia para o pagamento do principal (só para a liña de economía sustentable).

-20 anos, con 0 ou con 3 anos de carencia para o pagamento do principal (só para a liña de economía sustentable).

Artigo 7º.-Tipos de xuros e comisións das operacións.

7.1. Os tipos de xuro serán os establecidos polo ICO nos respectivos contratos de financiamento asinados coas entidades financeiras mediadoras.

7.2. As entidades de crédito non poden cobrar cantidade ningunha polas xestión relativas ao cumprimento das obrigas destas bases. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento, dentro dos límites que a entidade de crédito tivese autorizados polo Banco de España, da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

7.3. No caso de que a operación sexa avalada por unha sociedade de garantía recíproca (SGR), estas sociedades poderán percibir polo importe do aval que presten unha comisión máxima anual do 1% sobre os saldos máximos garantidos cada ano.

Artigo 8º.-Axuda do Igape.

8.1. A axuda do Igape consistirá na subsidiación do tipo de xuro nominal das operacións de préstamo acollidas a estas bases e, se é o caso, na subvención do custo da comisión do aval financeiro prestado por unha SGR.

8.1.1. A subsidiación do tipo de xuro poderá ser a seguinte:

Liña Economía sustentable.

-Para proxectos de investimento nos sectores obxectivo relacionados no anexo I:

*Con carácter xeral, 0,75 puntos porcentuais.

*No caso de proxectos de adquisición de empresas correspondentes aos sectores conserveiro, téxtil, pedra natural, automoción, naval e agroalimentario, 1,50 puntos porcentuais.

*No caso de proxectos de investimento ou adquisición de empresas que se localicen ou teña o adquirente o domicilio social nos concellos preferentes relacionados no anexo V, 2,65 puntos porcentuais.

Liña Investimento.

-Para proxectos destinados ao desenvolvemento dalgunha das actividades relacionadas no anexo I:

*Con carácter xeral, 0,75 puntos porcentuais.

*No caso de proxectos de adquisición de empresas en que ambas correspondan aos sectores conserveiro, téxtil, pedra natural, automoción, naval e agroalimentario, 1,50 puntos porcentuais.

*No caso de proxectos de investimento ou adquisición de empresas que se localicen ou teña o adquirente o domicilio social nos concellos preferentes relacionados no anexo V, 2,65 puntos porcentuais.

-No caso de proxectos de investimento en calquera actividade que se localicen nun polígono industrial dos concellos preferentes relacionados no anexo V, 2,65 puntos porcentuais.

Liña Internacional.

-Para proxectos de investimento ou adquisición de empresas fóra do territorio nacional, que leven a cabo empresas con domicilio social en Galicia:

*Con carácter xeral, 0,75 puntos porcentuais.

*No caso de proxectos de adquisición de empresas en que ambas correspondan aos sectores conserveiro, téxtil, pedra natural, automoción, naval e agroalimentario, 1,50 puntos porcentuais.

*No caso de proxectos de investimento ou adquisición de empresas que leven a cabo empresas con domicilio social nos concellos preferentes relacionado no anexo V, 2,65 puntos porcentuais.

Liña Emprendedores.

-Para proxectos destinados ao desenvolvemento de calquera actividade:

*Con carácter xeral, 0,75 puntos porcentuais.

*No caso de proxectos de adquisición de empresas en que ambas correspondan aos sectores conserveiro, téxtil, pedra natural, automoción, naval e agroalimentario, 1,50 puntos porcentuais.

*No caso de proxectos de investimento ou adquisición de empresas que se localicen ou teña o adquirente o domicilio social nos concellos preferentes relacionado no anexo V, 2,65 puntos porcentuais.

8.1.2. No caso de que as operacións de préstamo fosen avaladas por unha SGR, que subscriba o convenio, o custo da comisión do aval financeiro prestado será integramente subvencionada polo Igape.

8.2. A axuda financeira que se conceda tanto á subsidiación do tipo de xuro como, se é o caso, á subvención da comisión de aval da SGR, pagarase dunha soa vez e para o seu cálculo procederase do seguinte xeito:

a) Calcularanse os valores absolutos das subvencións que se vaian percibir durante o período teórico de vixencia do préstamo, incluído, se é o caso, o período de carencia. Tomarase como base para o cálculo o 80% do préstamo formalizado e como base da liquidación o ano comercial (360 días).

b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da formalización da operación financeira.

c) No caso de que o préstamo fose formalizado a un prazo superior a 7 anos, a subsidiación e comisión de aval da SGR calcularase de xeito teórico como se fose a 7 anos, incluída a carencia.

d) O importe resultante da axuda destinarase á amortización anticipada do principal do préstamo, non podendo a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola dita amortización.

e) No caso de que o préstamo sexa amortizado total ou parcialmente, calcularase o novo importe da subvención e o importe que reintegrará o beneficiario ao Igape, que deberá realizar na forma e prazos que se estableza na resolución de reintegro.

8.3. No suposto de que o tipo de xuro alcance niveis inferiores aos puntos de subsidiación incluída, se é o caso, a bonificación do ICO, a axuda do Igape limitarase ao tipo de xuro establecido para a vixencia do préstamo ou ben, para o primeiro período, no caso de operacións a tipo de xuro variable. É dicir, o tipo de xuro resultante, despois da bonificación de xuros, non poderá ser inferior a cero.

Artigo 9º.-Compatibilidade e límite de axuda.

9.1. A concesión das axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis; isto é, de xeito xeral as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros brutos durante calquera período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros brutos durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 7.500 euros brutos durante calquera período de tres exercicios.

9.2. Cando o importe de axuda que se vai conceder con suxeición a estas bases supere o límite máximo global, o dito importe de axuda reducirase na parte que proceda.

9.3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico das axudas recibidas en réxime de minimis nos últimos tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 10º.-Consentimentos e autorizacións.

10.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

10.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

10.3. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

10.4. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. Non obstante o anterior, están exentos de presentar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 48º da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

10.5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

10.6. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a presentación do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

Artigo 11º.-Tramitación das solicitudes de axuda ante o Igape.

11.1. De acordo coas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

11.2. Presentación das solicitudes de axuda.

11.2.1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado, ou a entidade colaboradora no seu nome, deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través do enderezo da internet http:/www.tramita.igape.es. Unha vez cuberto o cuestionario, este pasará á disposición da entidade financeira na extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel que se presentará na entidade financeira, asinada polo solicitante (anexo II). Nesta solicitude, dáse poder á entidade financeira para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape.

A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Tamén se poderá recibir asistencia na propia entidade financeira colaboradora. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, despois do cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 carácteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

11.2.2. As entidades de crédito colaboradoras centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e solicitarán en nome do interesado a axuda financeira no Igape no prazo dun mes contado desde a entrada do cuestionario na extranet das entidades colaboradoras.

11.2.3. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape que se presenten fóra deste prazo serán obxecto de resolución de arquivo, asumindo a entidade de crédito toda a responsabilidade polos prexuízos que isto poida supor para a empresa solicitante, salvo que a presentación extemporánea sexa por motivos imputables ao solicitante.

11.2.4. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http:/extranet.igape.es) sendo esta vía telemática obrigatoria.

11.2.5. A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, se ben é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo IV.

11.2.6. Os usuarios da extranet asinantes da solicitude por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o usuario da extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da entidade de crédito tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (anexo II); a autorización por parte da entidade financeira virá dada polo anexo IV entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes.

11.2.7. As entidades financeiras entregarán os datos a través da extranet mediante un ficheiro co mesmo formato do anexo 0 electrónico do convenio ICO 2010 cunha liña para cada un dos expedientes que queiran presentar, co posterior enchemento en pantalla dos campos adicionais da solicitude do Igape. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recolla de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre as entidades financeiras ou o ICO co Igape.

11.2.8. Unha vez entregado o ficheiro e, se é o caso, consignados os datos complementarios a que se refire a epígrafe 11.2.7, o usuario da entidade financeira deberá asinar electronicamente as solicitudes xeradas pola aplicación e transferilas ao Igape. A seguir, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. No momento da presentación, o rexistro expedirá un recibo en que quedará constancia do feito da presentación, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Así mesmo, as entidades de crédito colaboradoras poderán obter en todo momento un comprobante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario.

11.2.9. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a entidade financeira comunicará aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (3 meses desde a data da presentación da solicitude no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

11.2.10. Se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requirirase o solicitante e a entidade de crédito para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, se considerará o interesado desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

11.3. Informes.

Nos casos en que o Igape o considere necesario, e para os efectos da resolución da solicitude, solicitarase informe á consellería sectorial correspondente, en relación co cumprimento por parte dos proxectos da normativa específica que resulte aplicable.

11.4. Trámite de audiencia.

Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que no prazo de 10 días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 12º.-Resolución.

Unha vez rematada a instrución e cumprido, se for o caso, o trámite de audiencia, a dirección da Área de Financiamento do Igape elevará proposta de resolución ao director xeral do Igape, que incluirá os termos que se expresan a seguir:

O importe do investimento subvencionable, o importe do préstamo subsidiable, a porcentaxe de financiamento, o seu prazo de vixencia e carencia, o tipo de xuro nominal inicial da operación, os puntos de subsidiación e o importe da subsidiación e, se for o caso, o importe da comisión de aval subvencionada das operacións avaladas por unha SGR.

As resolucións de denegación de solicitudes deberán detallar a causa.

Artigo 13º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.

13.1. O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade de crédito e SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da subsidiación.

O beneficiario ten un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión para aceptala. Para isto deberá cubrir o modelo de aceptación establecido na páxina web do Igape www.igape.es. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e nas demais disposicións aplicables. Transcorrido o prazo de aceptación sen que se produza manifestación expresa, a axuda entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida. No caso de que o beneficiario renunciase á axuda percibida, procederase consonte o artigo 38º da Lei de subvencións de Galicia.

13.2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de 3 meses desde a data de presentación da solicitude da axuda no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42º.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o tal prazo sen que se notificase resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

13.3. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses desde a súa notificación, se for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente poderá interpoñerse recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes desde a súa notificación, se for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Publicación.

14.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíprocas para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade.

14.2. De acordo co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento da subsidiación.

15.1. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario, ou ben a entidade colaboradora no seu nome, deberá responder previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http:/www.tramita.igape.es. Deberán encherse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, despois do cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo III, en que será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou aquelas en que este sexa erróneo (xa porque ten un formato erróneo xa porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, despois requirimento realizado para o efecto.

O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL e o resto da documentación na entidade colaboradora que tramitou a súa operación financeira. Esta transmitirá a documentación telematicamente ao Igape a través das funcionalidades documentais da extranet de entidades colaboradoras, facéndose cargo do cotexo do expediente. A extranet de entidades colaboradoras asegurará que a aceptación da documentación se produce unicamente despois da declaración responsable da entidade colaboradora de que a documentación corresponde co orixinal e non foi modificada desde a súa dixitalización.

Alternativamente, o beneficiario poderá presentar a solicitude de cobramento no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no artigo 11º.2.6 destas bases e que a documentación que xunte á solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática. Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

Acompañando a dita solicitude, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada da póliza de préstamo formalizada.

b) Fotocopias cotexadas dos documentos que xustifiquen a realización do investimento subvencionable e os pagamentos realizados. Só se admitirán xustificantes de pagamentos en efectivo para importes inferiores aos 1.000 € por provedor (o cotexo dos ditos xustificantes poderase facer directamente en calquera das oficinas do Igape ou ben na entidade financeira colaboradora). Non obstante, no caso de subvencións concedidas por importe igual ou inferior a 12.000 €, o beneficiario poderá acollerse ao sistema de conta xustificativa simplificada establecida no artigo 51º do Decreto 11/2009, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia, indicando no cuestionario de liquidación os datos necesarios para a súa composición, sendo os mesmos campos obrigatorios do dito cuestionario. O Igape ou a súa entidade colaboradora poderá requirirlle ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gastos seleccionados con base en técnicas de mostraxe, e para estes efectos o Igape comprobará un mínimo do 10% dos expedientes con axudas aprobadas por importe ata 6.000 €, e un mínimo do 20% dos expedientes con axudas aprobadas por importe superior a 6.000 € e ata 12.000 €.

Porén, cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, o Igape procederá a requirir aos beneficiarios a totalidade dos documentos xustificativos.

No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou de que a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45º.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

15.2. O Igape revisará a documentación xustificativa, podendo solicitar á entidade de crédito, á SGR ou ao beneficiario calquera documentación e información adicional que considere oportuno para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

15.3. De acordo co establecido no artigo 30º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a comprobación material do investimento aprobado para préstamos por importe igual ou superior a 60.000 euros substitúese pola documentación xustificativa establecida nos anteriores números deste artigo, sen prexuízo da posibilidade de realización polo Igape de calquera outras actuacións de control e inspección.

De conformidade co disposto no punto 2 do artigo 4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios quedan excluídos das obrigas de xustificación previstas nos artigos 28º.7, 29º.3 e 29º.4 da dita lei.

15.4. Unha vez verificada a documentación presentada, o Igape procederá ao pagamento da subsidiación e, se é o caso, da subvención da comisión de aval, dunha soa vez, a través da entidade financeira prestamista. A subvención terá que destinarse á amortización anticipada do principal da operación, polo que, unha vez aplicada, a entidade financeira deberá presentar no Igape, no prazo de 30 días, certificación acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada. Estas amortizacións deberanse realizar nas datas de liquidación semestral da operación.

En calquera caso, o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

15.5. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá axustar o aboamento da subvención ao gasto efectivamente xustificado, sempre que, téndose executado o proxecto de investimento a financiar co préstamo e cumpríndose todas as condicións establecidas, unicamente se tivese xustificado un gasto inferior ao aprobado, ou ao importe do préstamo efectivamente disposto, sempre que conste a conformidade expresa do beneficiario e o proxecto efectivamente xustificado non desvirtúe a concesión inicial.

Artigo 16º.-Modificacións.

16.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou a súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta a un aspecto substancial da concesión.

O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para que foi concedida a axuda. En particular deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

16.2. En caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución, tramitando o cuestionario sinalado no artigo 11º.2 destas bases e presentando a súa instancia dirixida ao director do Instituto Galego de Promoción Económica.

O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario sempre que a modificación do proxecto non desvirtúe a finalidade da axuda, non exista prexuízo a terceiros e os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

16.3. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se for o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido. En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da operación subsidiable inicialmente aprobada.

16.4. O cambio de beneficiario da axuda poderá ser autorizado polo director do Igape sempre que se acredite documentalmente a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado e, especificamente, da operación subsidiada, así como o cumprimento dos requisitos establecidos no número 16.2 e deberá contar coa previa autorización do ICO. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, xunto coa póliza onde foi formalizada a subrogación, constando o consentimento do anterior beneficiario.

16.5. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 17º.-Reintegros, incumprimentos e sancións.

17.1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora producidos desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedirían.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87º a 89º do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal se derive unha necesidade de reintegro.

h) A nulidade da resolución de concesión polas causas establecidas no artigo 32º ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

17.2. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta. Se o incumprimento superar o 50% do investimento subvencionable aprobado, ou as disposicións do préstamo foren inferiores ao 50%, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

17.3. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte ao da súa notificación.

17.4. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.5. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe reintegrable inferior a 30 € ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente.

Artigo 18º.-Control.

Os beneficiarios e as entidades colaboradoras quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape para verificar a aplicación das axudas ás finalidades aprobadas e o cumprimento dos requisitos e condicións establecidos, así como ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, debendo facilitar toda a información requirida polos citados organismos.

Artigo 19º.-Adhesión mediante convenio de entidades financeiras colaboradoras.

19.1. Para a xestión das axudas o Igape contará coa colaboración de entidades financeiras.

19.2. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración en que se regulen os compromisos das partes a todas aquelas entidades financeiras que teñan subscrito o contrato de financiamento co ICO no ano 2010, conten cunha presenza significativa en Galicia e teñan acreditada a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se non teñen iniciado expediente de intervención polo Banco de España). As ditas entidades xustificarán, mediante declaración responsable, o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12º do citado texto legal. As entidades que, cumprindo as anteriores condicións, non fosen invitadas, poderán instar a súa adhesión ante o Igape.

19.3. Formalización da adhesión ao convenio de novas entidades financeiras.

A adhesión formalizarase mediante a sinatura por apoderado con facultades bastantes da declaración que se xunta como anexo VI a estas bases. O Igape dará conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio.

19.4. Non se prevé a constitución de garantía por parte das entidades colaboradoras.

19.5. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo VII a estas bases. A incorporación de novas entidades tamén será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e no Regulamento 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro), no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta norma contiene tablas, si quiere consultarlas pulse

No hay comentarios:

Publicar un comentario