¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

martes, 15 de junio de 2010

cheque infantil en escolas infantis 0-3 non sostidas con fondos publicos

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, inclúe, no seu artigo 3, como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, darlles protección e oportunidades sociais e educativas aos menores de idade.
Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15º b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.
O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, no seu artigo 12, atribúe á Secretaría Xeral de Familia e Benestar, entre as súas funcións, a xestión das políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, segundo o disposto nas dúas leis anteriores.
Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo) e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.
As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.312B.470.0 recollida na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010. Dado que este programa se estende na súa execución a parte do ano 2011 trátase dun gasto plurianual, polo que o importe destinado ás axudas ascenderá á cantidade de 511.461 euros na anualidade de 2010 e de 1.193.409 euros na anualidade de 2011, correspondente ao curso 2010/2011.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao que foron establecidos,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, e a regulación do proceso de concesión de axudas económicas para a atención de nenas/os de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos mediante o programa do cheque infantil.
Artigo 2º.-Tipo de axuda.
1. A axuda convocada consiste na provisión e cobertura total ou parcial do custo da praza adxudicada nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos ás persoas solicitantes con nenas/os entre 0 e 3 anos a cargo que desexen acollerse aos beneficios do programa cheque infantil.
2. A persoa beneficiaria participará, se é o caso, no pagamento da contía da praza segundo os prezos e tramos de renda fixados no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Xunta de Galicia.
A contía máxima subvencionable será a diferenza resultante entre o importe máximo por praza, segundo a modalidade e a achega que, se é o caso, corresponda aboar á persoa beneficiaria.
3. Para os efectos desta axuda establécese o custo máximo da praza, segundo o horario e servizos nas seguintes contías:
a) Praza ofertada durante 8 horas diarias: 130 euros/mes.
b) Praza ofertada durante 8 horas diarias con servizo de comedor: 215 euros/mes.
c) Praza ofertada en horario de tarde: 90 euros/mes. Entendendo prazas con horario a partir das 15.00 horas durante catro horas.
No custo máximo da praza, exclúese o prezo de transporte, actividades extraescolares, material escolar, horas complementarias, matrículas e outros análogos, que deberán ser aboadas, cando proceda, pola persoa usuaria.
4. Como anexo I a esta orde especifícanse as achegas que corresponde aboar ás persoas beneficiarias así como a contía máxima mensual da axuda por praza segundo a renda per cápita e circunstancias familiares.
5. Para os efectos desta orde, considérase que as/os nenas/os de integración ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo incrementarase na contía correspondente ao custo dunha praza (130 euros/mes para prazas con só asistencia, 215 euros/mes para prazas con servizo de comedor e 90 euros/mes para prazas en horario de tarde). A unidade familiar aboará ao centro a achega que corresponda segundo o establecido no anexo I.
6. A dispoñibilidade horaria das prazas correspondentes á prestación do cheque infantil estará nas mesmas condicións que o resto de prazas que oferte o centro.
Artigo 3º.-Persoas beneficiarias.
1. Reserva de praza.
Co obxecto de dar continuidade ás prazas adxudicadas no curso 2009/2010, terán preferencia para a concesión das axudas previstas nesta orde as persoas con responsabilidade sobre nenas/os de 0 a 3 anos que no curso 2009/2010 tiveran recoñecida esta axuda. En todo caso, deberán cumprir os requisitos establecidos nesta orde para ser persoa beneficiaria e solicitar a reserva da praza adxudicada no ano anterior.
2. Novas solicitudes de praza.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias do programa cheque infantil, as persoas con responsabilidade sobre nenas/os de 0 a 3 anos:
a) Solicitantes de prazas, nas modalidades de asistencia e asistencia con comedor, en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e que non resultaran adxudicatarias/os dunha delas por falta de prazas dispoñibles. Consideraranse solicitantes sempre que exercesen a opción polo programa cheque infantil na solicitude da praza. Neste caso, estas persoas solicitantes en lista de agarda, non terán que presentar a solicitude da axuda regulada nesta orde.
b) Solicitantes residentes en localidades onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e desexen obter praza nas modalidades de asistencia e asistencia con comedor, nalgún centro partícipe do programa existente no concello de residencia, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen as/os nais/pais ou titores legais.
c) Solicitantes de prazas en horario de tarde.
As persoas que se atopen nos supostos b) e c) anteriores, deberán presentar a solicitude e a documentación correspondente de acordo co establecido no artigo 6º.2 desta orde.
3. Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Xunta de Galicia, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á primeira infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.
4. As persoas beneficiarias só poderán recibir a axuda correspondente a unha das modalidades establecidas.
5. As escolas infantís sostidas con fondos públicos que teñan en lista de agarda solicitantes que optaran polo programa do cheque infantil, deberán remitila ao departamento territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar xunto coa documentación necesaria para a súa valoración (artigo 6º desta orde) antes do 9 de xullo de 2010. Se no prazo establecido non se presentaran as listas de agarda dos centros sostidos con fondos públicos non se procederá á súa tramitación.
Artigo 4º.-Requisitos das persoas beneficiarias.
1. Para ser persoa beneficiaria das axudas as/os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Ter unha/un nena/o a cargo nada/o con posterioridade a 31 de decembro de 2007.
b) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas.
c) Que a renda per cápita mensual da unidade familiar non supere 1.000 euros.
2. As/os solicitantes que se atopen no suposto do artigo 3º.2 deberán acreditar ademais dos anteriores, os seguintes requisitos:
a) Ter cumpridos a/o nena/o a cargo 3 meses na data de ingreso.
b) Ter presentada a solicitude de praza e quedar na lista de agarda para o ingreso nunha escola infantil 0-3 sostida con fondos públicos, no suposto do artigo 3º.2 a).
c) Que existan prazas correspondentes ao grupo de idade da/do nena/o nos centros partícipes do programa no concello de residencia da persoa beneficiaria, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen os pais ou titores legais.
Artigo 5º.-Renda per cápita mensual.
1. Para efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.
Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polas/polos nais/pais e fillos menores de dezaoito anos, ou fillos maiores de dezaoito anos cunha minusvalidez superior ao 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.
2. Para os efectos desta orde, teñen a consideración de ingresos, a suma da base impoñible xeral máis a base impoñible do aforro do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.
1. Reserva de praza.
Aquelas/es beneficiarias/os que no curso 2009/2010 gozasen da axuda do programa Cheque infantil e continúen interesados na praza adxudicada no ano anterior, deberán presentar a solicitude simplificada que figura como anexo II a esta orde.
A esta solicitude xuntarase a documentación a que se refiren os puntos 6º.2 d) e 6º.2 e), así como a demais documentación no caso de producirse cambios nas circunstancias familiares.
2. Novas solicitudes de praza.
No caso das/dos interesadas/os que se atopen no suposto do artigo 3º.2 b), así como aquelas/es interesadas/os que soliciten prazas en horario de tarde (artigo 3º.2 c), as peticións de axuda presentaranse mediante solicitude segundo o modelo oficial (anexo III) subscrita polas/os nais/pais ou representantes legais das/os nenas/os, na que se elixirá ata un máximo de cinco centros da lista de centros participes que figuran como anexo VIII a esta orde, detallándose por orde de preferencia. Xunto á solicitude achegarase a seguinte documentación:
a) Datos complementarios (anexo IV).
b) Fotocopia simple do documento nacional de identidade ou outro documento acreditativo da identidade das/dos nais/pais ou representantes legais, segundo proceda, só no caso de que non se autorice a Consellería de Traballo e Benestar a solicitar do Ministerio da Presidencia os seus datos de conformidade co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.
c) Fotocopia cotexada do libro de familia, ou no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
d) Declaración xurada de non percibir axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outras administracións públicas ou, de ser o caso, relación das solicitadas (anexo V).
e) Xustificación de ingresos:
A presentación de solicitude comportará a autorización ao departamento territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar para solicitar da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar tal e como se establece no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, todos os membros con ingresos que compoñen a unidade familiar, deberán asinar o anexo VI desta orde. Non obstante, a/o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.
Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentar outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica.
Naqueles casos en que por distintas razóns non se poidan acreditar as rendas das/os nais/pais con escasos recursos, será preciso un informe da traballadora ou traballador social do concello.
f) Informe do equipo de valoración e orientación dos departamentos territoriais correspondentes da Consellería de Traballo e Benestar, servizos especializados de atención temperá da administración local ou autonómica, ou órganos competentes na materia na Administración do Estado ou nas correspondentes comunidades autónomas, sobre a necesidade de integración no caso de nenas/os con necesidades de apoio específico.
g) Outros documentos, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:
-Responsabilidades familiares.
-Certificado de recoñecemento do grao de minusvalía alegado polos membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.
-Certificado médico no caso de enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos membros da unidade familiar.
-Xustificante de ocupación ou de desemprego (últimas nóminas, vida laboral, certificación de empresa ou certificación de ser demandante de emprego) da nai, pai, titora ou titor legal.
-Condición de familia monoparental, entendida como a constituída pola nai ou o pai co que conviva a/o filla/o e que constitúe o sustentador único da familia (acreditada mediante fotocopia compulsada do libro de familia, certificado de convivencia, e sentenza de separación/divorcio ou convenio regulador).
-Ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais.
-Familia numerosa.
h) No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero acreditarase por medio de calquera dos seguintes documentos:
-Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
-Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
-Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
-Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
-Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
-Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
-Calquera outra forma establecida regulamentariamente.
i) De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas na letra g), poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente.
3. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa, o departamento territorial correspondente requirirá á/ao solicitante para que, nun prazo de 10 días, achegue os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, considerarase que desistiu da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.
Artigo 7º.-Lugar e prazo das solicitudes.
1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, dirixidas ao departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde teña o seu domicilio a/o solicitante, presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As persoas que o desexen poderán completar a solicitude en liña que como formulario electrónico se atopará na páxina web (http:/benestar.xunta.es). Posteriormente, e antes de que finalice o prazo sinalado no punto 2 deste artigo, presentarán esa mesma solicitude impresa debidamente asinada e acompañada da correspondente documentación nos citados rexistros.
2. O prazo de presentación de solicitudes de reserva de praza, así como para as/os posibles beneficiarias/os do artigo 3.2º b) e 3.2º c), será dun mes desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
3. Con carácter excepcional, poderanse presentar solicitudes fóra do prazo ordinario establecido no punto 2 deste artigo, cando se produza algunha das circunstancias que se indican a seguir:
a) Nacemento da/do nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.
b) Fillas/os de mulleres vítimas de violencia de xénero.
c) Cambio de concello de residencia da unidade familiar ou outras circunstancias que motivadamente aprecien os departamentos territoriais correspondentes da Consellería de Traballo e Benestar.
As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir acompañadas da xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/do nena/o e de orzamento suficiente para esta finalidade.
4. No caso das/dos posibles beneficiarias/os do artigo 3.2º a) non será precisa a presentación de solicitudes, considerándose como interesadas/os desde o momento en que, formando parte das listas de agarda definitivas en centros sostidos con fondos públicos, exercesen a opción polo programa cheque infantil.
Artigo 8º.-Tramitación e avaliación das solicitudes.
1. Os servizos de Familia e Menores dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar serán os órganos responsables da tramitación dos expedientes.
2. A avaliación das solicitudes será efectuada pola comisión de avaliación, que se constituirá en cada departamento territorial.
3. A comisión de avaliación estará constituída polos seguintes membros:
-Presidencia: a/o xefa/e do servizo de Familia e Menores.
-Vocais: tres persoas traballadoras do respectivo departamento territorial, nomeadas pola/o xefa/e territorial competente na materia, unha das cales actuará como secretaria/o.
A esta comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, unha/un representante da intervención competente.
Artigo 9º.-Criterios de valoración das solicitudes.
1. As comisións de avaliación, tendo en conta o orzamento asignado para este programa e a dispoñibilidade de prazas nos centros partícipes, elaborarán a relación priorizada de persoas beneficiarias segundo os seguintes criterios:
a) Terán prioridade as persoas beneficiarias que no ano anterior gozasen desta axuda e pola súa vez optasen por reservar a praza adxudicada no curso 2009/2010. Naqueles casos en que non fose posible adxudicarlles a mesma praza, adxudicaráselle outra de similares características no mesmo centro ou noutro, o máis próximo ao da praza do curso 2009/2010.
b) Peticións de nenas/os con irmá/n -ás/ns con praza adxudicada (renovada ou de novo ingreso) para o curso 2010/2011 e opten polo mesmo centro.
c) O resto das peticións que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4º, seleccionaranse de acordo co baremo que figura como anexo VII a esta orde.
Unha vez avaliadas as solicitudes, as comisións territoriais de avaliación emitirán informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.
O Servizo de Familia e Menores elevará o informe xunto coas propostas de resolución ao órgano competente para a súa resolución, propoñendo a concesión ou denegación das axudas.
Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola/o interesada/o, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Na proposta de resolución figurarán por separado a relación de beneficiarias/os que reservan a praza adxudicada no ano anterior e as/os novas/os beneficiarias/os indicando se se dan as circunstancias da letra b) do punto 1 deste artigo. Esta relación de persoas beneficiarias deberá indicar a correspondente puntuación e a asignación do centro no que se lle adxudica unha das prazas do programa do cheque infantil, con especificación, se é o caso, da axuda e da achega que lle corresponda. Na relación de persoas beneficiarias que reservan a praza non figurará a puntuación. No caso de que a demanda de axudas superase a oferta dispoñible, elaborarase unha lista de agarda coa puntuación obtida en aplicación do baremo por cada unha delas.
A/o solicitante que rexeite unha praza adxudicada polo procedemento establecido nesta orde, quedará excluído da lista de espera a que se refire o parágrafo anterior.
3. Con posterioridade á primeira comisión de avaliación de axudas, a dita comisión poderase reunir tantas veces como sexa preciso ao longo do curso 2010/2011 para realizar novas propostas de adxudicación de prazas, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e prazas ofertadas polos centros partícipes, e respectando a orde da lista de agarda.
Artigo 10º.-Resolución.
1. Facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a resolución das axudas, por proposta do Servizo de Familia e Menores, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelles por delegación ás/aos xefas/es territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.
2. As/os xefas/es territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, á vista da proposta que lles foi elevada, ditarán a resolución pertinente, na que se fixará a praza correspondente nun centro partícipe e os termos da axuda, especificando, se é o caso, a parte de pagamento que lle corresponde á persoa beneficiaria. O seu contido seralles notificado ás/aos interesadas/os de acordo co establecido no artigo 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de seis meses contados desde o día seguinte ao da data da publicación desta orde, transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.
4. Notificada a resolución definitiva, as persoas beneficiarias do programa disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada, sen prexuízo do establecido no artigo 11.1º.
5. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.
Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.
6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
Artigo 11º.-Procedemento de materialización da axuda.
1. No prazo de 15 días posteriores á notificación da resolución da axuda, a persoa beneficiaria deberá confirmar a praza no centro asignado, doutro xeito considerarase decaída no seu dereito.
2. As persoas beneficiarias recibirán cheques infantís mensuais que entregarán ao centro partícipe xunto coa achega, se é o caso, nos dez primeiros días do mes das prestacións. O centro entregaralle á persoa beneficiaria o correspondente xustificante de pagamento e factura polo total do servizo, con especificación da achega que lle corresponde aboar.
3. Os cheques serán efectivos a partir da data que se fixe na resolución de concesión da axuda, podendo ser esta data anterior á data da resolución, sempre que a persoa beneficiaria comezase a gozar do servizo. En todo caso, o primeiro mes en que se realice a prestación, as/os beneficiarias/os non recibirán o cheque infantil que lles puidese corresponder, senón que este será aboado de oficio pola Administración ao centro partícipe.
O prazo máximo que se lle concede á persoa beneficiaria para comezar a gozar do servizo é de quince días contados desde a data na que o cheque comeza a ser operativo, salvo prórroga excepcional proposta pola comisión de avaliación cando se acredite causa xustificada de demora.
4. Unha vez realizada a prestación do servizo, o centro enviará á xefatura territorial correspondente unha relación certificada das persoas beneficiarias segundo os servizos prestados, xunto aos cheques infantís correspondentes.
Os centros partícipes, antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, terán que acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 12º.-Cambio de centro partícipe.
Durante o curso 2010/2011 as xefaturas territoriais, dentro do ámbito provincial, poderán autorizar á persoa beneficiaria o cambio de centro partícipe cando existan motivos excepcionais debidamente xustificados non previsibles no momento da solicitude. En todo caso, estas autorizacións estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/do nena/o.
As solicitudes para cambio de centro partícipe dirixiranse ao departamento territorial que corresponda acompañadas da xustificación acreditativa da circunstancia que motiva o cambio.
Artigo 13º.-Baixas.
Serán causas de baixa no programa do cheque infantil e na praza asignada no centro partícipe do dito programa, algunha das circunstancias seguintes:
1. Non acudir ao centro asignado dentro dos 15 días seguintes á data que figura na resolución para ser efectivo o cheque, ou ben non poñerse en contacto co centro nese período.
2. A falta de asistencia continuada ao centro durante 15 días sen causa xustificada.
3. Incumprimento do deber establecido no artigo 11º.2 respecto da entrega do cheque infantil ao centro e pagamento, se é o caso, da achega correspondente.
Artigo 14º.-Obrigas das persoas beneficiarias.
As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais especificamente a:
a) Facilitarlles aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
b) Destinar o cheque infantil á finalidade para a que se concede.
c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.
Artigo 15º.-Reintegro.
Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes casos:
a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.
b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.
c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.
d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
f) Incumprimento das condicións impostas pola administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se execute o proxecto ou se adopte o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
g) Incumprimento das condicións impostas pola administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.
i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
Disposicións adicionais
Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade e a dispoñibilidade de prazas nos centros partícipes do programa nas localidades en que se solicitan.
Segunda.-Apróbase a delegación de competencias nas/nos xefas/es territoriais correspondentes da Consellería de Traballo e Benestar para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Terceira.-As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cuarta.-No caso de nenas/os con irmá/n, -ás/ns con praza reservada nun centro partícipe do programa cheque infantil e que resulten adxudicatarias/os dunha praza nunha escola infantil 0-3 dependente da Xunta de Galicia, se exercesen a opción establecida no artigo 3.2º a) para este programa, continuarase a tramitación do expediente de solicitude da axuda regulada nesta orde. De ter prioridade para obter a axuda do programa cheque infantil para o centro en que reserva praza a/o irmá/n, o Servizo de Familia e Menores, antes de elevar a proposta ao órgano competente para a súa resolución, daralle o dereito de opción á/ao beneficiaria/o por unha das dúas prazas.
Quinta.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9.3º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
Sexta.-De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos recollidos nas solicitudes incorporaranse a un ficheiro baixo a responsabilidade da Consellería de Traballo e Benestar, para o seu tratamento, coa finalidade da xestión deste procedemento. Poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral de Familia e Benestar, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral de Familia e Benestar para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2010.
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

No hay comentarios:

Publicar un comentario