¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

lunes, 18 de julio de 2011

LEI 4/2011, de convivencia e participación da comunidade educativa

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
I

A convivencia nos centros docentes constitúe en todas as sociedades desenvolvidas un motivo de preocupación crecente, que non se circunscribe unicamente aos problemas que supón o mantemento da disciplina nas aulas, senón tamén ás relacións entre o propio alumnado, o que levou a tomar conciencia da gravidade que revisten fenómenos como o acoso escolar. Galicia non é allea a esta realidade, e o feito de que, con carácter xeral, a situación da convivencia nos centros docentes non alcance un nivel de deterioración grave non debería eximir os poderes públicos de adoptar as medidas necesarias para propiciar un ambiente educativo que faga posible o pleno cumprimento dos fins da educación. A preocupación polos fenómenos de mala convivencia e de acoso escolar nos últimos tempos comeza a ser, tristemente, unha nova cotiá. Do mesmo xeito, existe unha demanda latente por parte dos profesionais da educación de recoñecemento do seu labor e de dotación de ferramentas que permitan atallar dun xeito inmediato e eficaz as eventuais condutas que atenten contra o normal desenvolvemento da actividade docente.

Consciente de todo isto, a Comunidade Autónoma pretende a través desta lei crear e reforzar os instrumentos xurídicos que permitan acadar e manter un clima de convivencia de calidade e que, simultaneamente, dignifiquen a profesión docente. Neste sentido, a Comunidade Autónoma galega ten atribuída no artigo 31 do Estatuto de autonomía competencia plena sobre a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, consonte o punto 1 do artigo 81 dela, o desenvolvan, das facultades que atribúe ao Estado o número 30 do punto 1 do artigo 149 da Constitución e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía, polo cal lle corresponde a responsabilidade, no marco da lexislación estatal citada, de regular a convivencia nos centros docentes e entre todos os membros da comunidade educativa.

Esta lei parte da convicción de que sen un ambiente de convivencia nos centros educativos baseado no respecto mutuo non é posible dar cumprimento aos fins da educación nin permitir o aproveitamento óptimo dos recursos educativos que a sociedade pon á disposición do alumnado e, polo tanto, das familias. Para conseguir este obxectivo é necesaria a implicación de todos os membros da comunidade educativa -nais e pais, profesorado, persoal de administración e de servizos e alumnado-, así como da propia Administración educativa. A lei incide moi especialmente na corresponsabilidade das nais e pais ou titoras ou titores na devandita tarefa, e por iso vincula a regulación da convivencia nos centros docentes ao establecemento de canles para a participación directa daqueles no ensino e no propio proceso educativo. Así mesmo, pretende recoller as lexítimas aspiracións do profesorado de ver recoñecida debidamente a súa función pola sociedade e polos poderes públicos, de dispoñer das facultades necesarias para o mantemento da disciplina escolar e de recibir a protección xurídica necesaria para o exercicio das súas funcións.

II

A lei consta dun primeiro título no que se define o seu obxecto, ámbito de aplicación e principios informadores. De acordo co que se acaba de dicir, o obxecto desta lei vincula a regulación das normas básicas de convivencia nos centros docentes coa participación directa das familias no proceso educativo. O seu ámbito de aplicación esténdese a todos os centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia. En canto aos principios informadores, diferéncianse os relativos ás normas sobre convivencia nos centros docentes dos relativos ás normas sobre participación directa das familias no proceso educativo.

O primeiro grupo de principios parte do obxectivo fundamental de garantir un ambiente educativo de respecto mutuo que faga posible o cumprimento dos fins da educación, e inclúe de xeito expreso a prevención e o tratamento das situacións de acoso escolar mediante medidas eficaces, o recoñecemento ao profesorado e aos membros dos equipos directivos dos centros docentes das facultades precisas para previr e corrixir as condutas contrarias á convivencia, así como da protección xurídica adecuada ás súas funcións, e a corresponsabilidade das nais e pais ou titoras ou titores no mantemento da convivencia nos centros docentes, que se concibe como un dos principais deberes que a aqueles lles corresponden en relación coa educación dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas.

O segundo grupo de principios aséntase na participación de todos os sectores afectados na programación xeral do ensino polos poderes públicos que garante o punto 5 do artigo 27 da Constitución española, e que ofrece unha base constitucional sólida e xuridicamente incontestable á regulación pola lei de procedementos de consulta e participación directa das familias no ensino. Estes procedementos en ningún caso substitúen as canles institucionalizadas de participación nel e no funcionamento e goberno dos centros docentes previstas na lexislación educativa vixente, senón que abren novas vías de participación directa á comunidade educativa e, en especial, ás nais e pais, como primeiros responsables da educación dos seus fillos ou fillas, nas decisións da Administración educativa, respectando a autonomía dos centros para desenvolver a programación xeral do ensino e a liberdade docente e pedagóxica do profesorado. A iso súmaselle o obxectivo de mellorar a comunicación entre o profesorado e as nais e pais, co fin de facilitar a estes o exercicio dos dereitos e o cumprimento dos deberes que lles corresponden en relación coa educación dos seus fillos ou fillas.

III

O título segundo da lei ocúpase de definir os dereitos e deberes que, en relación co obxecto dela, corresponden aos distintos membros da comunidade educativa: nais e pais ou titoras ou titores, alumnado, profesorado e persoal de administración e de servizos. É preciso aclarar que en ningún caso se pretendeu formular unha enunciación completa dos dereitos e deberes de todos os membros da comunidade educativa, senón só destacar e, de ser o caso, desenvolver aqueles dereitos e deberes que maior relación gardan co obxecto da propia lei. Así mesmo, no caso das nais e pais ou titoras ou titores, engadíronse os dereitos especificamente relacionados coa finalidade da lei de posibilitar o establecemento de canles de participación directa no proceso educativo.

Mención á parte merece o elenco de dereitos e deberes do profesorado, no que se plasma a intención da lei de satisfacer as demandas deste sector no que se refire a recuperar consideración social, a gozar dunha protección xurídica integral no exercicio das súas funcións e a dispoñer das facultades precisas para o mantemento da disciplina escolar. Como contrapartida, e froito da convicción de que nunha comunidade como a educativa os dereitos implican tamén responsabilidades, recóllense os deberes correspondentes, que estenden ao profesorado as esixencias de respecto mutuo nun marco de convivencia e lle impoñen un exercicio responsable das facultades que se lle atribúen, así como dispoñibilidade, nos termos que a normativa aplicable estableza, para a atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores do alumnado.

IV

A parte máis extensa da lei é o seu título terceiro, estruturado en tres capítulos, que establece as normas básicas de convivencia nos centros docentes. Nun primeiro capítulo deste título establécense as disposicións xerais na materia, que inclúen, en primeiro lugar, a delimitación do contido do plan de convivencia e das normas de convivencia cos que, segundo a vixente lexislación xeral educativa, deben contar todos os centros docentes. En particular, no artigo dedicado a este tema abórdase a cuestión, que deu lugar a importantes polémicas educativas, da regulación da vestimenta do alumnado, que se deixa á autonomía de cada centro en función da situación socioeducativa deste, pero coa fixación duns principios que deben servir de orientación e límite á hora de establecer esa regulación.

Neste capítulo recóllese tamén o recoñecemento ao profesorado da condición de autoridade pública, que produce dous efectos legais: a extensión a aquel da protección do ordenamento xurídico que corresponde a tal condición e a atribución de valor probatorio aos feitos que o profesorado constate no exercicio das súas funcións de corrección disciplinaria e que se formalicen por escrito en documento que conte cos requisitos establecidos regulamentariamente. Así mesmo, atribúese ao profesorado a facultade de requirir ao alumnado, dentro do recinto escolar e tamén durante a realización de actividades complementarias e extraescolares, a entrega de calquera obxecto, substancia ou produto que porte e que estea expresamente prohibido polas normas do centro, resulte perigoso para a súa saúde ou integridade persoal ou a dos demais membros da comunidade educativa ou poida perturbar o normal desenvolvemento das actividades docentes, complementarias ou extraescolares. Desta forma, dótase o profesorado dun réxime xurídico que reforza a súa protección legal e lle proporciona as facultades necesarias para o mantemento da disciplina escolar.

Conscientes da extensión de parte das condutas reprobables fóra das aulas, a lei contén a previsión de que poden ser obxecto de corrección disciplinaria non só as condutas contrarias á convivencia realizadas polo alumnado dentro do recinto escolar, senón tamén as levadas a cabo durante a realización de actividades complementarias e extraescolares, incluída a prestación dos servizos de comedor e transporte escolar, así como as que se producen fóra do recinto escolar noutras situacións, sempre que estean motivadas ou directamente relacionadas coa vida escolar e afecten aos compañeiros ou compañeiras ou a outros membros da comunidade educativa, e mesmo se preocupa por estender o ámbito de aplicación a aquelas condutas realizadas nun contorno tecnolóxico que transcende o espazo físico. Isto permite dar resposta a preocupantes fenómenos como o acoso escolar, que non se desenvolven única nin fundamentalmente dentro dos centros docentes, aínda sendo clara a súa vinculación coa convivencia escolar.

Incorpórase ao texto legal a obriga do alumnado de reparar os danos materiais ou morais causados coas condutas contrarias á convivencia, obriga que debe entenderse como medida educativa no marco do proceso de formación integral do alumnado, polo que deixa a salvo o réxime de responsabilidade civil que poida derivar de tales condutas.

V

Xa no capítulo segundo deste título terceiro abórdase a tipificación das condutas contrarias á convivencia e das medidas correctoras destas, así como a regulación do procedemento para a súa aplicación.

En canto ás condutas contrarias á convivencia, a lei procura precisar e modernizar a tipificación das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia, engadíndose ao elenco actualmente aplicable a difusión por calquera medio de imaxes ou informacións que atenten contra o dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe dos demais membros da comunidade educativa, as actuacións que constitúan acoso escolar e portar calquera obxecto gravemente perigoso para a saúde ou a integridade persoal do alumnado ou dos demais membros da comunidade educativa. Polo que se refire ás condutas leves contrarias á convivencia, a propia lei delimita algunhas delas que se aplicarán de xeito uniforme en todos os centros docentes, sen prexuízo da marxe que estes manteñen para a tipificación doutros supostos a través das súas propias normas de convivencia.

As medidas correctoras das condutas contrarias á convivencia apenas se modifican con respecto ao elenco actual, xa que a experiencia da súa aplicación práctica demostra que esa configuración é esencialmente acertada e operativa. No entanto, a lei inclúe tres novidades neste terreo. A primeira é a previsión, como complemento das devanditas medidas, da elaboración e do desenvolvemento polo departamento de orientación de cada centro docente de programas de habilidades sociais dirixidos ao alumnado que incorra reiteradamente en condutas disruptivas, coa finalidade de mellorar a súa integración no centro docente, e tamén a aquel alumnado que, como consecuencia da imposición das medidas correctoras previstas, se vexa temporalmente privado do seu dereito de asistencia ao centro. A segunda consiste en establecer criterios específicos de graduación das medidas, que inclúen o recoñecemento espontáneo do carácter incorrecto da conduta e, se é o caso, o cumprimento igualmente espontáneo da obriga de reparar os danos producidos, a existencia de intencionalidade ou reiteración, a difusión por calquera medio da conduta, a natureza dos prexuízos causados e o carácter especialmente vulnerable da vítima da conduta, se esta se trata dun alumno ou alumna, por razón da súa idade, de recente incorporación ao centro ou calquera outra circunstancia. Para rematar, fíxanse prazos de prescrición claros que superan a regra actual de que as medidas correctoras prescriben á finalización do curso escolar.

É no procedemento de aplicación das medidas correctoras onde máis profunda é a reforma que esta lei leva a cabo. Nela combínase o principio de que estas medidas teñen un carácter educativo que se frustra se non existe inmediatez entre a súa aplicación e a conduta que se pretende corrixir co imprescindible respecto dos dereitos e garantías de defensa do alumnado. Así, prevese, por unha banda, o procedemento aplicable no caso das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia, que é un procedemento disciplinario con todas as garantías, aínda que caracterizado pola brevidade dos prazos e a axilidade da súa tramitación, o cal é acompañado dun sistema especial de reclamación en vía administrativa que substitúe os recursos administrativos ordinarios; por outra banda, regúlase a imposición das medidas correctoras das condutas leves contrarias á convivencia, onde as formalidades se reducen considerablemente, aínda que se mantén en todo caso a garantía que supón a audiencia previa ao alumnado. Para rematar, de acordo coa idea inspiradora desta lei de que as nais e pais ou as titoras ou titores son corresponsables do mantemento da convivencia escolar, imponse a obrigatoriedade para estes da participación nos procedementos de corrección disciplinaria cando legalmente son convocados.

VI

O capítulo III do título III da lei contén unha novidade de gran calado: por primeira vez abórdase no plano lexislativo o tratamento das situacións de acoso escolar. Isto inclúe, para empezar, a definición destas situacións, que se leva a cabo de acordo cos criterios xeralmente admitidos pola comunidade pedagóxica e inclúe a problemática derivada do mal ou inadecuado uso das novas tecnoloxías, ás que esta lei quere prestar unha especial atención. En segundo lugar, conságranse os principios de protección integral das vítimas e de primacía do interese destas no tratamento do acoso escolar, dirixidos especificamente a superar a práctica segundo a cal a única solución que admiten estas situacións é o traslado de centro docente da vítima, mentres os acosadores ven triunfar, en certo xeito, a súa actitude antisocial e contraria á convivencia.

Finalmente, disponse a incorporación aos plans de convivencia dos centros docentes de protocolos para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, que preverán a realización de campañas de sensibilización de todos os membros da comunidade educativa contra o acoso escolar, o establecemento de canles específicas que faciliten a exteriorización destas situacións polas vítimas e a determinación das medidas que se deben adoptar no caso de detección dunha situación de acoso escolar para poñerlle fin a esta. Entre esas medidas estará necesariamente a designación pola persoa titular da dirección do centro ou titular do centro concertado dunha persoa responsable da atención á vítima entre o persoal do propio centro docente, para garantir o dereito dela á protección integral que esta lei lle recoñece, sen prexuízo da intervención dunha mediación máis profesional no caso de que a situación presente unha gravidade especial.

VII

O cuarto e último título da lei aborda a regulación da participación directa das familias no ensino e no proceso educativo; desta forma desenvólvese mediante un instrumento específico o mandato establecido no artigo 118 da Lei orgánica de educación para facer efectiva a colaboración entre a familia e a escola. A lei incorpora deste xeito unha nova fórmula de participación que resulta respectuosa coas previsións, contidas na lexislación con rango de lei orgánica emanada do lexislador estatal, relativas á participación indirecta da comunidade educativa a través de representantes dos distintos colectivos nos consellos escolares de centros. Do mesmo xeito o presente texto é compatible e respectuoso coa participación indirecta que establece a Lei 3/1986, do 18 de decembro, de consellos escolares de Galicia, que se institucionaliza mediante órganos colexiados nos que participan os representantes das familias e dos restantes estamentos da comunidade educativa, Consello Escolar de Galicia e consellos escolares de centros. Como xa se adiantou ao citar os principios e fins inspiradores desta lei, neste título habilítase expresamente a Administración educativa para que poida establecer procedementos de consulta e participación directa das familias dirixidos a facer efectiva a súa implicación no proceso educativo, procedementos cuxos resultados poderán ter carácter meramente orientativo ou, cando así se considere, un maior grao de vinculación para a administración e os centros educativos, e que, en todo caso, contarán coas garantías para a súa correcta realización que resulten esixibles de acordo coa finalidade e co carácter deles.

Convén aclarar varios extremos en relación con estes procedementos, para evitar calquera interpretación equivocada do seu significado e alcance. En primeiro lugar, a súa implantación é potestativa para a Administración educativa. En segundo lugar, o seu obxecto son sempre aspectos concretos do ensino, o que deixa a salvo a autonomía dos centros educativos para desenvolver esa programación xeral e, por suposto, a liberdade docente e pedagóxica do profesorado. En terceiro lugar, a súa natureza xurídica non se pode equiparar á dun referendo nin á dunha simple enquisa de opinión, senón que é estritamente administrativa e procedemental; trátase dunha canle de participación directa dos cidadáns de acordo cos principios dunha administración democrática e participativa.

A participación directa concíbese, xa que logo, como un elemento de opinión e de guía que maximiza o acerto das decisións educativas que debe adoptar a administración, contando deste xeito cun maior consenso e configurándose como un elemento de valoración na formación da vontade da Administración educativa cando existen varias alternativas posibles para a adopción dun acto administrativo ou a xénese dunha norma que innove o ordenamento xurídico.

Este título intenta tamén mellorar a participación das nais e pais ou das titoras ou titores no proceso educativo por outra vía, a de garantir a dispoñibilidade tanto do profesorado en xeral como dos membros dos equipos directivos dos centros docentes para a atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores do alumnado. Con iso non se pretende impoñer novas obrigas ao profesorado, senón dar resposta á demanda social de maior accesibilidade a el por parte das nais e pais ou das titoras ou titores, mediante unha distribución do horario semanal individual que coide de que as horas de atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores de todo o profesorado, teña ou non a condición de titor ou membro dos equipos directivos, sexan razoablemente compatibles coas obrigas laborais e familiares dos primeiros.

VIII

Como disposicións adicionais inclúense algunhas medidas complementarias do resto das previsións desta lei. A primeira, recollendo de novo demandas do profesorado, contén un mandato á Administración educativa para que promova as medidas oportunas para garantir a adecuada protección e asistencia xurídica do profesorado dos centros docentes públicos, sen prexuízo do dereito do que xa gozan á representación e defensa en xuízo nos termos establecidos na normativa reguladora da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. A segunda trata de fomentar a utilización xeneralizada nos centros docentes de medios electrónicos de comunicación coas nais e pais ou coas titoras ou titores do alumnado, no entendemento de que iso contribuirá a axilizar a comunicación entre ambas as partes e, por conseguinte, a mellorar a participación das nais e pais ou das titoras ou titores no proceso educativo dos seus fillos ou fillas. Para acabar, a terceira disposición adicional prevé a adecuación do réxime dos membros dos equipos directivos dos centros docentes ás funcións, tarefas e responsabilidades que derivan da aplicación desta lei, e accións formativas específicas para o profesorado, dirixidas a preparalo para o exercicio das facultades e o cumprimento dos deberes que, en relación coa convivencia escolar, lle corresponden de acordo co novo texto legal.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa.

TÍTULO I. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto.
Esta lei ten por obxecto regular as normas básicas de convivencia nos centros docentes comprendidos no seu ámbito de aplicación e a participación directa das familias así como do resto da comunidade educativa no ensino e no proceso educativo, en exercicio das competencias sobre regulación e administración do ensino atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia no seu Estatuto de autonomía e en desenvolvemento da lexislación básica estatal sobre a materia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.
O disposto nesta lei é aplicable en todos os centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Fins e principios informadores das normas sobre convivencia nos centros docentes.
As normas sobre convivencia nos centros docentes establecidas nesta lei oriéntanse aos seguintes fins, que informarán a súa interpretación e aplicación:

a) A garantía dun ambiente educativo de respecto mutuo que faga posible o cumprimento dos fins da educación e que permita facer efectivo o dereito e o deber de aproveitar de xeito óptimo os recursos que a sociedade pon á disposición do alumnado no posto escolar.

b) A educación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, na igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres e na igualdade de trato e non discriminación das persoas.

c) A prevención e o tratamento das situacións de acoso escolar mediante medidas eficaces.

d) O recoñecemento ao profesorado, en especial aos membros dos equipos directivos dos centros docentes, das facultades precisas para previr e corrixir as condutas contrarias á convivencia, así como da protección xurídica adecuada ás súas funcións.

e) A corresponsabilidade das nais e pais ou das titoras ou titores no mantemento da convivencia nos centros docentes, como un dos principais deberes que lles corresponden en relación coa educación dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas.

f) Promover a resolución pacífica dos conflitos e fomentar valores, actitudes e prácticas que permitan mellorar o grao de aceptación e cumprimento das normas, avanzar no respecto entre todos os membros da comunidade educativa e a mellora da convivencia escolar.

g) Avanzar no respecto entre todos os membros da comunidade educativa e na mellora da convivencia escolar.

h) A promoción da sensibilización dos distintos sectores que interveñen na educación sobre a importancia da convivencia como parte fundamental para o desenvolvemento persoal e social do alumnado.

Artigo 4. Fins e principios informadores das normas sobre participación directa das familias no ensino e no proceso educativo.
As normas sobre participación directa das familias e, se é o caso, dos restantes membros da comunidade educativa no ensino e no proceso educativo establecidas nesta lei oriéntanse aos seguintes fins, que informarán a súa interpretación e aplicación:

a) A participación de todos os sectores afectados na programación xeral do ensino polos poderes públicos que garante o punto 5 do artigo 27 da Constitución española e o artigo 118 da Lei orgánica de educación.

b) A regulación de procedementos de consulta e participación directa das familias, e, de ser o caso, doutros colectivos da comunidade educativa, no ensino, complementarios das canles institucionalizadas de participación nel e no funcionamento e goberno dos centros docentes previstos na lexislación educativa.

c) A mellora da comunicación entre o profesorado e as nais e pais ou as titoras ou titores para facilitar a estes o exercicio dos dereitos e o cumprimento dos deberes que lles corresponden en relación coa educación dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas.

TÍTULO II. Dereitos e deberes de convivencia e participación directa
Artigo 5. Disposición xeral.
No marco do establecido pola lexislación básica de educación, os membros da comunidade educativa son titulares dos dereitos e deberes de convivencia e participación que se regulan neste título.

Artigo 6. Dereitos e deberes das nais e pais ou das titoras ou titores.
1. As nais e pais ou as titoras ou titores, en relación coa educación dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas, son titulares dos seguintes dereitos de convivencia e participación, sen prexuízo dos establecidos nas leis orgánicas de educación:

a) A ser respectados e recibir un trato adecuado polo resto da comunidade educativa.

b) A estar informados sobre o progreso da aprendizaxe e integración socioeducativa dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas, para o que se lles facilitará o acceso ao profesorado e aos membros dos equipos directivos dos centros docentes.

c) A recibir información sobre as normas que regulamentan a convivencia nos centros docentes.

d) A ser oídos, nos termos previstos por esta lei, nos procedementos disciplinarios para a imposición de medidas correctoras de condutas contrarias á convivencia dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas.

e) A participar no proceso educativo a través de consultas e outros procedementos de participación directa que estableza a Administración educativa.

2. Así mesmo, como primeiros responsables da educación dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas, teñen os seguintes deberes:

a) Coñecer, participar e apoiar a evolución do seu proceso educativo, en colaboración co profesorado e cos centros docentes.

b) Coñecer as normas establecidas polos centros docentes, respectalas e facelas respectar, así como respectar e facer respectar a autoridade e as indicacións ou orientacións educativas do profesorado no exercicio das súas competencias.

c) Fomentar o respecto polos restantes compoñentes da comunidade educativa.

d) Colaborar cos centros docentes na prevención e corrección das condutas contrarias ás normas de convivencia dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas.

Artigo 7. Dereitos e deberes do alumnado.
1. Recoñécenselle ao alumnado os seguintes dereitos básicos de convivencia escolar, sen prexuízo dos establecidos nas leis orgánicas de educación:

a) A recibir unha formación integral e coeducativa que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade nun ambiente educativo de convivencia, liberdade e respecto mutuo.

b) A que se respecten a súa identidade, integridade e dignidade persoais.

c) Á protección integral contra toda agresión física ou moral, e en particular contra as situacións de acoso escolar.

d) A participar directamente no proceso educativo cando sexa consultado pola Administración educativa, nos termos previstos no título IV desta lei.

e) A participar na confección das normas de convivencia e na resolución pacífica de conflitos e, en xeral, a participar na toma de decisións do centro en materia de convivencia.

2. Son deberes básicos de convivencia do alumnado:

a) Participar e colaborar na mellora da convivencia escolar e na consecución dun adecuado clima de estudo no centro, respectando o dereito dos seus compañeiros ou compañeiras á educación.

b) Respectar a dignidade e as funcións e orientacións do profesorado no exercicio das súas competencias, recoñecéndoo como autoridade educativa do centro.

c) Respectar a liberdade de conciencia, as conviccións relixiosas e morais, a igualdade de dereitos entre mulleres e homes e a dignidade, integridade e intimidade dos restantes membros da comunidade educativa.

d) Respectar as normas de organización, convivencia e disciplina do centro docente.

e) Conservar e facer un bo uso das instalacións e dos materiais do centro.

f) Intervir, a través das canles regulamentarias, en todo aquilo que afecte a convivencia dos seus respectivos centros docentes.

g) Seguir as directrices do profesorado respecto da súa educación e aprendizaxe.

h) Asistir a clase con puntualidade e co material preciso.

Artigo 8. Dereitos e deberes do profesorado.
1. Ao profesorado, dentro do marco legal establecido e no ámbito da convivencia escolar, recoñécenselle os seguintes dereitos:

a) A ser respectado, recibir un trato adecuado e ser valorado polo resto da comunidade educativa e pola sociedade en xeral no exercicio das súas funcións.

b) A desenvolver a súa función docente nun ambiente educativo adecuado no que se preserve en todo caso a súa integridade física e moral.

c) A participar e recibir a colaboración necesaria para a mellora da convivencia escolar e da educación integral do alumnado.

d) A que se lle recoñezan as facultades precisas para manter un adecuado ambiente de convivencia durante as clases e as actividades e os servizos complementarios e extraescolares.

e) Á protección xurídica adecuada ás súas funcións docentes.

f) A participar directamente no proceso educativo cando sexa consultado pola Administración educativa, nos termos previstos no título IV desta lei.

g) A acceder á formación necesaria na atención á diversidade e na conflitividade escolar e recibir os estímulos máis axeitados para promover a implicación do profesorado en actividades e experiencias pedagóxicas de innovación educativa relacionadas coa convivencia e a mediación.

2. Son deberes do profesorado:

a) Respectar e facer respectar as normas de convivencia escolar e a identidade, integridade e dignidade persoais de todos os membros da comunidade educativa.

b) Adoptar as decisións oportunas e necesarias para manter un adecuado ambiente de convivencia durante as clases e as actividades e os servizos complementarios e extraescolares, corrixindo, cando lle corresponda a competencia, as condutas contrarias á convivencia do alumnado ou, no caso contrario, poñéndoas en coñecemento dos membros do equipo directivo do centro.

c) Colaborar activamente na prevención, detección e erradicación das condutas contrarias á convivencia e, en particular, das situacións de acoso escolar.

d) Informar ás nais e pais ou ás titoras ou titores sobre o progreso da aprendizaxe e integración socioeducativa dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas, cumprindo as obrigas de dispoñibilidade dentro do horario establecido no centro para a atención a aqueles que lle impoña a normativa aplicable.

e) Informar aos responsables do centro docente e, de ser o caso, á Administración educativa das alteracións da convivencia, gardando reserva e sixilo profesional sobre a información e as circunstancias persoais e familiares do alumnado.

Artigo 9. Dereitos e deberes do persoal de administración e de servizos.
1. Ao persoal de administración e de servizos dos centros docentes, dentro do marco legal establecido e no ámbito da convivencia escolar, recoñécenselle os seguintes dereitos:

a) A ser respectado, recibir un trato adecuado e ser valorado polo resto da comunidade educativa e pola sociedade en xeral no exercicio das súas funcións.

b) A desenvolver as súas funcións nun ambiente adecuado no que se preserve en todo caso a súa integridade física e moral.

c) A participar, no exercicio das súas funcións, na mellora da convivencia escolar.

d) Á protección xurídica adecuada ás súas funcións.

e) A participar directamente no proceso educativo cando sexa consultado pola Administración educativa, nos termos previstos no título IV desta lei.

2. Son deberes do persoal de administración e de servizos:

a) Respectar e colaborar, no exercicio das súas funcións, para facer que se respecten as normas de convivencia escolar e a identidade, integridade e dignidade persoais de todos os membros da comunidade educativa.

b) Colaborar activamente na prevención, detección e erradicación das condutas contrarias á convivencia e, en particular, das situacións de acoso escolar.

c) Informar aos responsables do centro docente e, de ser o caso, á Administración educativa das alteracións da convivencia, gardando reserva e sixilo profesional sobre a información e as circunstancias persoais e familiares do alumnado.

d) Gardar sixilo e confidencialidade respecto das actuacións relacionadas co ámbito educativo das que teña coñecemento.

TÍTULO III. Normas básicas de convivencia nos centros docentes
CAPÍTULO I. Disposicións xerais
Artigo 10. Plan de convivencia e normas de convivencia.
1. O proxecto educativo de cada centro docente incluirá un plan de convivencia que recolla e desenvolva os fins e principios establecidos no artigo 3 desta lei e os regulados nas leis orgánicas sobre a materia. O devandito plan integrará o principio de igualdade entre mulleres e homes e establecerá, sobre a base dun diagnóstico previo, as necesidades, os obxectivos, as directrices básicas de convivencia e as actuacións, incluíndo a mediación na xestión dos conflitos, e conterá actuacións preventivas, reeducadoras e correctoras. O plan de convivencia será elaborado por unha comisión de convivencia, ou, cando esta non estea constituída, polo equipo directivo, e aprobado polo consello escolar do centro.

2. As normas de organización e funcionamento de cada centro docente incluirán as normas de convivencia que garantan o cumprimento do plan de convivencia. Estas normas serán públicas e os centros docentes facilitarán o seu coñecemento por parte de todos os membros da comunidade educativa.

3. En particular, as normas de convivencia de cada centro concretarán os dereitos e os deberes do alumnado e establecerán as condutas contrarias á convivencia e as correccións que correspondan ao seu incumprimento, no marco do disposto por este título e das disposicións regulamentarias que o desenvolvan.

4. Así mesmo, as normas de convivencia poderán conter previsións sobre a vestimenta ou o xeito de presentarse do alumnado, orientadas a garantir que este non atente contra a súa dignidade, non supoña unha discriminación por razón de sexo ou un risco para a súa saúde e integridade persoal e a dos demais membros da comunidade educativa ou non impida ou dificulte a normal participación do alumnado nas actividades docentes.

Artigo 11. Condición de autoridade pública do profesorado.
1. No exercicio das funcións directivas e organizativas, docentes e de corrección disciplinaria, o profesorado ten a condición de autoridade pública e goza da protección recoñecida a tal condición polo ordenamento xurídico.

2. No exercicio das funcións de corrección disciplinaria, os feitos constatados polo profesorado e que se formalicen por escrito en documento que conte cos requisitos establecidos regulamentariamente teñen presunción de veracidade, sen prexuízo das probas que na súa defensa poida sinalar ou achegar o alumnado ou os seus representantes legais cando sexa menor de idade.

3. O profesorado está facultado para requirir ao alumnado, dentro do recinto escolar e tamén durante a realización de actividades complementarias e extraescolares, a entrega de calquera obxecto, substancia ou produto que porte e que estea expresamente prohibido polas normas do centro, resulte perigoso para a súa saúde ou integridade persoal ou a dos demais membros da comunidade educativa ou poida perturbar o normal desenvolvemento das actividades docentes, complementarias ou extraescolares.

O requirimento previsto neste punto obriga a alumna ou alumno requirido á inmediata entrega do obxecto, que será depositado polo profesorado na dirección do centro coas debidas garantías, quedando á disposición da nai ou pai ou da titora ou titor, se a alumna ou alumno que o porta for menor de idade, ou da propia alumna ou alumno, se for maior de 18 anos, unha vez terminada a xornada escolar ou a actividade complementaria ou extraescolar, todo iso sen prexuízo das correccións disciplinarias que poidan corresponder.

Artigo 12. Incumprimento das normas de convivencia.
1. Serán obxecto de corrección disciplinaria as condutas contrarias ás normas de convivencia realizadas polo alumnado dentro do recinto escolar ou durante o desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares, así como durante a prestación dos servizos de comedor e transporte escolar.

2. Así mesmo, poderán corrixirse disciplinariamente as condutas do alumnado que, aínda que realizadas fóra do recinto escolar, estean motivadas ou directamente relacionadas coa vida escolar e afecten aos seus compañeiros ou compañeiras ou a outros membros da comunidade educativa e, en particular, as actuacións que constitúan acoso escolar consonte o establecido polo artigo 28.

As posibles condutas contrarias ás normas de convivencia realizadas mediante o uso de medios electrónicos, telemáticos ou tecnolóxicos que teñan conexión coa actividade escolar considéranse incluídas no ámbito de aplicación desta lei.

Artigo 13. Responsabilidade e reparación de danos.
1. O alumnado está obrigado a reparar os danos que cause, individual ou colectivamente, de forma intencionada ou por neglixencia, ás instalacións e aos materiais dos centros docentes, incluídos os equipos informáticos e o software, e aos bens doutros membros da comunidade educativa, ou a facerse cargo do custo económico da súa reparación. Así mesmo, está obrigado a restituír o subtraído ou, se non for posible, a indemnizar o seu valor. As nais e pais ou as titoras ou titores serán responsables civís nos termos previstos pola lexislación vixente.

2. Cando se incorra en condutas tipificadas como agresión física ou moral, deberase reparar o dano moral causado mediante a presentación de escusas e o recoñecemento da responsabilidade dos actos, ben en público ou en privado, segundo corresponda pola natureza dos feitos e de acordo co que, de ser o caso, determine a resolución que impoña a corrección da conduta.

3. O réxime de responsabilidade e reparación de danos establecido neste artigo é compatible coas correccións disciplinarias que, de ser o caso, correspondan.

CAPÍTULO II. Condutas contrarias á convivencia e a súa corrección
SECCIÓN 1.ª Condutas contrarias á convivencia
Artigo 14. Clases de condutas contrarias á convivencia.
1. As condutas contrarias á convivencia nos centros docentes clasifícanse en condutas gravemente prexudiciais para a convivencia e condutas leves contrarias á convivencia, de acordo co establecido nesta sección.

2. Cando calquera membro da comunidade educativa entenda que os feitos poden ser constitutivos de delito ou falta, deberá comunicarllo á dirección do centro educativo para a súa remisión á Administración educativa e ao Ministerio Fiscal, sen prexuízo de tomar as medidas cautelares oportunas.

Artigo 15. Condutas gravemente prexudiciais para a convivencia.
Considéranse condutas gravemente prexudiciais para a convivencia nos centros docentes:

a) As agresións físicas ou psíquicas, as inxurias e as ofensas graves, as ameazas e as coaccións contra os demais membros da comunidade educativa.

b) Os actos de discriminación grave contra membros da comunidade educativa por razón de nacemento, raza, sexo, orientación sexual, capacidade económica, nivel social, conviccións políticas, morais ou relixiosas, discapacidades físicas, sensoriais ou psíquicas, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

c) Os actos individuais ou colectivos de desafío á autoridade do profesorado e ao persoal de administración e de servizos que constitúan unha indisciplina grave.

d) A gravación, a manipulación e a difusión por calquera medio de imaxes ou informacións que atenten contra o dereito á honra, a dignidade da persoa, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe dos demais membros da comunidade educativa.

e) As actuacións que constitúan acoso escolar consonte o establecido polo artigo 28 desta lei.

f) A suplantación de personalidade en actos da vida docente e a falsificación, alteración ou subtracción de documentos académicos.

g) Os danos graves causados de forma intencionada ou por neglixencia grave ás instalacións e aos materiais dos centros docentes, incluídos os equipos informáticos e o software, ou aos bens doutros membros da comunidade educativa ou de terceiros, así como a súa subtracción.

h) Os actos inxustificados que perturben gravemente o normal desenvolvemento das actividades do centro, incluídas as de carácter complementario e extraescolar.

i) As actuacións gravemente prexudiciais para a saúde e a integridade persoal dos membros da comunidade educativa do centro, ou a incitación a elas.

j) Portar calquera obxecto, substancia ou produto gravemente perigoso para a saúde ou a integridade persoal de calquera membro da comunidade educativa. En todo caso, reputarase indisciplina grave a resistencia ou a negativa a entregar os obxectos a que se refire o punto terceiro do artigo 11 desta lei cando se é requirido para iso polo profesorado.

k) A reiteración, nun mesmo curso escolar, de condutas leves contrarias á convivencia.

l) O incumprimento das sancións impostas.

Artigo 16. Condutas leves contrarias á convivencia.
Considéranse condutas leves contrarias á convivencia:

a) As condutas tipificadas como agresión, inxuria ou ofensa na alínea a), os actos de discriminación da alínea b), os actos de indisciplina da alínea c), os danos da alínea g), os actos inxustificados da alínea h) e as actuacións prexudiciais descritas na alínea i) do artigo anterior que non alcancen a gravidade requirida no devandito precepto.

b) Portar calquera obxecto, substancia ou produto expresamente prohibido polas normas do centro perigoso para a saúde ou a integridade persoal do alumnado ou dos demais membros da comunidade educativa ou que perturbe o normal desenvolvemento das actividades docentes, complementarias ou extraescolares, cando non constitúa conduta gravemente prexudicial para a convivencia de acordo coa alínea j) do artigo anterior.

c) A inasistencia inxustificada a clase e as faltas reiteradas de puntualidade, nos termos establecidos polas normas de convivencia de cada centro docente.

d) A reiterada asistencia ao centro sen o material e equipamento preciso para participar activamente no desenvolvemento das clases.

e) As demais condutas que se tipifiquen como tales nas normas de convivencia de cada centro docente.

Artigo 17. Prescrición das condutas contrarias á convivencia.
1. As condutas gravemente prexudiciais para a convivencia nos centros docentes tipificadas nesta sección prescriben aos catro meses da súa comisión e as condutas leves contrarias á convivencia, ao mes.

2. O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día en que a conduta se leve a cabo, salvo cando se trate dunha conduta continuada, caso no que o prazo de prescrición non se empezará a computar mentres aquela non cese.

3. No caso das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado ou da interesada, do procedemento para a corrección da conduta, e continuarase o cómputo do prazo de prescrición para o caso de producirse a caducidade do procedemento.

SECCIÓN 2.ª Medidas correctoras
Artigo 18. Principios xerais das medidas correctoras.
1. As correccións que se apliquen polo incumprimento das normas de convivencia terán un carácter educativo e recuperador, garantirán o respecto dos dereitos do resto do alumnado e procurarán a mellora da convivencia no centro docente.

2. En todo caso, na corrección das condutas contrarias á convivencia aplicaranse os seguintes principios:

a) Ningún alumno ou alumna poderá ser privado do exercicio do seu dereito á educación, nin, no caso da educación obrigatoria, do seu dereito á escolaridade. Para estes efectos, non se entenderá como privación do dereito á educación a imposición das correccións previstas nesta sección que supoñen a suspensión da asistencia ás clases ou o cambio de centro.

b) Non se poderán impoñer correccións contrarias á integridade física e á dignidade persoal do alumnado.

c) A imposición das correccións previstas nesta sección respectará a proporcionalidade coa conduta do alumnado e deberá contribuír á mellora do seu proceso educativo.

d) Terase en conta a idade do alumnado e as demais circunstancias persoais, familiares e sociais. Para estes efectos, poderase solicitar os informes que se consideren necesarios sobre as mencionadas circunstancias e recomendar, de ser o caso, ás nais e pais ou ás titoras ou titores ou ás autoridades públicas competentes a adopción das medidas necesarias.

Artigo 19. Programas e actuacións complementarias ás medidas correctoras.
1. Como complemento das medidas correctoras previstas nesta sección, o departamento de orientación de cada centro docente elaborará e desenvolverá un programa de habilidades sociais dirixido ao alumnado que incorra reiteradamente en condutas disruptivas, coa finalidade de mellorar a súa integración no centro docente. Así mesmo, elaborará e desenvolverá un programa de habilidades sociais para aquel alumnado que, como consecuencia da imposición das medidas correctoras previstas nesta sección, se vexa temporalmente privado do seu dereito de asistencia ao centro.

2. Estes programas aplicaranse en colaboración co profesorado titor e, de ser o caso, cos servizos sociais, e procurarán implicar o resto do profesorado e as familias para lograr, conxuntamente, o desenvolvemento adecuado do proceso educativo e das accións propostas.

3. Crearanse as aulas de convivencia inclusiva, non estables e con vocación de substituír o tempo de expulsión, con apoios e formación específica, que busquen reincorporar o alumnado á súa propia aula no menor tempo posible.

Artigo 20. Procedementos conciliados de resolución dos conflitos.
1. Regulamentariamente determinarase un procedemento conciliado para a resolución dos conflitos de convivencia. A participación do alumnado ou dos seus representantes legais terá carácter voluntario, por solicitude do alumnado ou dos seus representantes legais, e esixirá o compromiso de cumprimento das accións reparadoras.

2. A opción pola conciliación suspende o inicio do procedemento disciplinario de corrección da conduta, que se retomará no caso de que a conciliación sexa infrutuosa. O cumprimento das accións reparadoras dará lugar á finalización do procedemento de corrección da conduta contraria á norma de convivencia.

3. No procedemento, formalizado por escrito, incluirase a intervención dunha persoa instrutora e dunha persoa mediadora.

4. O procedemento formalizado será o que determine o centro, coa aprobación do consello escolar, e que figurará no regulamento de réxime interno.

Artigo 21. Medidas correctoras das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia.
As condutas gravemente prexudiciais para a convivencia nos centros docentes poden ser corrixidas coas seguintes medidas:

a) Realización, dentro ou fóra do horario lectivo, de tarefas que contribúan á mellora e ao desenvolvemento das actividades do centro.

b) Suspensión do dereito a participar nas actividades extraescolares ou complementarias do centro por un período de entre dúas semanas e un mes.

c) Cambio de grupo.

d) Suspensión do dereito de asistencia a determinadas clases por un período de entre catro días lectivos e dúas semanas. Durante o tempo que dure a suspensión, o alumnado deberá realizar os deberes ou traballos que se determinen para evitar a interrupción no proceso formativo.

e) Suspensión temporal do dereito de asistencia ao centro por un período de entre catro días lectivos e un mes. Durante o tempo que dure a suspensión, o alumnado deberá realizar os deberes ou traballos que se determinen para evitar a interrupción no proceso formativo.

f) Cambio de centro.

Artigo 22. Medidas correctoras das condutas leves contrarias á convivencia.
As condutas leves contrarias á convivencia poden ser corrixidas coas seguintes medidas:

a) Amoestación privada ou por escrito.

b) Comparecencia inmediata ante a persoa que ocupe a xefatura de estudos ou persoa que exerza funcións equivalentes nos centros concertados.

c) Realización de traballos específicos en horario lectivo.

d) Realización, en horario non lectivo, de tarefas que contribúan á mellora e ao desenvolvemento das actividades do centro.

e) Suspensión do dereito a participar nas actividades extraescolares ou complementarias do centro por un período de ata dúas semanas.

f) Cambio de grupo por un período de ata unha semana.

g) Suspensión do dereito de asistencia a determinadas clases por un período de ata tres días lectivos. Durante o tempo que dure a suspensión, o alumnado deberá realizar os deberes ou traballos que se determinen para evitar a interrupción no proceso formativo.

h) Suspensión temporal do dereito de asistencia ao centro por un período de ata tres días lectivos. Durante o tempo que dure a suspensión, o alumnado deberá realizar os deberes ou traballos que se determinen para evitar a interrupción no proceso formativo.

Artigo 23. Graduación das medidas correctoras.
Para a graduación das medidas correctoras previstas nesta sección tomaranse en consideración especialmente os seguintes criterios:

a) O recoñecemento espontáneo do carácter incorrecto da conduta e, se é o caso, o cumprimento igualmente espontáneo da obriga de reparar os danos producidos nos termos previstos polo artigo 13 desta lei.

b) A existencia de intencionalidade ou reiteración nas condutas.

c) A difusión por calquera medio, incluídos os electrónicos, telemáticos ou tecnolóxicos, da conduta, das súas imaxes ou da ofensa.

d) A natureza dos prexuízos causados.

e) O carácter especialmente vulnerable da vítima da conduta, se se trata dun alumno ou alumna, por razón da súa idade, de recente incorporación ao centro ou calquera outra circunstancia.

Artigo 24. Prescrición das medidas correctoras.
As medidas correctoras das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia nos centros docentes previstas nesta sección prescriben ao ano da firmeza en vía administrativa da resolución que as impón. As medidas correctoras das condutas leves contrarias á convivencia prescriben aos catro meses da súa imposición.

SECCIÓN 3.ª Procedemento para a imposición das medidas correctoras
Artigo 25. Procedemento para a imposición de medidas correctoras de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia.
1. As medidas correctoras de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia só se poden impoñer logo da tramitación do procedemento disciplinario regulado neste artigo.

2. Corresponde acordar a incoación do procedemento á persoa titular da dirección do centro docente, por propia iniciativa, por petición motivada do profesorado ou da titora ou titor da alumna ou alumno ou da persoa que ocupe a xefatura de estudos ou persoa que exerza funcións equivalentes nos centros concertados, ou logo da denuncia doutros membros da comunidade educativa.

3. A incoación do procedemento notificarase á nai ou pai ou á titora ou titor da alumna ou alumno, ou a este se é maior de idade, con indicación da conduta que o motiva, as correccións que poden corresponder e o nome da profesora ou profesor que actuará como persoa instrutora. Así mesmo, comunicarase á inspección educativa.

4. No propio acordo de incoación ou en calquera momento da tramitación do procedemento, a persoa titular da dirección do centro pode adoptar motivadamente, por iniciativa propia ou por instancia do instrutor, como medidas provisionais o cambio temporal de grupo da alumna ou alumno ou a suspensión do dereito de asistencia ao centro ou a determinadas clases ou actividades, por un período non superior a cinco días lectivos. A adopción de medidas provisionais notificarase á nai ou pai ou á titora ou titor da alumna ou alumno, ou a este se é maior de idade.

5. Finalizada a instrución do procedemento, a persoa instrutora formulará proposta de resolución e dará audiencia á alumna ou alumno e, se é menor de idade, á nai ou pai ou á titora ou titor, convocándoos a unha comparecencia en horario lectivo na que poderán acceder a todo o actuado e da cal se estenderá acta. No caso de incomparecencia inxustificada, o trámite de audiencia terase por realizado para todos os efectos legais, sen prexuízo do previsto no artigo 27 desta lei.

6. Realizado o trámite de audiencia, a persoa titular da dirección do centro ditará resolución motivada que se pronunciará sobre a conduta da alumna ou alumno e impoñerá, se é o caso, a correspondente corrección, así como a obriga de reparar os danos producidos nos termos previstos polo artigo 13 desta lei.

7. A resolución notificarase á nai ou pai ou á titora ou titor da alumna ou alumno, ou a este se é maior de idade, nun prazo máximo de doce días lectivos desde que se tivo coñecemento dos feitos que deron lugar á incoación do procedemento, e comunicarase á inspección educativa.

8. A resolución da persoa titular da dirección do centro pon fin á vía administrativa e será inmediatamente executiva. Contra a resolución da persoa titular da dirección do centro cabe instar a revisión ante o Consello Escolar no prazo de dez días lectivos nos termos previstos na alínea f) do artigo 127 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 26. Procedemento para a imposición de medidas correctoras de condutas leves contrarias á convivencia.
1. A imposición das medidas correctoras de condutas leves contrarias á convivencia levaraa a cabo:

a) O profesorado da alumna ou alumno, oído este e dando conta á persoa que ocupe a xefatura de estudos ou persoa que exerza funcións equivalentes nos centros concertados, no caso das medidas previstas nas alíneas a), b) e c) do artigo 22 desta lei.

b) A titora ou titor da alumna ou alumno, oído este e dando conta á persoa que ocupe a xefatura de estudos ou persoa que exerza funcións equivalentes nos centros concertados, no caso das medidas previstas nas alíneas a), b), c) e d) do artigo 22 desta lei.

c) A persoa que ocupe a xefatura de estudos ou persoa que exerza funcións equivalentes nos centros concertados, ou a persoa titular da dirección do centro, oídos a alumna ou alumno e a súa profesora ou profesor ou titora ou titor, no caso das medidas previstas nas alíneas a), c), d), e) e f) do artigo 22 desta lei.

d) A persoa titular da dirección do centro, oídos a alumna ou alumno e a súa profesora ou profesor ou titora ou titor, no caso das medidas previstas nas alíneas g) e h) do artigo 22 desta lei. A imposición destas medidas correctoras comunicarase á nai ou pai ou á titora ou titor da alumna ou alumno antes de que estas se fagan efectivas, así como ao Observatorio da Convivencia Escolar do centro.

2. As resolucións que impoñen as medidas correctoras ás que se refire este artigo poñen fin á vía administrativa e son inmediatamente executivas.

Artigo 27. Responsabilidade das nais e pais ou das titoras ou titores.
As audiencias e comparecencias das nais e pais ou das titoras ou titores do alumnado menor de idade nos procedementos disciplinarios regulados nesta sección son obrigatorias para eles, e a súa desatención reiterada e inxustificada será comunicada ás autoridades competentes para os efectos da súa posible consideración como incumprimento dos deberes inherentes á patria potestade ou á tutela.

CAPÍTULO III. Prevención e tratamento das situacións de acoso escolar
Artigo 28. Acoso escolar.
Para os efectos desta lei, considérase acoso escolar calquera forma de vexación ou malos tratos continuados no tempo dun alumno ou alumna por outro ou outra ou outros, xa sexa de carácter verbal, físico ou psicolóxico, incluído o illamento ou baleiro social, con independencia do lugar onde se produza. Terán a mesma consideración as condutas realizadas a través de medios electrónicos, telemáticos ou tecnolóxicos que teñan causa nunha relación que xurda no ámbito escolar.

Artigo 29. Protección integral das vítimas.
1. A dirección dos centros docentes e os titulares dos centros concertados e dos centros privados, así como a Administración educativa, adoptarán as medidas precisas para garantir ao alumnado vítima de situacións de acoso escolar a protección integral da súa integridade e dignidade persoais e do seu dereito á educación, debendo primar sempre o interese da vítima sobre calquera outra consideración no tratamento destas situacións.

2. A protección da vítima garantirase mediante medidas cautelares que impidan a ameaza, o control ou o contacto entre vítima e causantes da situación de acoso. Arbitraranse medidas para o seguimento dos causantes da situación de acoso que impidan a continuación de eventuais condutas acosadoras.

Artigo 30. Medidas para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar.
1. O Goberno galego, a través dos departamentos competentes en materia educativa e benestar, elaborará un protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar, coa dotación orzamentaria necesaria para a súa implantación. Recollerase de xeito explícito a integración da perspectiva de xénero para poder previr eficazmente situacións de acoso das nenas e mozas.

2. O plan de convivencia de cada centro docente incluirá un protocolo para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, que incorporará, como mínimo, as seguintes previsións:

a) Realización de campañas de sensibilización do profesorado, das nais e pais ou das titoras ou titores e do alumnado contra o acoso escolar, que axuden a previlo e preparen a todos os membros da comunidade educativa para detectalo e reaccionar fronte a el.

b) Establecemento de canles específicas que faciliten a exteriorización polas vítimas das situacións de acoso escolar.

c) Determinación das medidas que se deben adoptar no caso de detección dunha situación de acoso escolar para poñerlle fin a esta, sen prexuízo das correccións disciplinarias que correspondan. En todo caso, preverase a designación pola persoa titular da dirección do centro ou titular do centro concertado dunha persoa responsable da atención á vítima entre o persoal do propio centro docente, procurando, cando sexa posible, que a designación recaia sobre unha persoa coa que a vítima garde unha relación de confianza ou proximidade.

d) Nos supostos menos graves de situación de acoso, favorecemento da mediación realizada por alumnado do centro educativo que obtivese formación e cualificación para a intervención nestas situacións.

3. Cando por razón das circunstancias ou da gravidade da situación de acoso se faga preciso, poderase prever a intervención de persoas mediadoras alleas ao persoal do centro, que serán designadas pola Administración educativa.

4. As situacións de acoso escolar que se detecten serán comunicadas á inspección educativa, xunto coas medidas que se adopten para poñer fin a elas. No caso de condutas de especial gravidade, informarase da situación e das medidas aos servizos sociais do correspondente concello, aos servizos especializados do departamento competente en materia de benestar e, se é o caso, á Fiscalía de Menores para facilitar as medidas que lles corresponda adoptar nos seus respectivos ámbitos competenciais.

5. O departamento competente en materia educativa, en coordinación cos restantes departamentos da Xunta de Galicia, poñerá en marcha campañas de información e sensibilización para incentivar a cultura da paz e previr o acoso escolar. Igualmente a Xunta de Galicia velará para que nos medios de comunicación de Galicia se ofreza un tratamento axeitado das noticias sobre acoso escolar.

TÍTULO IV. Participación directa das familias e dos restantes membros da comunidade educativa no ensino e no proceso educativo
Artigo 31. Procedementos de consulta e participación directa no ensino.
1. Para facer efectiva a corresponsabilidade entre o profesorado e as familias na educación dos seus fillos e fillas e garantir a colaboración efectiva entre a familia e a escola, a Administración educativa poderá establecer procedementos de consulta e participación directa das familias. Estes procedementos poderán estenderse a outros membros da comunidade educativa.

2. Os procedementos previstos neste artigo terán como finalidade solicitar as preferencias individuais ou colectivas das nais e pais ou das titoras ou titores do alumnado, do propio alumnado se é maior de idade e, de ser o caso, doutros membros da comunidade educativa sobre aspectos determinados da programación xeral do ensino.

3. En ningún caso poderán ser obxecto de consulta os aspectos da programación xeral do ensino regulados directamente por normas con rango de lei ou que deban ser regulados pola lei por disposición constitucional.

Artigo 32. Principios xerais e garantías dos procedementos de consulta e participación directa.
1. Os procedementos de consulta e participación directa convocaranse por orde da persoa titular da consellería competente en materia de educación antes do inicio do curso escolar no que os resultados deles se terán en conta para a adopción das correspondentes decisións no ensino por parte da Administración educativa.

2. A orde de convocatoria deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días con respecto á iniciación do procedemento e establecerá, como mínimo:

a) O carácter meramente orientativo ou o grao de vinculación que para a Administración educativa e os centros docentes terán os resultados do procedemento.

b) As garantías que procedan de acordo coa finalidade e co carácter do procedemento para asegurar a protección dos datos de carácter persoal dos participantes, a autenticidade das opinións individuais emitidas e dos resultados globais e a neutralidade da Administración educativa e dos centros docentes na adopción de decisións derivadas do procedemento.

c) O prazo de duración do procedemento, que non poderá ser inferior a un día natural nin superior ao período de matrícula que se estableza nas normas de admisión nos centros docentes.

3. Os procedementos de consulta e participación directa poderán realizarse mediante a utilización de medios electrónicos, ben nos propios centros docentes, ben telematicamente, respectando as garantías establecidas na lexislación sobre acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos e na de protección de datos.

Artigo 33. Acceso das nais e pais ou das titoras ou titores ao profesorado e aos equipos directivos dos centros docentes.
1. As disposicións que regulen a distribución do horario semanal individual do profesorado garantirán a dispoñibilidade deste, teña ou non a condición de titor, para a atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores do alumnado.

2. Garantirase igualmente a dispoñibilidade dos membros dos equipos directivos dos centros docentes para a atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores do alumnado.

3. Ao dar cumprimento ao previsto neste artigo, coidarase de xeito especial que as horas de atención ás nais e pais ou ás titoras ou titores sexan razoablemente compatibles, dentro do horario do centro, coas obrigas laborais e familiares destes.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
D.A. 1ª. Asistencia xurídica ao profesorado e ao persoal non docente que dependa da Administración educativa.
A Administración educativa promoverá as medidas oportunas para garantir a adecuada protección e asistencia xurídica do profesorado dos centros docentes públicos e do persoal non docente que dependa da Administración educativa, así como a cobertura da súa responsabilidade civil, en relación cos feitos que deriven do seu exercicio profesional e das funcións que realice dentro ou fóra do recinto escolar. En todo caso, o profesorado destes centros e o persoal non docente que dependa da Administración educativa gozarán do dereito á representación e defensa en xuízo nos termos establecidos na normativa reguladora da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

D.A. 2ª. Medios electrónicos de comunicación.
A Administración educativa fomentará a xeneralización nos centros docentes da utilización de medios electrónicos de comunicación coas nais e pais ou coas titoras ou titores do alumnado, co obxecto de axilizar a comunicación con estes e facilitarlles así o exercicio dos dereitos e o cumprimento dos deberes que lles corresponden en relación coa educación dos seus fillos ou fillas ou pupilos ou pupilas.

D.A. 3ª. Medidas complementarias.
1. As disposicións regulamentarias que desenvolven o réxime dos membros dos equipos directivos dos centros docentes garantirán a adecuación daquel ás funcións, tarefas e responsabilidades que para aqueles derivan da aplicación desta lei.

2. Os plans de formación do profesorado incluirán accións especificamente dirixidas a preparar a este para o exercicio das facultades e o cumprimento dos deberes que, en relación coa convivencia escolar, lle corresponden de acordo con esta lei.

D.A. 4ª. Centros privados sostidos con fondos públicos.
Nos centros privados sostidos con fondos públicos a aplicación desta lei axustarase ás peculiaridades da súa organización e funcionamento, respectando, en todo caso, as atribucións de competencias establecidas na lexislación vixente.

D.A. 5ª. Garda e acollemento.
As referencias desta lei ás nais, pais, titoras e titores entenderanse feitas ás persoas que posúen a garda ou o acollemento por resolución xudicial ou administrativa.

D.A. 6ª. Promoción da autonomía dos centros.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria promoverá mediante o desenvolvemento de programas específicos a autonomía dos centros co fin de acadar os maiores éxitos na formación e cualificación do alumnado, contando coa implicación das familias e doutras institucións.

D.A. 7ª. Escolas de nais e pais.
A Administración educativa impulsará nos centros educativos a creación de escolas de nais e pais, contando cos recursos humanos dos departamentos de orientación e dos centros de formación, para fomentar a participación das familias no proceso educativo e mellorar a convivencia.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
D.T. 1ª. Procedementos disciplinarios en tramitación.
Os procedementos disciplinarios que se atopen en tramitación no momento da entrada en vigor desta lei continuarán tramitándose conforme a normativa aplicable con anterioridade a ela.

D.T. 2ª. Normativa regulamentaria de desenvolvemento.
Mentres non entren en vigor as disposicións regulamentarias de desenvolvemento desta lei, seguirá sendo aplicable en materia de convivencia nos centros docentes o Real decreto 732/1995, do 5 de maio, sobre dereitos e deberes do alumnado e normas de convivencia, no que non resulte incompatible con esta lei. En todo caso, os prazos e o procedemento de corrección das condutas contrarias á convivencia adaptaranse ao previsto nesta lei.

DISPOSICIONS DEROGATORIAS
D.DDA. única. Derrogación normativa.
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto nesta lei.

DISPOSICIÓNS FINAIS
D.F. 1ª. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario.
O Consello da Xunta de Galicia ditará as disposicións regulamentarias necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo Presidente

No hay comentarios:

Publicar un comentario