¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

lunes, 14 de junio de 2010

Subvencions Plan de vivenda rehabilitacion 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.
O seu artigo 4.2º establece que «as subvencións deste decreto con cargo a axudas finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da comunidade autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.»
Á vista do anterior, e para dar cumprimento ao disposto no artigo 4.3º do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas aos promotores de actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas existentes acollidos, mediante cualificación protexida, ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 segundo o disposto no Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.
2. As bases reguladoras foron aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 217, do 5 de novembro de 2009.
Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.
1. Poderán solicitar as subvencións aquí reguladas as comunidades de propietarios, persoas fisicas ou xurídicas, que promovesen actuacións de rehabilitación e que estean en posesión da cualificación definitiva, e ademais cumpran as condicións e requisitos que prevén os artigos 8 e 62 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro.
2. No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, terase en conta o establecido no artigo 2 do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea do día 28 de decembro de 2006.
Artigo 3º.-Contía das subvencións.
1. No que atinxe ao importe das axudas, atenderase ao establecido no artigo 63 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, ademais do establecido nesta orde de convocatoria.
2. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención e a súa contía non poderá superar o límite do 75% do orzamento protexible, establecido no artigo 75 da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, sempre que exista crédito.
Artigo 4º.-Gasto subvencionable.
1. Considérase gasto subvencionable o orzamento da actuación que figure na cualificación definitiva emitida polo correspondente xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sempre que se xustifique o seu efectivo pagamento, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
2. No suposto de que a cantidade xustificada sexa inferior ao orzamento da cualificación definitiva, o pagamento da subvención reducirase proporcionalmente de acordo co establecido no artigo 60 do regulamento da Lei 9/2007.
Artigo 5º.-Solicitudes.
1. As solicitudes deberán ir dirixidas á Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que, por razón da situación da vivenda rehabilitada, corresponda. Preferentemente deberán presentarse nas oficinas de rexistro do IGVS, e poderase facer tamén nos rexistros de calquera outro órgano das administracións que teñan suscrito o oportuno convenio ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se puidesen obter de oficio, requeriráselles ao interesado a súa presentación. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; deberá presentar entón as certificacións indicadas.
3. Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:
a) Autorización para consultar os datos de identidade ou, de non outorgala, fotocopia compulsada do DNI do solicitante.
b) Certificación da entidade de crédito de ter aberto ao seu nome unha conta en que desexe que se realice o pagamento.
c) Se é o caso, certificación da entidade de crédito conforme concedeu o préstamo convido ao abeiro do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.
d) No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, deberá xuntar unha declaración de que a axuda global de minimis que recibiu non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, de acordo co establecido no artigo 3.2º c) do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, así como unha declaración de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1 do citado regulamento.
e) Copias compulsadas das facturas e xustificantes de pagamento, de acordo co establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a relación anexa á solicitude.
f) Declaración responsable da unidade familiar, segundo modelo anexo, para os efectos da solicitude das axudas de vivenda e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos e débedas.
g) Documentación acreditativa do uso da vivenda, segundo consta no modelo anexo.
h) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma actuación nas distintas administracións públicas competentes.
Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes abrirase desde o día o seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2010, ambas as datas incluídas.
Artigo 7º.-Procedemento de tramitación das subvencións.
1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde, debidamente cuberta, á cal se deberá xuntar a documentación que nela se indica consonte o establecido nesta orde.
2. Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos e advírteselle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. Non obstante, o Instituto Galego de Vivenda e Solo poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.
4. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, e emitido o certificado acreditativo da verificación do cumprimento de requisitos polo beneficiario, o/a xefe de área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución e pagamento de cada expediente ao titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista dela e tendo en conta o límite orzamentario establecido nesta orde, resolverá o que segundo dereito proceda.
5. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes, tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro.
Artigo 8º.-Resolución das subvencións.
1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7 do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude, de acordo co establecido na disposición adicional 1ª do Decreto 402/2009.
2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.
Artigo 9º.-Pagamento das subvencións.
1. O pagamento das subvencións aos beneficiarios será aboado mediante transferencia bancaria, á conta que para o efecto sinale o beneficiario.
2. A cualificación definitiva terá a consideración de memoria de actuación xustificativa do cumprimento para os efectos do previsto no artigo 48 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 10º.-Compatibilidade e incompatibilidade.
1. Esta subvención é incompatible coas axudas establecidas para as áreas de Rehabilitación Integral e áreas de Renovación Urbana.
2. A suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos que correspondan, non poderá superar o 75% do orzamento protexido das actuacións, de acordo co establecido no artigo 75 da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia.
Artigo 11º.-Reintegro da subvención.
1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.
2. Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.
3. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 12º.-Modificación da resolución.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O/a director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, por proposta da área provincial ditará resolución expresa, debidamente motivada, en que figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención e comunicaralle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.
3. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.
Artigo 13º.-Publicidade.
1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no dito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, este organismo publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para os efectos das citadas publicacións.
3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións integraranse nun programa informático de carácter permanente, á disposición do Instituto Galego de Vivenda e Solo, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.
Artigo 14º.-Deber de colaboración e facultade de inspección.
1. As persoas beneficiarias, ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, en exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.
Artigo 15º.-Crédito orzamentario e contía.
As subvencións que se convocan mediante esta orde concederanse con cargo ao crédito que figura consignado para esta finalidade nos orzamentos de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo para 2010, nas aplicacións orzamentarias e polos importes máximos seguintes:
-Aplicación 2010, 07 90 451A 780.1, para familias e institucións sen fins de lucro por importe máximo de 2.000.000 euros.
-Aplicación 2010 07 90 451A 770.0, para empresas por importe máximo de 10.000 euros.
Disposición adicional
Delégase no director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo a competencia para resolver sobre a ampliación das contías aquí establecidas, e producirá efectos logo da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2010.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente,
Territorio e Infraestruturas

No hay comentarios:

Publicar un comentario