¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

miércoles, 13 de julio de 2011

LEI 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

LEI 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.


Preámbulo
I


A Comunidade Autónoma de Galicia presenta dúas características indiscutibles que se deben ter moi presentes á hora de articular os mecanismos de apoio á familia. Por unha banda, unha gravísima retracción da natalidade e un alarmante envellecemento da poboación, que dificulta as posibilidades de renovación xeracional e, en consecuencia, o mantemento do Estado de benestar social acadado e o seu desenvolvemento. Por outra banda, un fondo apego da sociedade galega á súa identidade, que se traduce nun aprecio arraigado ás súas tradicións e valores familiares, como poden ser o respecto aos antepasados e aos maiores, os vínculos coas orixes, tanto no sentido familiar coma no sentido de arraigamento local.

A evolución histórica e a complexidade progresiva da organización social atopan reflexo e acollida na familia como institución en permanente evolución. Fórmulas de convivencia que sen seren novas eran ata agora infrecuentes teñen cabida na familia como estrutura básica da sociedade e como medio natural de desenvolvemento e crecemento da persoa. Por iso é deber dos poderes públicos recoñeceren e ampararen a familia e todas as súas manifestacións e formas de organización, dándolles un especial apoio e protección.

Tal apoio non pode ser consecuencia dun afán dirixista ou intervencionista, considerando que estamos a tratar a institución máis próxima e achegada ás persoas e que, polo tanto, debe ser tratada co máximo respecto á súa autonomía organizativa e ás liberdades individuais dos seus membros. Este apoio débese considerar, máis ben, como un deber de xustiza, en reciprocidade á achega que as familias fan á sociedade.

O apoio á familia e aos núcleos de convivencia debe responder necesariamente á complexidade da nosa sociedade e debe dar solución ás diferentes situacións que impiden ou dificultan tanto a formación e a constitución de novas familias ou grupos estables de convivencia coma o desenvolvemento integral das xa constituídas.

Así, débeselles dar o apoio necesario á maternidade e á atención das persoas ao cargo, potenciar a integración familiar das persoas maiores, paliar as dificultades notorias de conciliación da vida persoal, laboral e familiar e mais procurar o sostemento da estabilidade da familia minimizando os danos derivados dos procesos de desestruturación familiar, e en particular no que afecte os dereitos dos fillos e as fillas e dos membros máis vulnerables da familia.

II

A importancia da familia como motor da sociedade é destacada non só no ámbito autonómico e estatal, senón tamén no ámbito europeo e internacional. Neste senso, cabe salientar as conclusións do Consello e dos representantes dos gobernos dos estados membros da Unión Europea sobre a importancia das políticas favorables á familia en Europa e o establecemento dunha alianza en favor das familias, de xullo de 2007, onde se fai fincapé, entre outras cousas, en que o cambio demográfico esixe que se fagan máis esforzos para que aqueles homes e mulleres que queiran traballar e crear unha familia poidan ter fillos sen ter por iso que sacrificaren as súas carreiras, fomentando a igualdade de xénero e facilitando a conciliación entre a actividade profesional, a familia e a vida privada, tendo en conta a participación equitativa dos pais na organización familiar.

Por outra banda, a Convención sobre os dereitos do neno adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 44/25, do 20 de novembro de 1989, reivindica tamén a necesidade de protexer e ofrecer a asistencia necesaria á familia para que esta poida asumir plenamente as súas responsabilidades dentro da comunidade, en tanto en canto se considera a esta como o grupo fundamental da sociedade e o medio natural para o crecemento e o benestar de todos os seus membros, en especial dos máis vulnerables como os nenos e as nenas.

É sobre estas premisas e sobre o mandato dos artigos 16.3 da Declaración universal dos dereitos humanos, 39 da Constitución española e 33 da Carta de dereitos fundamentais da Unión Europea, que garanten a protección social, económica e xurídica da familia, sobre os que o Goberno galego asenta esta Lei de apoio á familia e á convivencia.

Como antecedente normativo na Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, foi pioneira no ámbito estatal en establecer un marco de protección para a familia. Así mesmo, a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, prevía xa o desenvolvemento dun Plan integral de apoio á familia, así como o fomento da igualdade entre homes e mulleres e mais distintas medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, deu un paso máis adiante, dado que a consecución da inserción laboral en clave de igualdade laboral é un dos piares claves para facer efectivo o principio de igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, por ser un dos ámbitos onde é máis visible a desigualdade. Por outro lado, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, contribuíu á protección e ao apoio non só ás mulleres vítimas de violencia de xénero, senón tamén aos seus fillos e fillas como vítimas directas e indirectas dunha convivencia ou situación familiar violenta. No eido dos servizos sociais, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, para garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas, supuxo unha actualización e modernización dos dispositivos e dos recursos tendo en conta a evolución da realidade social galega, que estaba a demandar un novo enfoque nas políticas sociais.

Esta evolución da sociedade e a constitución de novos núcleos de convivencia esixen dos poderes públicos galegos unha actualización e adaptación normativa que considere e regule as novas situacións creadas.

No ámbito da infancia e da adolescencia, a publicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores; da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, e da Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional, fan necesario realizar cambios na regulación actual contida na Lei 3/1997.

A lexitimidade da Xunta de Galicia para a actuación lexislativa en materia de familia provén das alíneas 23 e 24 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón, polo tanto, de competencia lexislativa propia para establecer un marco normativo no que se inscriban e teñan cabida o conxunto de actuacións públicas en materia de apoio á familia e á convivencia.

III

Esta lei estrutúrase nun título preliminar e en tres títulos máis, tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O título preliminar recolle as disposicións xerais da lei, o seu obxecto e finalidade, o ámbito de aplicación, os principios reitores, a imprescindible transversalidade que debe guiar as actuacións dos distintos órganos integrantes da Xunta de Galicia para poder dotar a lei da necesaria efectividade, así como a creación do Consello Galego da Familia e do Observatorio Galego da Familia e da Infancia como órganos asesores e de participación, e mais a previsión de desenvolvemento dos plans integrais de apoio á familia e á natalidade.

O título I está dividido en seis capítulos. O capítulo I regula as disposicións comúns á familia. O capítulo II engloba aquelas familias que, por teren condicións especiais, requiren un tratamento máis favorable e unha especial consideración por parte dos poderes públicos: as familias numerosas, as familias monoparentais, as familias con persoas maiores ao cargo, as familias con persoas con discapacidade ao cargo, as familias con persoas dependentes ao cargo e as familias acolledoras. O capítulo III recolle os principios de actuación e os ámbitos de protección das persoas maiores como piar fundamental do núcleo familiar e como transmisoras de tradicións, valores, coñecementos e experiencias, cun tratamento propio desvinculado das situacións de dependencia. O obxecto é o recoñecemento do papel das persoas maiores dentro da familia, actuando en moitos casos como educadoras e referentes dos nenos e as nenas e os e as adolescentes. O capítulo IV, como instrumento importante de fomento da natalidade, está dedicado ás políticas de apoio á maternidade, mediante o apoio e a protección á muller xestante, calquera que sexa a súa circunstancia persoal. A conciliación da vida persoal, familiar e laboral desenvólvese no capítulo V, onde se recollen as medidas que permiten a devandita conciliación, así como a implicación en termos de igualdade dos homes e das mulleres no desenvolvemento da familia e a corresponsabilidade das tarefas e obrigas familiares. E, por último, o capítulo VI ocúpase do apoio familiar e da mediación como medio para favorecer o fortalecemento e a evolución da familia e dos seus membros, do asesoramento para facilitar a toma de decisións e da resolución de conflitos que os poidan afectar, así como da rede de recursos para garantir a súa efectividade.

O título II está dedicado á infancia e á adolescencia desde unha perspectiva global, ao entender que a protección destas que lles impón a Constitución aos poderes públicos non só alcanza as situacións nas que debe intervir a administración por mandato legal, senón tamén o desenvolvemento de políticas de benestar que favorezan e garantan ao conxunto das e dos menores un nivel de vida digno. Esta perspectiva global implica asumir que a responsabilidade da atención aos nenos e as nenas e os e as adolescentes recae en primeiro lugar nos pais, nas nais ou nos ou nas titores, pero tamén nas administracións públicas e na sociedade en xeral. Por isto cómpre positivar de xeito claro e explícito as obrigas que vinculan a todos os poderes públicos, asociacións e entidades que leven a cabo actividades dirixidas á poboación infantil ou que afecten os pais e as nais, as familias ou a sociedade en xeral.

O devandito título está dividido en seis capítulos. O primeiro deles recolle as disposicións xerais, principios nos que destaca a primacía do interese das persoas menores sobre calquera outro interese ou actuación por seren dos membros máis vulnerables da familia. O capítulo II regula os dereitos de especial protección da infancia e da adolescencia, ademais dos seus deberes. O capítulo III está dedicado á súa protección, previndo as actuacións dos poderes públicos perante as situacións de risco e desamparo mediante actuacións como o apoio á familia, a tutela, a asunción da garda da ou do menor e mais a adopción, dedicándolle a cada un deles unha subsección específica. O capítulo IV regula as actuacións en materia de reeducación de persoas menores infractoras responsables penalmente en virtude do establecido na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores; o capítulo V as actuacións en materia de atención especializada dos nenos, as nenas e os e as adolescentes, e o capítulo VI está dedicado ás institucións, as entidades e os centros de atención ás menores e aos menores.

Finalmente, no título III incorpórase un réxime básico específico de infraccións e sancións co fin de que a protección que a lei ofrece sexa respectada polas persoas ou as entidades que promovan actuacións que atenten contra os dereitos nela recoñecidos.

O anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Título preliminar

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Esta lei ten por obxecto recoñecer a familia como estrutura básica da sociedade e ámbito natural de desenvolvemento da persoa, regulando a obriga que os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia teñen de apoiar e protexer as familias e os seus membros, e, en especial, os nenos e as nenas e os e as adolescentes.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

Serán persoas destinatarias desta lei:

a) As persoas unidas entre si por matrimonio, os seus e as súas ascendentes, as que delas dependan por filiación, adopción, tutela ou acollemento e mais as que teñan ao seu cargo, sempre que formen un núcleo estable de convivencia.

b) Aquelas persoas que estean inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, os seus e as súas ascendentes, as que dependan delas por filiación, adopción, tutela ou acollemento e mais as que teñan ao seu cargo, sempre que formen un núcleo estable de convivencia.

c) As persoas individuais xunto cos e coas súas ascendentes, aquelas que dependan delas por filiación, adopción, tutela ou acollemento e mais as que estean ao seu cargo, sempre que formen un núcleo estable de convivencia.

d) A muller xestante e mais a muller ou o home en proceso de adopción en solitario que teñan formalizado un acollemento familiar preadoptivo.

e) Os diferentes modelos de familias previstos na lexislación vixente.

f) As nenas e os nenos e as e os adolescentes.

g) As persoas maiores.

Artigo 3. Transversalidade.

1. Todos os órganos da Xunta de Galicia con competencia en calquera das materias afectadas por esta lei deberán ter unha implicación directa e continuada na súa aplicación, para o que se articulará un sistema que permita a comunicación e a colaboración permanente entre eles, especialmente nos ámbitos familiar, laboral, educativo, sanitario, xudicial, de igualdade e de servizos sociais.

En particular, a Xunta de Galicia, a través dos departamentos competentes, proverá actuacións de cooperación cos concellos, as deputacións e outras institucións públicas, así como a colaboración cos organismos e as entidades privadas, co fin de promover e fomentar a participación nas actuacións de protección, asistencia e apoio á familia e á infancia e a adolescencia.

2. Os medios de comunicación deberanse implicar, así mesmo, na aplicación desta lei mediante un tratamento da familia e especialmente da infancia e da adolescencia respectuoso cos dereitos recollidos nela, sen menoscabo dos principios de liberdade de expresión e de información.

Artigo 4. Órganos asesores e de participación.

1. Crearanse os seguintes órganos asesores e de participación:

a) O Consello Galego da Familia, como órgano colexiado permanente de participación e consulta da Xunta de Galicia, para a planificación e o desenvolvemento das políticas que a afecten.

b) O Observatorio Galego da Familia e da Infancia, como órgano colexiado de carácter asesor e de apoio, análise, investigación, estudo e proposta de actuacións en materia de familia e de infancia.

2. Ambos os órganos estarán adscritos á consellaría competente en materia de familia.

3. A composición e as funcións tanto do Consello Galego da Familia coma do Observatorio Galego da Familia e da Infancia estableceranse regulamentariamente.

Artigo 5. Planificación estratéxica de axuda ás familias.

A Xunta de Galicia desenvolverá, no marco desta lei, un Plan integral de apoio á familia e un Plan integral de apoio á natalidade, como instrumentos de planificación estratéxica de axuda ás familias e de revitalización demográfica, nos que se procurará a colaboración cos concellos e as deputacións provinciais dentro das súas competencias.

Sen prexuízo do anterior, a Xunta promoverá que os concellos e as deputacións provinciais desenvolvan os seus propios plans de apoio á familia.

Título I

Da familia

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 6. Principios reitores.

1. Recoñecerase, respectarase, apoiarase e protexerase a familia como medio de transmisión da vida, de solidariedade, de educación e de valores humanos fundamentais e mais como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal e o equilibrio emocional e afectivo.

2. A Xunta de Galicia someterá as súas actuacións en materia de familia aos principios reitores de liberdade, igualdade e responsabilidade pública.

a) Principio de liberdade.

Respectarase sempre a liberdade de organización da vida familiar e da convivencia no respecto á dignidade e aos dereitos esenciais das persoas que integran a familia.

b) Principio de igualdade.

1.º) Recoñecerase e respectarase a igual dignidade de homes e mulleres, a igualdade dos seus dereitos e a súa corresponsabilidade na vida familiar, particularmente no mantemento, no coidado e na educación dos fillos e as fillas, dos e as ascendentes e das persoas ao seu cargo.

2.º) Promoverase a igualdade de oportunidades dos homes e das mulleres no acceso ao mundo laboral e na asunción das tarefas familiares, mediante actuacións que procuren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

3.º) Recoñeceráselles aos nenos, as nenas e os e as adolescentes a súa dignidade e promoverase o exercicio pleno dos dereitos e das responsabilidades que teñen recoñecidos nas convencións internacionais e no noso ordenamento xurídico.

c) Principio de responsabilidade pública.

1.º) Atenderanse, apoiaranse e protexeranse as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

2.º) Dispensaráselles especial atención ás familias con dificultades derivadas da súa estrutura ou das súas circunstancias e mais a aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

3.º) Protexeranse os membros máis vulnerables da familia e mais realizaranse as actuacións de prevención e protección das situacións de violencia, abuso, soidade, abandono ou indefensión.

4.º) Proporcionaranse os medios necesarios para a orientación na resolución de conflitos familiares e de mediación cando sexa o caso.

Artigo 7. Protección da familia.

A Xunta de Galicia velará polo cumprimento dos principios recollidos no artigo anterior e garantirá unha protección integral da familia, arbitrando as medidas necesarias para evitar toda discriminación desta ou dos seus membros por razón do seu propio carácter, tanto na orde xurídica coma na económica e social.

Artigo 8. Competencias.

1. A Xunta de Galicia, no exercicio das competencias que ten atribuídas en materia desta lei, levará a cabo:

a) A dirección, a planificación, a programación e a ordenación de obxectivos e medidas regulamentarias e de xestión, así como a coordinación de actuacións.

b) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados, entre outros obxectivos, á:

1.º) Protección e integración social dos membros da familia máis vulnerables.

2.º) Promoción da autonomía familiar.

3.º) Integración social das familias que presenten dificultades especiais ou estean en risco de exclusión social.

2. O municipio, para a xestión dos seus intereses e no ámbito das súas competencias, poderá promover toda clase de actividades e prestar todos os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e as aspiracións da veciñanza.

O municipio exercerá, en todo caso, de conformidade co disposto na lexislación de réxime local e sectorial de servizos sociais, competencias nas seguintes materias:

a) A prestación de servizos sociais comunitarios básicos e específicos.

b) A execución de programas e proxectos destinados á atención á familia.

c) A participación na xestión da atención primaria da saúde e o desenvolvemento de programas de promoción da saúde, educación sanitaria e protección dos membros da familia con riscos específicos que se prevexan nos plans de saúde.

d) As actividades e instalacións culturais, deportivas, a ocupación do tempo libre e o turismo.

Capítulo II

Das familias de especial consideración

Artigo 9. Grupos de familias de especial consideración.

Para os efectos desta lei, merecen unha protección especial os seguintes grupos de familias:

a) As familias numerosas.

b) As familias monoparentais.

c) As familias con persoas maiores ao cargo.

d) As familias con persoas con discapacidade ao cargo.

e) As familias con persoas dependentes ao cargo.

f) As familias acolledoras.

Sección 1.ª Familias numerosas

Artigo 10. Concepto e condicións.

Teñen a consideración de familias numerosas aquelas que reúnan as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas.

Para os efectos desta lei, asimilarase a descendente o fillo ou a filla concibido ou concibida, e sempre que mediante a aplicación desta asimilación se obteña maior beneficio.

Para a xustificación deste extremo deberase achegar certificación médica que acredite o embarazo no momento da presentación da solicitude do beneficio.

Artigo 11. Categorías de familias numerosas.

De conformidade co artigo 4 da Lei 40/2003, as familias numerosas, por razón do número de fillos e/ou fillas, clasifícanse nalgunha das seguintes categorías:

a) Especial: as de cinco ou máis fillos e/ou fillas e as de catro fillos e/ou fillas dos cales polo menos tres procedan de parto, adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo múltiples. Tamén se clasifican nesta categoría as unidades familiares con catro fillos e/ou fillas cando os seus ingresos anuais, divididos polo número de membros que as compoñen, non superen en cómputo anual o 75% do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, incluídas as pagas extraordinarias.

b) Xeral: as restantes unidades familiares incluídas no artigo 4 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas.

Cada fillo ou filla que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% ou que teña reducida a súa capacidade de traballo nun grao equivalente ao da incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez computará como dous para determinar a categoría na que se clasifica a unidade familiar da que forma parte.

Artigo 12. Acreditación da condición de familia numerosa.

De acordo co artigo 5 da Lei 40/2003, a condición de familia numerosa acreditarase mediante o título oficial establecido para o efecto, que será outorgado cando concorran os requisitos establecidos no artigo 2 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas, por pedimento de calquera dos ou das ascendentes, das persoas que exerzan a tutela, garda ou acollemento, ou doutro membro da unidade familiar con capacidade legal.

Correspóndelle á Xunta de Galicia a competencia para o recoñecemento da condición de familia numerosa das persoas solicitantes residentes na comunidade autónoma de Galicia, así como para a expedición e a renovación do título que acredita a devandita condición e categoría.

A asimilación a descendente do fillo ou da filla concibido ou concibida e non nado ou nada acreditarase mediante o carné familiar galego, e terá efectos unicamente dentro da comunidade autónoma de Galicia.

Sección 2.ª Familias monoparentais

Artigo 13. Concepto.

Para os efectos desta lei, enténdese por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo, sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

Para estes efectos, teñen a mesma consideración que o fillo ou a filla:

1.º) As persoas unidas ao único proxenitor ou proxenitora por razón de tutela ou acollemento.

2.º) O concibido ou a concibida, sempre que mediante a aplicación desta asimilación se obteña maior beneficio.

Sección 3.ª Familias con persoas maiores ao cargo

Artigo 14. Concepto.

Para os efectos desta lei, enténdese por familia con persoas maiores ao cargo aquela na que conviva algún ou algunha ascendente maior de 65 anos que non teña rendas anuais superiores á cantidade que se fixe na lexislación reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas para aplicar o mínimo por ascendente.

Sección 4.ª Familias con persoas con discapacidade ao cargo

Artigo 15. Concepto.

Para os efectos desta lei, enténdese por familia con persoas con discapacidade ao cargo aquela na que conviva algún ou algunha ascendente ou descendente que acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, que non teña rendas anuais superiores á cantidade que se fixe na lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas para aplicar o mínimo por ascendente e descendente con discapacidade.

Asimilaranse aos descendentes as persoas unidas por razón de tutela e acollemento.

Sección 5.ª Familias con persoas dependentes ao cargo

Artigo 16. Concepto.

Teñen a consideración de familias con persoas dependentes ao cargo aquelas nas que convivan persoas que teñan recoñecida a situación de dependencia.

Sección 6.ª Familias acolledoras

Artigo 17. Concepto.

Considérase familia acolledora aquela que se encarga do coidado e da educación dun ou varios nenos, nenas ou adolescentes que non poidan ou non deban estar con seus pais e nais de forma temporal ou permanente, asumindo as obrigas de velar por eles, telos na súa compaña, alimentalos e procurarlles unha educación integral.

Sección 7.ª Acción protectora das familias de especial consideración

Artigo 18. Trato preferente dos membros das familias de especial consideración.

Os membros das familias de especial consideración terán trato preferente nos seguintes ámbitos, segundo o que se estableza na normativa sectorial correspondente:

a) No ámbito educativo e formativo:

1.º) Na educación non universitaria sostida con fondos públicos, na concesión de bolsas, axudas ou bonificacións para libros, material escolar, comedores e transporte en todas as etapas da educación non universitaria.

Darase preferencia para o acceso de alumnos e alumnas pertencentes a familias numerosas e monoparentais en centros de educación infantil dependentes da Xunta de Galicia, con redución de tarifas nas escolas infantís de 0-3 anos e axudas económicas para os alumnos e as alumnas destas escolas non financiadas con fondos públicos.

2.º) Na educación universitaria, na concesión de bolsas para cubrir gastos de ensino, aloxamento e desprazamento.

3.º) No acceso aos cursos de formación ocupacional.

b) No ámbito da vivenda, respecto dos programas públicos de acceso á vivenda ou de reforma, adaptación ou rehabilitación da vivenda habitual.

c) No ámbito do lecer, tempo libre e cultura, mediante bonificacións para o acceso aos servizos, recursos e programas.

d) No ámbito das novas tecnoloxías, mediante axudas para a contratación de servizos e produtos tecnolóxicos.

e) No ámbito do transporte público, mediante bonificacións nas tarifas.

f) No ámbito tributario, mediante o establecemento pola Xunta de Galicia de beneficios fiscais na área das súas competencias.

Capítulo III

Das persoas maiores

Sección 1.ª Principios reitores

Artigo 19. Principios reitores.

As actuacións da Administración pública galega, en relación coas persoas maiores, rexeranse polos seguintes principios:

a) Sensibilizar a sociedade respecto dos valores encarnados polas persoas maiores e a protección dos seus dereitos:

1.º) Garantindo o respecto e a defensa dos dereitos das persoas maiores no marco do establecido pola Constitución, polo Estatuto de autonomía de Galicia e polo resto do ordenamento xurídico.

2.º) Promovendo os valores representados polas persoas maiores e a súa relevancia como piares fundamentais do núcleo familiar e da sociedade galega.

3.º) Contribuíndo a mellorar o coñecemento que a sociedade ten sobre o proceso de envellecemento como unha fase máis do proceso do ciclo vital.

4.º) Promovendo medidas de preparación á xubilación e outras encamiñadas á adaptación á nova situación derivada desta.

b) Promover o benestar das persoas maiores, a súa autonomía persoal e a súa participación na vida e nas actividades da sociedade:

1.º) Promovendo as condicións necesarias para que as persoas maiores manteñan o máis alto grao de autonomía posible.

2.º) Fomentando a participación das persoas maiores, mediante a súa colaboración activa en todos os ámbitos da vida social, a súa integración comunitaria e a súa participación no movemento asociativo.

3.º) Potenciando a solidariedade interxeracional e o intercambio xeracional de valores, coñecementos, experiencias e tradicións.

4.º) Previndo condicións de risco social que poidan dar lugar a situacións de maltrato ou falta de asistencia.

5.º) Achegando medidas para a prevención de abusos, tanto na súa persoa coma no seu patrimonio.

c) Garantir a cobertura das necesidades de atención e coidado das persoas maiores:

1.º) Prestando atención integral e continuada ás persoas maiores na procura do seu benestar físico, psíquico e social, especialmente a aquelas que se atopen en situación de dependencia.

2.º) Posibilitando a permanencia das persoas maiores no ámbito familiar e social no que teñan o seu arraigamento.

3.º) Fomentando niveis de atención de calidade na prestación de servizos ás persoas maiores.

Artigo 20. Potenciación de políticas públicas pola administración pública.

A administración potenciará políticas públicas que eviten o illamento das persoas maiores, favorecendo a socialización, as actividades interxeracionais e os servizos públicos que permitan o intercambio de experiencias.

A administración pública velará especialmente polas persoas maiores que polas súas condicións persoais, sociais ou económicas se atopen en risco de exclusión social.

Sección 2.ª Ámbitos de actuación

Artigo 21. Da atención sociosanitaria.

A atención sociosanitaria ás persoas maiores estará orientada á consecución dos seguintes obxectivos:

a) Previr os problemas de saúde a través do desenvolvemento de programas dirixidos a fomentar os hábitos de vida saudables e á detección precoz de enfermidades que alteran o proceso normal de envellecemento.

b) Potenciar os programas de rehabilitación funcional que contribúan ao mantemento ou á mellora do estado físico, psíquico e sensorial das persoas maiores.

c) Procurar a permanencia das persoas maiores no seu contorno familiar e social potenciando a atención sociosanitaria no seu propio domicilio.

Artigo 22. Da educación e a formación.

As administracións públicas promoverán o exercicio do dereito á educación e á formación das persoas maiores mediante:

a) A potenciación da educación das persoas adultas en todos os niveis do sistema educativo, de conformidade co previsto na Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos.

b) O fomento da participación das persoas maiores en actividades formativas específicas para un envellecemento activo e o coñecemento dos problemas asociados coa idade e das técnicas básicas para lles facer fronte.

c) A elaboración de programas dirixidos aos diferentes niveis educativos que propicien o encontro e o entendemento interxeracional e que permitan que os coñecementos e a experiencia das persoas maiores poidan ser aproveitados polas restantes xeracións.

Artigo 23. Da participación.

As administracións públicas de Galicia:

a) Promoverán a participación das persoas maiores na vida política, económica, cultural e social, tanto a nivel individual coma a través dos órganos legalmente establecidos.

b) Establecerán as medidas precisas para garantir a participación das persoas maiores na planificación e no seguimento das medidas de política social que as afecten especificamente.

c) Favorecerán o achegamento e o asociacionismo das persoas maiores no ámbito das súas competencias, que serán escoitadas e tidas en conta na toma de decisións nos temas que as afecten.

Artigo 24. Do voluntariado.

As administracións públicas promoverán a participación das persoas maiores nas entidades de voluntariado, particularmente naquelas que contribúan á solidariedade interxeracional e mais ao intercambio e á achega dos seus coñecementos, experiencias e tradicións.

Artigo 25. Do lecer e da cultura.

As administracións públicas de Galicia promoverán, no ámbito das súas competencias:

a) O achegamento e o acceso das persoas maiores a todos os recursos dispoñibles en materia de lecer e cultura, adoptando as medidas necesarias para iso.

b) A programación e o desenvolvemento de actividades culturais e de lecer dirixidas especificamente ás persoas maiores, fomentando a práctica do turismo de natureza, social e cultural.

c) As actividades deportivas das persoas maiores axeitándoas ás necesidades destas, favorecendo o uso e o gozo das instalacións deportivas existentes na comunidade autónoma.

d) O acceso das persoas maiores ás novas tecnoloxías, a formación necesaria para o seu uso e o seu emprego efectivo.

Capítulo IV

Das políticas públicas de apoio á maternidade

Artigo 26. Principios reitores.

A Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, promoverá a protección da maternidade baixo os seguintes principios reitores:

a) A protección institucional do dereito á vida.

b) O apoio e a protección á muller xestante, promovendo os dereitos e as liberdades constitucionais e civís nos que se asenta a súa dignidade.

c) O fomento da maternidade e da paternidade responsables e, de ser o caso, o dereito dos fillos e as fillas a se desenvolveren nun contorno familiar alternativo ao biolóxico, cando este non sexa propicio.

d) O fomento da natalidade.

Artigo 27. Ámbitos de actuación.

As políticas da Xunta de Galicia sobre protección á maternidade desenvolveranse:

a) Promovendo campañas de sensibilización destinadas á concienciación social da importancia da maternidade e da paternidade, ao fomento da natalidade e á protección do dereito á vida en formación.

b) Impulsando unha política formativa e informativa no ámbito da educación afectivo-sexual, especialmente dirixida á infancia e á adolescencia.

c) Fomentando a educación na maternidade e na paternidade responsables.

d) Informando a muller das posibles medidas de protección, como a acollida familiar ou a adopción, nos casos nos que manifeste a imposibilidade de se facer cargo da crianza tras o nacemento.

e) Apoiando especialmente ás mulleres embarazadas que polas súas circunstancias persoais se atopen soas ou estean integradas en familias con risco de exclusión social ou con especiais dificultades para o exercicio das responsabilidades parentais.

Capítulo V

Da conciliación da vida persoal, familiar e laboral

Sección 1.ª Principios reitores

Artigo 28. Principios reitores da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

As actuacións da Administración pública galega rexeranse polos seguintes principios en relación coa conciliación da vida persoal, familiar e laboral:

a) A adopción de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar como medio para garantir un contorno favorable para a creación e o libre desenvolvemento das familias e o fomento da natalidade, así como o acceso, a permanencia e a promoción laboral das persoas que teñan asumido algunha responsabilidade familiar.

b) A implicación en termos de igualdade dos homes e das mulleres no coidado, a atención e o desenvolvemento da familia, promovendo a voluntaria corresponsabilidade nas tarefas e nas obrigas familiares, respectando o libre acordo das partes na distribución delas.

c) A sensibilización social sobre a necesidade de compatibilizar as obrigas familiares e laborais sen que iso supoña un menoscabo da condición profesional.

d) O fomento da implicación e da responsabilidade da propia familia na educación e na atención daqueles dos seus membros que o precisaren.

Sección 2.ª Ámbitos de actuación

Artigo 29. Adopción de medidas.

1. A Xunta de Galicia establecerá en todos os seus centros e servizos medidas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das empregadas e dos empregados públicos con responsabilidades familiares, compatibles co correcto desenvolvemento do servizo e cos dereitos de conciliación recoñecidos na normativa de aplicación.

2. A Xunta de Galicia promoverá, en colaboración coas empresas e cos axentes sociais, a adopción de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos traballadores e das traballadoras.

3. A Xunta de Galicia promoverá no ámbito educativo actuacións conducentes a facilitaren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral con actividades tales como:

1.º) Mellora dos servizos fóra do ámbito lectivo mediante a apertura de centros durante os días laborables non lectivos e as vacacións escolares, así como mediante a ampliación do horario de apertura dos centros durante os días lectivos establecidos polo calendario escolar, para atender o alumnado menor de 12 anos, en colaboración, de ser o caso, coas asociacións de pais e nais e os municipios, nos centros educativos públicos.

2.º) Ampliación da rede de centros de atención á infancia e incentivando no ámbito laboral a súa creación mediante axudas ou beneficios fiscais.

4. Os pregos de cláusulas administrativas particulares das licitacións que convoquen as administracións públicas de Galicia sinalarán a preferencia na adxudicación dos contratos ás proposicións presentadas por empresas públicas ou privadas que establezan a favor dos seus traballadores e das súas traballadoras medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, sempre que as devanditas proposicións igualen nos seus termos ás máis vantaxosas desde o punto de vista dos criterios que sirvan de base para a adxudicación, respectando a normativa vixente.

5. A Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, promoverá axudas e prestacións económicas temporais para aquelas familias nas que, por razón dos ingresos obtidos no ano anterior, ningún dos membros estea obrigado a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao período en curso, ou para aquelas que non superando os ingresos fixados para a exención da obriga de presentar a declaración estean obrigadas unicamente por razón de percibir importes de máis dun pagador.

6. A Xunta de Galicia promoverá para os traballadores e as traballadoras de empresas privadas e facilitará para os traballadores e as traballadoras ao seu servizo, naqueles casos nos que o posto concreto o permita, a posibilidade do desenvolvemento do traballo mediante modalidades que non requiran presenza física neste, sempre que esta medida sexa compatible coa consecución dos obxectivos laborais previstos.

7. A Xunta de Galicia realizaralles un recoñecemento público a aquelas empresas que implanten medidas de conciliación e de apoio á familia.

Artigo 30. Igualdade de homes e mulleres e corresponsabilidade.

A Xunta de Galicia promoverá a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para a atención das súas responsabilidades familiares, garantindo, no ámbito das súas competencias, a posibilidade do gozo por parte dos homes dos permisos, das licenzas e das excedencias por coidado de fillos e/ou fillas ou familiares, en igualdade de condicións coas mulleres.

Artigo 31. Sensibilización.

1. A Xunta de Galicia realizará campañas de sensibilización destinadas a:

a) Facilitarlle información á sociedade sobre os permisos, as licenzas, as excedencias e as medidas vixentes en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

b) Promover a participación corresponsable entre homes e mulleres na actividade profesional e na vida familiar.

c) Concienciar a sociedade sobre os beneficios da conciliación da vida persoal, familiar e laboral de cara ao fomento da natalidade.

2. Os medios de comunicación de titularidade pública e as empresas de comunicación social que exploten unha concesión ou autorización dun servizo de comunicación audiovisual no ámbito do territorio galego atenderán aos principios xerais recollidos no artigo 6 desta lei, incluíndo na súa programación accións tendentes a promoveren a corresponsabilidade e a eliminación de estereotipos sexistas.

3. As administracións públicas galegas fomentarán que o conxunto dos medios de comunicación social desenvolvan un papel activo na eliminación de discriminacións de xénero e no fomento da corresponsabilidade como un valor social.

Capítulo VI

Do apoio familiar e da mediación

Sección 1.ª Apoio familiar

Artigo 32. Concepto de apoio familiar.

O apoio familiar é un proceso encamiñado a facilitar unha dinámica familiar positiva, a solución de problemas e a toma de decisións, ademais de potenciar e desenvolver os recursos familiares.

O apoio familiar comprenderá os seguintes niveis:

a) Informativo, facilitándolles ás familias a información necesaria para favorecer unha mellor comprensión do medio e dos recursos dispoñibles.

b) Educativo e formativo, proporcionándolles ás familias os medios necesarios para o desenvolvemento integral das súas funcións e das súas habilidades, fortalecendo os vínculos do sistema familiar e facilitando que a dinámica individual e familiar sexa creativa, eficaz e enriquecedora.

c) Preventivo, de preparación perante as distintas etapas ou situacións polas que pasan as familias no seu ciclo vital.

d) Axuda persoal e emocional, ofrecendo atención e acompañamento en calquera momento da vida e, en especial, nos momentos de crises provocadas por desgrazas inesperadas, tanto formal a través da terapia familiar coma informal a través das redes de axuda mutua ou grupos de apoio familiar.

e) Orientación, acompañando as familias, ofrecendo asesoramento para a toma de decisións, a resolución de conflitos e a mobilización dos recursos propios e do contorno, así como no proceso de planificación de apoios.

f) Terapia e tratamento co fin de superar os dinamismos disfuncionais das familias, facendo posible o seu progreso e a súa adaptación.

Artigo 33. Finalidades do apoio familiar.

A finalidade do apoio familiar é o fortalecemento, o enriquecemento e a mellora da calidade de vida das persoas no seo familiar e da familia como grupo.

O apoio familiar abordará os problemas que poidan xurdir na familia e por extensión nos membros que a compoñen, prestándolles especial atención ao interese superior e á vulnerabilidade das e dos menores, e atendendo nomeadamente:

a) As crises do ciclo vital da familia.

b) As situacións de conflito.

c) A viabilidade adaptativa do grupo familiar: apoio, protección e desenvolvemento.

Sección 2.ª Mediación familiar

Artigo 34. Concepto de mediación familiar.

Enténdese por mediación familiar o procedemento de carácter voluntario dirixido a facilitar a comunicación entre os membros da familia, co fin de que xestionen por si mesmos unha solución aos conflitos que os afecten coa intervención dunha persoa mediadora, quen actuará de forma neutral, imparcial e confidencial.

Artigo 35. Finalidades da mediación familiar.

O procedemento de mediación familiar terá como finalidades:

a) A procura común de solucións satisfactorias e duradeiras no tempo.

b) Minimizar o custo emocional que todo conflito produce en todos os membros da familia.

c) Restablecer e/ou mellorar as relacións, presentes e futuras, entre as partes en conflito.

d) Evitar a instrumentalización dos demais membros da familia, e, en especial, das e dos menores.

e) Asegurar a protección do interese superior da ou do menor e do seu benestar.

f) Favorecer a responsabilidade parenteral compartida.

Sección 3.ª Recursos para o apoio familiar e a mediación

Artigo 36. Rede de recursos.

A Xunta de Galicia potenciará e desenvolverá unha rede de recursos axeitados para garantir a efectividade dos procesos de apoio familiar e mediación para que estes poidan chegar aos sectores de poboación máis amplos posible, tanto a través das novas tecnoloxías coma na modalidade de atención presencial.

En concreto, a través dos departamentos competentes en materia de familia e xustiza, constituirá servizos de apoio e atención ás familias a través das tecnoloxías da información e a comunicación e promoverá, reforzará e ampliará os servizos de orientación familiar, de mediación e os puntos de encontro familiar.

Título II

Da infancia e a adolescencia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 37. Concepto e ámbito de aplicación.

Para os efectos desta lei, enténdese por infancia o período de vida das persoas comprendido desde o nacemento ata os 12 anos de idade, e por adolescencia o que abarca desde a devandita idade ata a maioría de idade establecida pola Constitución e o Código civil.

Este título seralles aplicable a todas aquelas persoas menores de idade, calquera que sexa a súa nacionalidade, que teñan o seu domicilio ou se atopen transitoriamente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este título seralles igualmente aplicable ás persoas maiores de idade nos supostos expresamente previstos no ordenamento xurídico ou, en relación con aspectos concretos, cando aquelas fosen obxecto dalgunha das medidas administrativas ou xudiciais previstas neste título antes de acadar a condición referida.

Artigo 38. Principios reitores.

Serán principios reitores da actuación dos poderes públicos de Galicia no exercicio das funcións de atención e protección á infancia e á adolescencia:

a) A primacía do interese da ou do menor sobre calquera outro interese que inspire as actuacións públicas ou privadas de quen se encargue da súa protección por lexítimo que este sexa.

Para a determinación dese interese atenderase en primeiro termo ás necesidades e aos dereitos dos nenos, as nenas e os e as adolescentes, teranse en conta as súas opinións e desexos manifestados con xuízo suficiente e considerarase a súa individualidade no marco familiar e social.

b) A promoción, o respecto e a defensa dos dereitos individuais e colectivos recoñecidos aos nenos, as nenas e os e as adolescentes coas garantías e nas condicións establecidas polo ordenamento xurídico e mais a remoción dos obstáculos que impidan ou dificulten o seu exercicio.

c) O mantemento da ou do menor no núcleo ou medio familiar ou no contorno de orixe, agás que non sexa conveniente para o seu interese.

d) A consecución da integración sociofamiliar dos nenos, as nenas e os e as adolescentes, garantindo, sempre e cando sexa posible, a permanencia no seu ambiente familiar e contorno comunitario.

e) O estudo da problemática da infancia e da adolescencia e a aplicación dos programas e das medidas, tanto preventivas coma paliativas, desde unha perspectiva global.

f) O fomento da solidariedade e a sensibilidade social perante as dificultades que afecten a infancia e a adolescencia, co obxecto de previr a marxinación e a explotación infantil, así como calquera manifestación de abuso, acoso e maltrato físico, psíquico ou emocional, e impulsar o papel da sociedade civil en defensa dos dereitos e das liberdades das e dos menores.

g) O carácter eminentemente educativo e socializador de todas as medidas e actuacións que se adopten en relación cos nenos, as nenas e os e as adolescentes.

h) A obxectividade, a imparcialidade e a seguridade xurídica nas actuacións de atención e protección, garantindo, sempre e cando sexa necesario, o carácter colexiado e interdisciplinar na toma de decisións.

i) A confidencialidade e a reserva en relación con todas as actuacións que se leven a cabo en interese e defensa das e dos menores.

j) A axilidade na toma de decisións nas actuacións que os afecten.

k) A aplicación e a asignación racional dos recursos, xa teñan carácter de comunitarios ou especializados.

l) A cooperación, a colaboración e a coordinación de actuacións con todo tipo de organismos e institucións, públicas ou privadas, que interveñan na protección e a defensa da infancia e da adolescencia, promovendo criterios comúns e actuacións múltiples nas ordes familiar, educativa, sanitaria, cultural e social.

Artigo 39. Principio de corresponsabilidade e deber de colaboración.

1. Os pais, as nais, os titores ou as titoras das persoas menores de idade, en primeiro termo, e, simultánea ou subsidiariamente, todos os poderes públicos, administracións, entidades e cidadanía en xeral deben contribuír, de forma coordinada, ao mellor cumprimento dos principios reitores en materia de infancia e adolescencia mediante o exercicio, nos seus respectivos ámbitos, das obrigas, as competencias e as responsabilidades que o ordenamento xurídico lles asigna.

2. Toda persoa que teña algunha responsabilidade sobre un ou unha menor estará obrigada a lle dispensar a atención e os coidados necesarios, dentro das súas posibilidades e en función da súa situación, para que poida gozar dunhas condicións de vida dignas que favorezan o seu desenvolvemento integral.

3. Toda persoa, e en especial quen por razón da súa profesión ou función teña coñecemento dunha situación de risco ou posible desamparo dun ou dunha menor, e sen prexuízo de lle prestar o auxilio inmediato que precise, poñerao en coñecemento da autoridade xudicial ou do organismo administrativo competente, que garantirá a reserva absoluta.

Artigo 40. Planificación de actuacións e programación de recursos.

1. Para mellorar a eficacia na asistencia e na protección ás menores e aos menores no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia elaborarase un Plan integral de apoio á infancia e á adolescencia.

2. A planificación das políticas de apoio aos nenos, as nenas e os e as adolescentes inspirarase no principio de responsabilidade pública, así como nos de universalidade, pluralidade, participación, autonomía persoal e social e solidariedade.

3. A actuación dos poderes públicos galegos no campo da asistencia e da protección ás menores e aos menores desenvolverase de forma integral, xuntando, no posible, os recursos dispoñibles en accións coordinadas e, de ser o caso, conxuntas. A xestión destes recursos levarase a cabo de acordo con criterios de descentralización e/ou desconcentración, de xeito que se favoreza a participación das distintas institucións, sexan públicas ou privadas, na súa xestión e a proximidade da administración á cidadanía.

Artigo 41. Atribución de competencias.

1. A Xunta de Galicia, no exercicio das competencias que ten atribuídas en materia de infancia e adolescencia:

a) A través do organismo competente en materia de servizos sociais, levará a cabo:

1.º) A protección e a asistencia das e dos menores que se atopen en situación de posible desprotección ou desamparo.

2.º) A tutela das persoas menores desamparadas e o exercicio das funcións de protección delas segundo a lexislación vixente.

3.º) A execución das medidas xudiciais impostas ás persoas menores infractoras.

4.º) A dirección, a planificación, a programación e a ordenación de obxectivos e medidas, regulamentarias e de xestión, así como a coordinación de actuacións.

5.º) A creación e xestión, a avaliación e o seguimento dos centros e dos programas necesarios para o desenvolvemento das competencias anteriores.

6.º) A autorización, a habilitación, a inspección e o control das entidades, dos centros e dos programas que presten servizos de atención á infancia e á adolescencia.

7.º) A promoción do desenvolvemento dos nenos, as nenas e os e as adolescentes nun ambiente familiar.

8.º) A xestión pública do procedemento adoptivo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

9.º) O exercicio das accións civís ou penais que resulten procedentes en defensa dos dereitos da infancia e da adolescencia.

10.º) A atención das situacións de dependencia así como a promoción da autonomía persoal dos nenos e as nenas e os e as adolescentes, coa potenciación das súas capacidades, especialmente mediante o acceso á atención temperá.

b) A través do organismo competente en materia de saúde, proporcionará os medios necesarios para a detección precoz e a atención específica de nenos e nenas e adolescentes con doenzas crónicas, mentais ou discapacidades físicas, intelectuais ou sensoriais.

c) A través do organismo competente en materia de educación, garantirá o dereito dos nenos e as nenas e os e as adolescentes a unha atención específica por razón das súas necesidades e distintas capacidades, a unha atención temperá das súas necesidades educativas especiais e ao emprego de medios técnicos e novas tecnoloxías no ensino, realizando programas para a prevención, a detección e o seguimento do absentismo e o fracaso escolar.

d) A través do organismo competente en materia de emprego e formación profesional, desenvolverá programas formativos de cualificación profesional inicial dirixidos a lles ofrecer aos nenos, as nenas e os e as adolescentes alternativas ás situacións de rexeitamento do sistema escolar ordinario, fracaso e absentismo escolar, e proporcionándolles unha formación preprofesional que favoreza unha próxima incorporación laboral.

2. Os municipios, sen prexuízo do disposto na lexislación de réxime local e de servizos sociais, exercerán as súas competencias en materia de protección ás e aos menores a través das seguintes actuacións:

a) A detección das necesidades de carácter sanitario, educativo, económico, sociolaboral, familiar ou outras análogas que afecten os nenos, as nenas e os e as adolescentes que residan no seu territorio.

b) A información e a orientación sobre os recursos destinados á infancia e á adolescencia.

c) A prevención, a apreciación e a intervención nas situacións de risco en que se poidan atopar as e os menores, consonte o disposto no artigo 17 da Lei orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor, así como a colaboración no seguimento das medidas de protección adoptadas pola Xunta de Galicia, todo iso sen prexuízo das competencias que esta ten na materia.

d) A creación e xestión, a avaliación e o seguimento dos centros e dos programas necesarios para o desenvolvemento das competencias anteriores.

3. A Xunta de Galicia prestaralles aos municipios a asistencia técnica necesaria para o efectivo cumprimento destas funcións.

Capítulo II

Dos dereitos e os deberes

Artigo 42. Dereitos de especial protección da infancia e da adolescencia.

De conformidade co establecido na Constitución española; na Convención sobre os dereitos do neno; na Carta europea dos dereitos do neno; na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, e na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, os poderes públicos garantirán o exercicio dos seguintes dereitos das persoas menores de idade:

a) O dereito á vida e á protección da súa integridade física, intelectual e moral, debendo seren protexidas contra toda forma de maltrato, violencia, manipulación ou abuso sexual.

b) O dereito desde o seu nacemento a un nome e a unha nacionalidade.

Os centros sanitarios, públicos ou privados, nos que se produzan nacementos ou se operen técnicas de reprodución asistida dispoñerán das garantías suficientes para aseguraren a inequívoca identificación das persoas nadas ou concibidas.

c) O dereito a unha identidade propia e mais a coñeceren os datos que sobre as súas orixes biolóxicas consten en poder das autoridades públicas galegas, ou das entidades colaboradoras que entremediasen, colaborasen ou participasen dalgún xeito na execución das medidas de protección das e dos menores.

As autoridades públicas galegas asegurarán a conservación da información da que dispoñan relativa ás orixes do neno ou a nena ou do ou a adolescente, en particular a información respecto da identidade de seus pais e nais, así como da historia médica da ou do menor e da súa familia, debendo as entidades colaboradoras informaren as autoridades públicas dos datos dos que dispoñan.

d) O dereito á protección e promoción da súa saúde e á atención sanitaria de acordo co disposto na lexislación vixente.

e) O dereito a unha axeitada atención por parte dos seus pais, nais, titores ou titoras, gardadores ou gardadoras no exercicio das súas facultades ou deberes.

f) O dereito á asistencia pública nos casos de abandono, marxinación, malos tratos ou necesidade. Prestarase unha especial atención á defensa dos dereitos dos nenos, as nenas e os e as adolescentes fronte a todo tipo de actuacións que atenten contra a súa integridade física e moral.

g) O dereito a seren protexidas contra calquera clase de explotación laboral e a práctica da mendicidade.

h) O dereito á educación e a recibiren unha formación integral conforme o establecido na Constitución e na normativa vixente.

Os nenos, as nenas e os e as adolescentes con necesidades educativas especiais ou que presenten dificultades de inserción na vida social polas súas condicións persoais ou circunstancias familiares terán dereito á asistencia e á formación necesarias que lles permitan o seu adecuado desenvolvemento e realización persoal.

i) O dereito de participaren plenamente, en función do seu desenvolvemento e capacidade, na vida social, cultural, artística e recreativa do seu contorno, así como a unha incorporación progresiva á cidadanía activa.

j) O dereito a se expresaren libremente nos termos constitucionalmente previstos. Esta liberdade de expresión ten tamén o seu límite na protección da intimidade e a imaxe do propio neno, nena ou adolescente.

O exercicio deste dereito poderá estar suxeito ás restricións que estableza a lei para garantir o respecto dos dereitos das demais persoas ou a protección da seguridade, a saúde, a moral ou a orde pública.

k) O dereito a se expresaren na súa lingua propia, de orixe ou de libre elección, e a non seren discriminadas por razón dela.

l) O dereito a que se respecte a súa vida privada, familiar e social, e a que esta se protexa de toda inxerencia arbitraria ou ilegal, así como de todo ataque á súa honra ou á súa imaxe.

m) O dereito a seren informadas, de forma comprensible para a súa idade, dos seus dereitos e da súa situación persoal, así como das medidas que pretendan adoptarse no seu interese e para a súa protección.

n) O dereito a seren escoitadas, no caso de dispoñeren de suficiente xuízo, en todas as actuacións administrativas ou xudiciais que se promovan para a protección e a tutela dos seus dereitos, todo iso sen prexuízo dos casos nos que o neno ou a nena ou o ou a adolescente deba prestar o seu consentimento cando legalmente proceda. Asegurarase o exercicio deste dereito coas adecuadas condicións de discreción, intimidade, seguridade, ausencia de presión e adecuación á situación.

ñ) O dereito a procuraren e recibiren información segundo o seu momento evolutivo.

o) O dereito ao descanso e esparexemento, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade.

p) O dereito á promoción da autonomía persoal, coa potenciación das súas capacidades.

Artigo 43. Prohibicións relativas a publicacións e material audiovisual.

1. Queda prohibida a venda, o alugamento, a exposición, a difusión e o ofrecemento a menores de idade de publicacións, vídeos, videoxogos ou calquera outro material audiovisual que incite á violencia, a actividades delituosas ou a calquera forma de discriminación, ou o contido dos cales sexa pornográfico, resulte prexudicial para o desenvolvemento da súa personalidade ou contrario aos dereitos e ás liberdades recoñecidos nas leis vixentes. Tampouco se proxectarán ou difundirán en locais ou espectáculos nos que se admita a asistencia de nenos e nenas ou de adolescentes.

2. Os establecementos ou os centros nos que se lles permita aos nenos, as nenas e os e as adolescentes o acceso á rede Internet deberán dispoñer e aplicar os sistemas de control e restrición de contidos.

Artigo 44. Defensa dos dereitos da infancia e da adolescencia.

As persoas menores de idade para a defensa dos seus dereitos poderán, persoalmente ou a través de quen as represente legalmente:

a) Dirixirse a calquera administración pública en demanda da protección que precisen e solicitar da que resulte competente os recursos sociais dispoñibles.

b) Poñer en coñecemento do Ministerio Fiscal todas aquelas situacións e actuacións que atenten contra os seus dereitos e contra a súa integridade física e moral.

c) Presentar queixas perante o Valedor do Pobo, quen, para a defensa dos dereitos referidos, lle asignará, baixo a súa supervisión, a competencia a unha ou un das ou dos vicevaledores.

As autoridades ou os responsables en materia de menores facilitaranlle ao Valedor do Pobo toda a información que lles sexa requirida.

A vicevaledora ou o vicevaledor responsable prestará especial atención a:

- Defender os dereitos das e dos menores a todos os niveis.

- Velar polo respecto da lexislación vixente en materia de protección de menores.

- Propoñer, a través do Valedor do Pobo, medidas susceptibles de melloraren a protección das e dos menores ou de perfeccionaren a aplicación das xa existentes.

- Promover diante da sociedade galega a información sobre os dereitos referidos e sobre as medidas que é necesario tomar para a súa mellor atención e coidado.

Artigo 45. Deberes da infancia e da adolescencia.

Ademais das obrigas que a lexislación civil lles impón ás persoas menores de idade para cos seus pais, nais, titores, titoras, gardadores ou gardadoras, terán, entre outros, os seguintes deberes:

a) Asumir e cumprir os deberes, as obrigas e as responsabilidades que deriven da titularidade e do exercicio dos seus dereitos, de modo que se garanta o exercicio e o pleno gozo dos dereitos das demais persoas.

b) Manter un comportamento cívico acorde coas esixencias de convivencia da sociedade, baseadas na tolerancia e no respecto dos dereitos de todas as persoas.

c) Respectar os seus pais, nais, titores, titoras, gardadores ou gardadoras, e obedecelos ou obedecelas cando estes actúen no exercicio dos seus deberes e responsabilidades parentais e mais contribuír ao desenvolvemento da vida familiar colaborando nas actividades domésticas sen distinción de sexo conforme a súa idade, madureza e circunstancias.

Capítulo III

Da protección da infancia e a adolescencia

Sección 1.ª Das actuacións de prevención

Artigo 46. Principio xeral.

1. Na atención integral á infancia e á adolescencia, terán carácter prioritario as actuacións dirixidas a previren posibles situacións de desprotección e conflito social nas que se poidan atopar, así como as graves carencias que menoscaben o seu desenvolvemento.

2. As actuacións de prevención terán por obxecto:

a) Evitar ou reducir as causas que provoquen ou favorezan os procesos de marxinación ou inadaptación dos nenos, as nenas e os e as adolescentes, as circunstancias de carencia ou de desprotección que dificulten ou menoscaben o libre e pleno desenvolvemento destes e mais os factores que propicien a deterioración do seu contorno sociofamiliar.

b) Reducir ou contrarrestar os efectos producidos polas causas, as circunstancias e os factores referidos na alínea anterior.

c) Impedir as situacións individuais de risco ou de desamparo.

Artigo 47. Accións e medidas de prevención.

A Xunta de Galicia, a través do departamento competente, e en colaboración, de ser o caso, coas restantes administracións públicas, promoverá, entre outras, as seguintes medidas:

a) A sensibilización da cidadanía no coñecemento, o respecto e a asunción dos dereitos da infancia e a adolescencia.

b) O desenvolvemento de programas dirixidos a promover o coidado e a atención axeitada das e dos menores nas súas familias.

c) O apoio ás e aos menores, a través de medidas e axudas económicas e/ou técnicas, que se dirixirán a cubrir as súas necesidades básicas e a mellorar o seu contorno familiar.

d) O coñecemento e o fomento dos recursos destinados á atención á infancia e á adolescencia, procurando que os nenos, as nenas e os e as adolescentes dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral e facilitándolles o acceso a eles.

e) A realización de programas para a prevención, a detección e o seguimento do absentismo e o fracaso escolar e mais o desenvolvemento de programas formativos de cualificación profesional inicial dirixidos a lles ofreceren alternativas ás e aos menores, proporcionándolles unha formación preprofesional que favoreza unha próxima incorporación laboral.

f) O desenvolvemento de programas de integración social das e dos menores con dificultades especiais, dirixidos a procuraren a eliminación daquelas barreiras físicas e de comunicación que lles impidan o seu pleno desenvolvemento persoal e a súa integración educativa e social.

g) A promoción dos valores de igualdade, respecto e integración, desenvolvendo programas para a prevención, o control e a erradicación do acoso escolar, da violencia de xénero e das actitudes xenófobas.

h) A elaboración e a execución de programas de prevención das situacións de risco, maltrato e explotación infantil.

i) O favorecemento da integración social das e dos menores en situación de desaxuste social, mediante actuacións que lles proporcionen as habilidades necesarias para evitar condutas antisociais e delituosas.

j) A promoción de hábitos saudables, incluída a prevención do consumo de alcol, tabaco e outras substancias nocivas.

k) A promoción de programas de información e sensibilización sobre as e os menores e as súas problemáticas particulares, incentivando a colaboración cidadá na denuncia de posibles situacións ou circunstancias que poñan en perigo a súa integridade e desenvolvemento persoal.

l) O fomento entre os medios de comunicación social da divulgación de información de interese para as e os menores, promovendo publicacións e espazos nas televisións públicas dirixidos á infancia e á adolescencia e realizados coa súa participación.

m) A orientación para o uso adecuado do lecer e o tempo libre.

n) A promoción e a execución de programas informativos e formativos en materia afectivo-sexual axeitados ás diferentes etapas evolutivas.

Sección 2.ª Do sistema de protección

Artigo 48. Conceptos xerais.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por sistema de protección de menores o conxunto de servizos, actuacións e medidas de intervención dos poderes públicos destinadas a paliaren as situacións de desprotección e conflito social nas que poidan encontrarse as persoas menores de idade.

2. Constitúen situacións de desprotección as de risco e as de desamparo.

3. Consonte o disposto no artigo 26 da Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia, considérase situación de risco a que se produce de feito cando a persoa menor de idade, sen estar privada no seu ámbito familiar da necesaria asistencia moral ou material, se ve afectada por calquera circunstancia que prexudique o seu desenvolvemento persoal, familiar, social ou educativo e que permita razoablemente temer que no futuro poida estar incursa nunha situación de desamparo, inadaptación ou de exclusión social.

4. Considérase situación de desamparo a definida no artigo 7 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, e no artigo 172.1 do Código civil como a situación que se produce de feito por causa do incumprimento ou do posible ou inadecuado exercicio dos deberes de protección establecidos polas leis para a garda das persoas menores de idade, cando estas queden privadas da necesaria asistencia.

Subsección 1.ª Da situación de risco

Artigo 49. Situacións de risco.

Constitúen situacións de risco:

a) A falta de atención física ou intelectual da persoa menor de idade por parte dos seus pais, nais, titores, titoras, gardadores ou gardadoras que supoña prexuízo leve para a súa saúde física ou emocional, descoido non grave das súas necesidades principais ou obstaculización para o exercicio do seus dereitos, cando se estime, pola súa natureza ou pola repetición dos episodios, a posibilidade da súa persistencia ou o agravamento dos seus efectos.

b) A dificultade seria que as persoas referidas na alínea anterior teñan para lle dispensar adecuadamente ao neno ou a nena ou ao ou a adolescente a referida atención física e intelectual, malia a súa vontade de o facer, cando iso supoña os efectos descritos na devandita alínea.

c) A utilización do castigo físico ou emocional sobre a menor ou o menor que, sen constituír episodio severo ou patrón crónico de violencia, prexudique o seu desenvolvemento.

d) As carencias de toda orde que, non podendo ser adecuadamente compensadas no ámbito familiar, nin impulsadas desde este para o seu tratamento a través dos servizos e recursos esenciais e/ou normalizadores, poidan propiciar a exclusión social, a inadaptación ou o desamparo da ou do menor.

e) O conflito aberto e permanente entre os pais, as nais, os titores, as titoras, os gardadores ou as gardadoras, ou entre calquera deles e a persoa menor, cando poida prexudicar o desenvolvemento persoal ou social desta.

f) Calquera outra situación, ademais das previstas neste artigo, que, de persistir, poida evolucionar e derivar en desamparo da ou do menor.

Artigo 50. Actuación perante a situación de risco.

1. Correspóndelles ás entidades locais, no marco do disposto na lexislación estatal e autonómica reguladora do réxime local e dos servizos sociais, a detección, a valoración e a intervención nas situacións de risco de calquera índole e a activación dos seus propios recursos ou en colaboración coas demais administracións e servizos públicos e privados.

2. O procedemento para a valoración do risco, así como as actuacións que se deberán levar a cabo desenvolveranse regulamentariamente, garantindo, en todo caso, a audiencia da ou do menor e a dos seus pais, nais, titores, titoras, gardadores ou gardadoras, nos termos establecidos nesta lei.

3. Garantirase a participación de profesionais coas titulacións técnicas axeitadas na valoración e na intervención en situacións de risco, así como a persoa profesional de referencia para cada caso.

Artigo 51. Obxectivo da actuación administrativa.

A actuación administrativa perante as situacións de risco estará orientada a conseguir:

a) A mellora do medio familiar, coa colaboración dos pais, as nais, os titores, as titoras, os gardadores ou as gardadoras e do propio neno, nena ou adolescente.

b) A idoneidade das condicións sociais, económicas e culturais dos nenos, as nenas e os e as adolescentes.

c) A eliminación, a neutralización ou a diminución dos factores de risco e dificultade social mediante a capacitación dos pais e das nais para atenderen axeitadamente as necesidades do neno ou a nena ou do ou a adolescente, proporcionándolles os medios, tanto técnicos coma económicos, e a axuda necesaria que permitan a permanencia deste ou desta no fogar.

d) A satisfacción adecuada das necesidades principais da ou do menor polos servizos e recursos esenciais e/ou normalizadores, propiciando as accións compensatorias adicionais necesarias, de ser o caso, para garantir o efectivo exercicio dos seus dereitos.

Subsección 2.ª Da situación de desamparo

Artigo 52. Situacións de desamparo.

Considéranse situacións de desamparo as seguintes:

a) O abandono da persoa menor de idade.

b) A existencia de malos tratos físicos ou psíquicos ou de abusos sexuais por parte das persoas da unidade familiar ou de terceiras persoas con consentimento daquelas.

c) A neglixencia grave no cumprimento das obrigas alimentarias, hixiénicas ou de saúde, sempre que supoña un prexuízo grave para a integridade do neno ou a nena ou do ou a adolescente.

d) A indución do neno ou a nena ou do ou a adolescente á mendicidade, á delincuencia, á prostitución ou a calquera outra forma de explotación económica ou sexual da ou do menor, ou permisividade respecto destas condutas.

e) As condutas adictivas da persoa menor de idade co consentimento ou a tolerancia das persoas que exerzan a súa garda.

f) O trastorno mental grave dos pais, as nais, os titores, as titoras, os gardadores ou as gardadoras que impida o normal exercicio da patria potestade, da tutela ou da garda.

g) As condutas adictivas nas persoas que integran a unidade familiar e, en especial, das que posúen a patria potestade ou a tutela, sempre que menoscaben gravemente o desenvolvemento e o benestar da ou do menor.

h) A convivencia nun contorno sociofamiliar que deteriore gravemente a integridade moral do neno ou a nena ou do ou a adolescente, ou prexudique o desenvolvemento da súa personalidade.

i) A falta das persoas ás que lles corresponde exercer as funcións de garda ou cando estas persoas estean imposibilitadas para as exercer ou en situación de as exercer con perigo grave para o neno ou a nena ou o ou a adolescente.

j) A falta de escolarización habitual do neno ou a nena ou do ou a adolescente co consentimento ou a tolerancia dos pais, das nais ou das persoas que exerzan a garda, sempre que menoscabe o desenvolvemento e o benestar da ou do menor, ou sempre que supoña un prexuízo grave do neno ou a nena ou do ou a adolescente.

k) Calquera outra situación de desprotección que se produza de feito a causa do incumprimento ou dun imposible ou inadecuado exercicio dos deberes de protección establecidos polas leis para a garda das persoas menores de idade cando estas queden privadas da necesaria asistencia moral ou material.

Artigo 53. Actuación perante a situación de desamparo.

De conformidade cos artigos 5 e 7 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, correspóndelle á Xunta de Galicia, a través do departamento competente, a declaración da situación de desamparo das persoas menores que residan ou se atopen transitoriamente no territorio da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo das competencias que, sobre estas últimas, poidan ter outras administracións públicas.

Artigo 54. Declaración da situación de desamparo.

1. A situación de desamparo apreciarase segundo o establecido na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia. Non obstante, poderase omitir o trámite de audiencia nos casos de urxencia con grave risco para a persoa menor, nos que se poderá declarar o desamparo e asumir a tutela de xeito inmediato.

2. Regulamentariamente arbitrarase un procedemento para a devandita declaración, no que se garantirá a participación de profesionais coas titulacións técnicas axeitadas para a valoración da situación de desamparo, así como a persoa profesional de referencia para cada caso.

Sección 3.ª Das medidas de protección e da súa execución

Artigo 55. Medidas de protección.

Considéranse medidas de protección:

a) O apoio á familia cando na resolución que o adopte se determine o seu carácter de medida.

b) A tutela.

c) A asunción da garda da ou do menor, exercida mediante o acollemento.

d) A adopción.

e) As medidas que se adopten con respecto ás menores e aos menores en situación de conflito social.

Artigo 56. Principios de intervención mínima e proporcionalidade.

1. Nas situacións de desprotección social das ou dos menores, a actuación da Xunta de Galicia estará guiada polo principio de intervención mínima, conforme o que se outorgará sempre prioridade á actuación no contorno familiar do neno ou a nena ou do ou a adolescente, para evitar, sempre e cando sexa posible, que sexa separado deste.

2. A Xunta de Galicia, na aplicación, a modificación e o cesamento das medidas de protección actuará coa máxima flexibilidade e rexida polo principio de proporcionalidade, para garantir en todo momento a adecuación das medidas á situación concreta da ou do menor. Para iso, ademais da documentación de todo o procedemento, arbitrará un sistema de seguimento.

Artigo 57. Cooperación da familia.

1. A familia obxecto das medidas de protección deberá cooperar na consecución dos obxectivos fixados para a intervención.

2. A ausencia de cooperación ou a obstaculización no seu desenvolvemento poderán fundamentar o cesamento das medidas e a consideración sobre a posible adopción doutras, incluídas as accións xudiciais pertinentes, sen prexuízo das intervencións inmediatas que puideren resultar necesarias no caso de perigo para a vida ou a integridade física da persoa menor.

Artigo 58. Oposición ás resolucións administrativas en materia de protección de menores.

De conformidade co establecido na normativa civil aplicable, as resolucións administrativas en materia de protección de menores serán obxecto de recurso perante a xurisdición civil nos termos establecidos naquela.

Subsección 1.ª Do apoio á familia

Artigo 59. Concepto e contido.

1. O apoio á familia ten como obxectivo fornecer as axudas económicas, materiais, sociais, educativas e terapéuticas que permitan a mellora do medio familiar e a atención das necesidades do neno ou a nena ou do ou a adolescente para evitar a separación familiar ou procurar, de ser o caso, o retorno a ela.

2. O apoio levarase a cabo mediante a intervención técnica dos servizos sociais comunitarios, tanto básicos coma específicos, así como dos especializados, da Administración da Comunidade Autónoma, por parte de profesionais especializados.

Artigo 60. Actuacións de apoio á familia.

O apoio á familia comprende, entre outras, as seguintes actuacións:

a) O asesoramento e a orientación técnica para promover o desenvolvemento persoal dos pais, as nais, os titores, as titoras, os gardadores ou as gardadoras e facilitar o axeitado exercicio das funcións parentais e unha dinámica familiar normalizada.

b) A educación familiar para capacitar a pais, nais, titores, titoras, gardadores ou gardadoras nas súas funcións de atención, educación e coidado das e dos menores ao seu cargo.

c) Os programas de intervención para a preservación ou a reunificación da familia e mais para a normalización da convivencia nela.

d) O seguimento da evolución do neno ou a nena ou do ou a adolescente na familia e no seu medio social.

e) A atención en centros de día.

f) Axudas e prestacións económicas temporais.

g) A axuda a domicilio para permitir a permanencia nel do neno ou a nena ou do ou a adolescente e favorecer o seu coidado e atención.

h) A mediación como técnica de resolución de conflitos no seo da familia.

i) Calquera outra actuación que contribúa á consecución dos fins previstos no artigo anterior.

Subsección 2.ª Da tutela

Artigo 61. Asunción da tutela administrativa.

1. Consonte o disposto no artigo 7 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, correspóndelle á Xunta de Galicia a tutela das e dos menores que se atopen na situación de desamparo regulada na subsección 2.ª da sección 2.ª deste capítulo.

2. A constitución da tutela administrativa supón a atribución ao órgano competente da Xunta de Galicia das funcións de contido persoal, de representación legal e de administración patrimonial sobre a ou o menor establecidas na lexislación civil.

3. Os efectos da asunción da tutela administrativa son os previstos no artigo 9 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Artigo 62. Cesamento.

Sen prexuízo das causas de cesamento da tutela establecidas no artigo 276 do Código civil, a tutela administrativa asumida pola Xunta de Galicia como medida de protección extínguese polas seguintes causas:

a) Resolución administrativa ditada como consecuencia do cesamento das circunstancias que motivaron a medida.

b) Resolución administrativa ditada con ocasión do traslado a outra entidade de protección.

c) Resolución xudicial firme que constitúa a adopción ou a tutela ordinaria ou que acorde o cesamento da situación de desamparo.

d) Imposibilidade sobrevida do seu exercicio, motivada pola imposibilidade de localización da ou do menor por parte das autoridades competentes e atendidas as circunstancias do caso.

Artigo 63. Promoción da tutela ordinaria.

Malia o sinalado nos artigos anteriores, sempre que exista a posibilidade e sexa beneficioso para o interese do neno ou a nena ou do ou a adolescente, cando existan persoas que, polas súas relacións coa ou co menor ou por outras circunstancias, poidan asumir a tutela, promoverase o nomeamento de titor ou titora pola autoridade xudicial consonte as regras establecidas no artigo 222 e seguintes do Código civil.

Subsección 3.ª Da garda

Artigo 64. Concepto e contido.

1. A garda, como medida de protección da e do menor, supón para quen a exerce a obriga de velar pola persoa menor de idade, tela na súa compaña, alimentala, educala e procurarlle unha atención e formación integral.

2. Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a garda das persoas menores nos supostos establecidos no artigo 11 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Artigo 65. Exercicio.

1. A garda exercerase a través da figura do acollemento familiar ou residencial.

2. O exercicio da garda supoñerá unha intervención individualizada con cada menor, que se levará a cabo a través da colaboración activa do órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia coas persoas titulares da patria potestade, coas que exerzan a garda e coas entidades públicas e privadas.

3. A garda da ou do menor durará o tempo imprescindible en canto perduren as circunstancias que deron lugar á súa asunción.

4. Durante ese tempo, e se convén ao seu interese, procurarase que as relacións familiares e sociais do neno ou a nena ou do ou a adolescente sufran as menores alteracións, manténdoo ou manténdoa o máis preto posible do seu contorno e atendendo en todo momento á súa reintegración na propia familia de orixe. Nos supostos nos que se prevexa o retorno da ou do menor coa súa familia, traballarase desde os primeiros momentos con ese obxectivo, proporcionándolle a esta os apoios necesarios mediante as actuacións previstas no artigo 60 desta lei. Os pais, as nais, os titores e as titoras terán dereito a visitar a menor ou o menor a non ser que lle resulte prexudicial.

5. Poderanse acordar limitacións aos dereitos das persoas menores de idade respecto daquelas situacións, actividades ou condutas que poidan ser prexudiciais para elas mesmas ou para outras persoas, con medidas de natureza pedagóxica e evitando que supoñan menoscabo da atención ás súas necesidades e dereitos básicos ou ameaza para a súa integridade física ou intelectual.

6. Calquera variación no exercicio da garda, incluído o traslado de centro, será acordada de forma motivada logo de audiencia da ou do menor, así como da familia, de ser o caso, e notificada aos pais, as nais, os titores ou as titoras; así mesmo seralles comunicada ao Ministerio Fiscal así como á autoridade xudicial cando a tiver acordada.

7. Sen prexuízo das competencias de superior vixilancia que lle incumben ao Ministerio Fiscal, correspóndelle ao órgano competente da Xunta de Galicia o seguimento e a vixilancia da medida de garda adoptada, para o que se procurará periodicamente canta información resulte precisa.

Artigo 66. Da garda rogada.

1. Os pais, as nais, os titores ou as titoras poderán solicitar a garda administrativa das persoas menores de idade que teñan ao seu cargo, nos casos e na forma prevista no artigo 12 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

2. Cando se acorde a garda, procurarase que as persoas ás que se refire a alínea anterior se impliquen na atención ás ou aos menores, e para tal efecto aqueles que dispoñan de medios deberán contribuír ao sostemento das cargas derivadas do seu coidado, satisfacéndolle á administración o prezo público que, en función das súas posibilidades, esta determine, ou asumíndoas directamente.

Artigo 67. Cesamento.

A garda da ou do menor cesa nos seguintes casos:

a) Cando a garda se exercite como función inherente á tutela administrativa, polas mesmas causas de cesamento desta, previstas no artigo 62 desta lei.

b) No caso de garda rogada, polas causas recollidas no artigo 13 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

c) Por resolución xudicial no caso de que a garda fose disposta polo xuíz ou a xuíza.

d) Polo acceso á maioría de idade ou pola emancipación da ou do menor.

Subsección 4.ª Do acollemento

Artigo 68. Concepto e contido.

1. O acollemento é o modo de exercicio da garda como medida de protección, consistente na integración da ou do menor nunha familia, na súa modalidade de familiar, ou no seu aloxamento e atención nun centro, na modalidade de residencial.

2. A persoa ou as persoas no favor da cal ou das cales se constitúa o acollemento, no familiar, e a persoa que ocupe a dirección do centro, no residencial, exercerán as funcións propias da garda, asumindo as obrigas de velar, ter na súa compaña, alimentar, educar e procurar unha formación integral á persoa menor acollida. No desempeño destas funcións, respectarán as instrucións e a facultade de inspección que como titular da garda lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 69. Criterios de aplicación.

Consonte o disposto nos artigos 15.1 e 16.2 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, e en aplicación dos principios reitores da actuación dos poderes públicos de Galicia no exercicio das funcións de atención e protección á infancia e á adolescencia, para a adopción da medida de acollemento atenderase preferentemente aos seguintes criterios:

a) Dar prioridade á utilización do acollemento familiar sobre o residencial.

b) Evitar, na medida do posible, a separación de irmáns e/ou irmás e procurar o seu acollemento por unha mesma familia ou nun mesmo centro.

c) Favorecer a permanencia do neno ou a nena ou do ou a adolescente no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa, agás que non sexa aconsellable para o interese da persoa menor acollida ou das ou dos menores do grupo familiar acolledor.

d) Fomentar as relacións entre o neno, a nena ou o ou a adolescente e a súa familia natural para posibilitar a súa reintegración a esta.

e) Manter a medida polo tempo estritamente necesario.

f) Fomentar a integración do neno ou a nena ou do ou a adolescente no contorno social e a asistencia aos sistemas educativos, sanitarios e laborais.

g) Co obxecto de facilitar a integración da ou do menor nunha unidade familiar poderase compatibilizar a utilización do acollemento residencial e o familiar.

Artigo 70. Acollemento familiar.

1. O acollemento familiar ten como finalidade procurarlle á menor ou ao menor separado da súa familia a atención nun contexto familiar ou de convivencia axeitado, xa sexa con carácter provisorio, temporal, permanente ou como paso previo para a adopción. No marco do acollemento, a familia acolledora asume unha tarefa de colaboración coa administración no exercicio das súas funcións de protección.

2. Consonte o disposto no artigo 173 bis do Código civil e 17 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, as modalidades de acollemento familiar son: o acollemento familiar simple, o acollemento familiar permanente e o acollemento familiar preadoptivo.

3. Para a formalización dun acollemento familiar será preciso que se valore a idoneidade das persoas candidatas a seren acolledoras en función da súa capacidade e aptitude para satisfacer as necesidades da ou do menor.

4. Os acollementos familiares formalizaranse por escrito de conformidade coa normativa civil aplicable.

Artigo 71. Acollemento residencial.

1. O acollemento residencial comporta o ingreso dunha menor ou dun menor nun centro residencial de titularidade da Comunidade Autónoma ou dunha institución pública ou privada colaboradora, co obxecto de recibir a atención, a educación e a formación axeitadas que, polo menos temporalmente, non lle poida proporcionar a súa propia familia.

2. Consonte o establecido no artigo 21 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, o acollemento residencial ten carácter subsidiario respecto do familiar e das demais medidas de protección da ou do menor. Só se poderá recorrer a este cando se esgotaren todas as posibilidades de mantemento do neno ou a nena ou do ou a adolescente na súa familia a través da utilización de todos os recursos preventivos e o acollemento familiar, a constitución da tutela ordinaria ou a adopción non sexan posibles ou se consideren inadecuados.

3. O acollemento residencial será acordado por decisión xudicial ou mediante resolución administrativa, na que se determinará o ingreso da ou do menor no centro correspondente.

En todo caso, correspóndelle á entidade pública a determinación do centro concreto no que deba ser ingresado o ou a menor, decisión que se adoptará de forma motivada en función das circunstancias persoais do neno ou a nena ou do ou a adolescente, atendendo sempre ao seu superior interese, e mais das características dos centros e da dispoñibilidade de prazas.

Artigo 72. Cesamento.

O acollemento cesará polas circunstancias e nas condicións ás que se refire o artigo 25 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Subsección 5.ª Da adopción

Artigo 73. Adopción como medida de protección.

1. A adopción é unha medida de protección dirixida á persoa menor de idade en situación de desamparo, consistente na integración definitiva desta nunha familia distinta á súa familia de orixe.

2. A Xunta de Galicia promoverá a adopción dunha persoa menor cando, valorada a súa situación e circunstancias, se constate a inviabilidade da permanencia definitiva ou da reintegración na súa familia de orixe, responda ao interese daquela e constitúa a medida máis axeitada para atender as súas necesidades.

Artigo 74. Dereitos das persoas menores en relación coa adopción.

1. As persoas menores terán dereito a conservar os vínculos afectivos cos seus irmáns e irmás, e para tal fin a Administración da Xunta de Galicia procurará que todos eles sexan acollidos ou adoptados por unha mesma persoa ou familia, e, no caso de separación, tratará de facilitar a relación entre eles e elas.

2. As persoas adoptadas terán dereito a coñecer esta condición, a que se respecten os seus antecedentes persoais e familiares e mais a coñecer as súas orixes biolóxicas.

Artigo 75. Competencias en materia de adopción.

1. Nos termos previstos no Código civil; na Lei de axuizamento civil; na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor; na Lei de dereito civil de Galicia, e na Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional, correspóndelle á Administración da Xunta de Galicia, a través do departamento competente, a xestión dos procedementos para a declaración de idoneidade das persoas interesadas en adoptar, a selección das persoas adoptantes e a elaboración e elevación das propostas de adopción perante os órganos xudiciais competentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Nos procesos de adopción internacional, correspóndelle ao departamento competente da Xunta de Galicia:

a) A recepción, o rexistro e a tramitación dos expedientes, ben sexa directamente ou ben a través de entidades debidamente habilitadas que realicen a súa función de mediación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A expedición dos certificados de idoneidade do ou da solicitante ou solicitantes, logo da valoración desta.

c) A expedición do compromiso de seguimento da adopción, cando así o esixa o país de orixe da ou do menor adoptado.

d) A habilitación, o control, a inspección e a elaboración das directrices de actuación das entidades colaboradoras de adopción internacional no ámbito da Comunidade Autónoma.

Artigo 76. Requisitos das persoas adoptantes.

1. Para poder ser adoptante, requirirase:

a) Cumprir as condicións de idade recollidas na normativa civil aplicable.

b) Residir habitualmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coas excepcións sinaladas na alínea 2.

c) Ter sido declarado ou declarada persoa idónea para a adopción tras o correspondente procedemento de valoración.

2. Non se esixirá o requisito de residencia da letra b) da alínea anterior nos supostos en que, por carecer de familia idónea para un ou unha menor dentro da comunidade autónoma, se considere conveniente a súa adopción fóra desta. Nestes casos, as posibles persoas candidatas deberán ser declaradas idóneas ben polos servizos competentes da súa comunidade autónoma, ben polos servizos desta comunidade.

3. As persoas interesadas en adoptar terán que recibir a información axeitada para facilitar a toma de decisións en relación co seu proxecto de adopción.

Artigo 77. Valoración da idoneidade para adoptar.

1. A valoración da idoneidade é un estudo psicolóxico e social realizado coa finalidade de determinar se as persoas interesadas en adoptar posúen as capacidades necesarias para satisfacer as necesidades específicas dos nenos e das nenas susceptibles de adopción.

2. Para a valoración da idoneidade teranse en conta, como mínimo, os seguintes aspectos ou circunstancias:

a) Que entre a persoa adoptante e a adoptada exista unha diferenza de idade axeitada, seguindo un criterio biolóxico normalizado e axustado ás súas correspondentes etapas vitais.

b) Que o medio familiar das persoas solicitantes reúna as condicións axeitadas para a atención integral do neno ou a nena ou do ou a adolescente.

c) Que existan motivacións e actitudes adecuadas para a adopción. No caso de cónxuxes ou parellas unidas por relación estable análoga á conxugal, estas motivacións e actitudes deberán ser compartidas.

d) Que as condicións de saúde física e intelectual das persoas solicitantes permitan atender correctamente a persoa menor.

3. A resolución de idoneidade adoptada pola autoridade administrativa competente non implicará o remate do proceso de valoración, e este poderá continuar co obxecto de ter en conta novas circunstancias ou motivacións das persoas interesadas en adoptar.

Artigo 78. Selección das persoas adoptantes e proposta de adopción.

1. Cando se determine que unha persoa menor é susceptible de ser adoptada, a Xunta de Galicia seleccionará, entre as persoas declaradas idóneas para adoptar, a aquelas con condicións e aptitudes máis adecuadas para satisfacer as necesidades daquela.

2. Unha vez seleccionadas as persoas idóneas, a autoridade administrativa competente elevaralle ao xuíz ou á xuíza a proposta de adopción e formalizará un acollemento familiar preadoptivo nos termos e nas condicións previstas nos artigos 20, 22 e 23 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Artigo 79. Rexistro de adopcións.

1. O departamento competente da Xunta de Galicia xestionará o Rexistro de Adopcións da Comunidade Autónoma, no que se inscribirán as persoas interesadas en adoptar.

2. Así mesmo, constituirase un sistema de rexistro único para as persoas menores susceptibles de seren adoptadas, no que serán anotadas en función das súas características, circunstancias e necesidades.

Capítulo IV

Das actuacións en materia de reeducación de persoas menores infractoras

Sección 1.ª Das persoas menores infractoras e do sistema de reeducación

Artigo 80. Persoa menor infractora.

Para os efectos desta lei, enténdese como persoa menor infractora aquel ou aquela que cometese feitos tipificados como delitos ou faltas no Código penal ou nas leis penais especiais.

Artigo 81. Responsabilidade penal das e dos menores.

1. As e os menores que cometan delitos ou faltas tipificadas no Código penal ou nas leis penais especiais, maiores de 14 anos e menores de 18, serán responsables penalmente en virtude do establecido na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

2. Aquelas persoas menores infractoras que teñan unha idade inferior a 14 anos non serán responsables penalmente en virtude do disposto na Lei orgánica 5/2000 e aplicarase o disposto no capítulo III, «Da protección da infancia e a adolescencia».

Artigo 82. Obxecto do sistema de reeducación de menores.

1. O sistema de reeducación de menores terá por obxecto a execución das medidas xudiciais impostas polos xulgados de menores a través de programas de intervención que favorezan o desenvolvemento integral e a inserción familiar, social e laboral da ou do menor infractor.

2. Para a consecución deste obxectivo, a Xunta de Galicia realizará as actuacións preventivas necesarias para eliminar os factores de risco que levan á marxinación e á delincuencia e creará ou promoverá aqueles servizos e programas que contribúan á adecuada socialización da ou do menor e que incidan na súa formación, emprego, lecer, promoción ocupacional e convivencia tanto no medio social coma familiar.

Artigo 83. Principios de actuación.

Os e as profesionais, os organismos e as institucións que interveñan na execución das medidas axustarán a súa actuación coas persoas menores aos seguintes principios:

a) O superior interese da ou do menor sobre calquera outro interese concorrente.

b) O respecto ao libre desenvolvemento da personalidade da ou do menor.

c) A información dos dereitos que lles corresponden en cada momento e a asistencia necesaria para os poder exercer.

d) A aplicación de programas fundamentalmente educativos que fomenten o sentido da responsabilidade e o respecto polos dereitos e as liberdades das outras persoas.

e) A adecuación das actuacións á idade, á personalidade e ás circunstancias persoais e sociais das e dos menores.

f) A prioridade das actuacións no propio contorno familiar e social, sempre que non sexa prexudicial para o interese da e do menor. Así mesmo, na execución das medidas empregaranse preferentemente os recursos do ámbito comunitario.

g) O fomento da colaboración dos pais, as nais, os titores, as titoras ou os ou as representantes legais durante a execución das medidas.

h) O carácter preferentemente interdisciplinario na toma de decisións que afecten ou poidan afectar a persoa.

i) A confidencialidade, a reserva oportuna e a ausencia de inxerencias innecesarias na vida privada dos nenos, as nenas e os e as adolescentes ou na das súas familias, nas actuacións que se realicen.

j) A coordinación de actuacións e a colaboración cos demais organismos da propia ou de diferente administración, que interveñan con nenos, nenas e adolescentes, especialmente cos que teñan competencias en materia de educación e sanidade.

k) O carácter socializador e a prevalencia da función social e psicopedagóxica na execución e no contido das medidas.

Sección 2.ª Do asesoramento e da conciliación e a reparación

Artigo 84. Do asesoramento.

De conformidade coa Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, os equipos técnicos dependentes dos xulgados de menores e da Fiscalía de Menores prestaranlles asesoramento aos devanditos órganos sobre a situación psicolóxica, educativa e social da ou do menor, así como do seu contorno social, durante o procedemento xudicial.

Artigo 85. Da conciliación e a reparación.

1. Os equipos técnicos dos xulgados de menores realizarán as funcións de mediación entre a persoa menor infractora e a vítima ou persoa prexudicada co fin de acadar a conciliación e a reparación da vítima, nos termos sinalados no artigo 19 da Lei orgánica 5/2000.

2. O departamento competente en materia de menores na Comunidade Autónoma de Galicia tamén poderá poñer á disposición do Ministerio Fiscal e dos xulgados de menores os programas necesarios para realizar as funcións de mediación recollidas no artigo 19.3 da Lei orgánica 5/2000.

Sección 3.ª Da execución das medidas xudiciais

Artigo 86. Marco da execución.

1. A execución material das medidas impostas polos xulgados de menores levarase a cabo de acordo co que dispoña sobre o seu contido, duración e obxectivos a correspondente resolución xudicial e na forma prescrita pola lexislación vixente.

2. A devandita execución poderase ver complementada co desenvolvemento de actuacións de intervención no medio familiar dirixidas a aseguraren a adecuada integración nel da ou do menor.

Artigo 87. Medidas xudiciais que lle corresponde executar á Comunidade Autónoma de Galicia.

Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a execución das seguintes medidas xudiciais impostas polos xulgados de menores:

a) As medidas xudiciais cautelares de internamento no réxime establecido na correspondente resolución xudicial, así como a medida cautelar de liberdade vixiada e de convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo.

b) As medidas xudiciais de internamento ditadas en sentenzas firmes no réxime establecido na resolución xudicial e a permanencia de fin de semana en centro.

c) As medidas xudiciais ditadas en sentenza firme de tratamento ambulatorio, asistencia a centro de día, permanencia de fin de semana no domicilio, liberdade vixiada, convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo, prestacións en beneficio da comunidade e tarefas socioeducativas.

Artigo 88. Colaboración na execución das medidas xudiciais.

A Xunta de Galicia poderá subscribir convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como con outras entidades, públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que iso supoña cesión de titularidade ou responsabilidade.

Artigo 89. Regras para a execución das medidas xudiciais.

As medidas xudiciais executaranse conforme o establecido na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, e no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, así como na normativa que os desenvolva.

Artigo 90. Expediente persoal da ou do menor.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do departamento que teña atribuída a competencia en materia da ou do menor infractor, abriralle un expediente persoal a cada neno, nena ou adolescente do que teña encomendada a execución dalgunha medida, aténdose ao establecido na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores; no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e na demais normativa que sexa aplicable para a protección de datos de carácter persoal.

Sección 4.ª Das medidas de medio aberto e internamento

Artigo 91. Medidas de medio aberto.

1. Considéranse medidas de medio aberto as medidas cautelares de liberdade vixiada e a de convivencia con persoa, familia ou grupo educativo, así como as medidas ditadas en sentenza firme de tratamento ambulatorio, asistencia a centro de día, permanencia de fin de semana no domicilio, liberdade vixiada, convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo, prestacións en beneficio da comunidade e tarefas socioeducativas.

2. As medidas de medio aberto serán executadas por equipos de medio aberto propios da Comunidade Autónoma ou de entidades públicas ou privadas colaboradoras.

3. Procurarase levar a cabo as devanditas medidas no medio social e familiar do neno ou a nena ou do ou a adolescente usando os recursos e os dispositivos dispoñibles.

4. As administracións públicas deberán colaborar, poñendo á disposición do cumprimento do programa individualizado de execución da medida os servizos e os recursos comunitarios dispoñibles no seu ámbito territorial.

5. Para a medida de prestacións en beneficio da comunidade o departamento competente en materia de persoas menores infractoras estará obrigado a lles dar a protección prevista en materia de Seguridade Social a aquelas persoas maiores de 16 anos, e ás menores desta idade garantiralles a cobertura suficiente polos accidentes que poidan padecer durante o desempeño da prestación.

6. Na medida de tratamento ambulatorio as persoas especialistas e facultativas da rede do Servizo Galego de Saúde elaborarán e seguirán o tratamento adecuado a cada neno, nena ou adolescente. O devandito tratamento incorporarase ao programa individualizado de execución da medida de cada menor elaborado pola persoa educadora designada.

Artigo 92. Medidas de internamento.

1. Son medidas de internamento aquelas que implican o ingreso da ou do menor infractor nun centro en réxime pechado, semiaberto ou aberto, incluíndo o internamento terapéutico en calquera dos tres réximes e a permanencia de fin de semana en centro.

2. As medidas de internamento cautelares e firmes así como a de permanencia de fin de semana en centro executaranse en equipamentos da rede pública de centros de menores ou en equipamentos pertencentes a entidades colaboradoras de iniciativa pública ou privada.

Sección 5.ª Das actuacións posteriores á execución das medidas

Artigo 93. Actuacións posteriores á execución das medidas.

1. Se unha vez finalizada a medida xudicial imposta, a ou o menor infractor precisa axuda para culminar a súa integración, a Xunta de Galicia poderá ofrecer actuacións de orientación ou apoio que prolonguen as accións facilitadoras da súa reinserción e axuste social, encomendándolles a súa execución ou seguimento aos servizos especializados.

2. Así mesmo, a Xunta de Galicia poderá desenvolver actuacións de seguimento, co obxecto de constatar a evolución do proceso de integración e previr, de ser o caso, futuras infraccións ou situacións de inadaptación ou desaxuste social.

Capítulo V

Das actuacións en materia da atención especializada da infancia e da adolescencia

Artigo 94. Principio xeral.

A Xunta de Galicia garantiralles unha atención especializada aos nenos, as nenas e os e as adolescentes que, precisando medidas ou actuacións de protección ou reforma, presenten dificultades específicas.

Artigo 95. Dificultades específicas e actuacións en materia de atención especializada.

1. Consideraranse dificultades específicas que deberán ser obxecto de atención especializada as seguintes:

a) Os problemas de saúde mental que precisen atención psiquiátrica ou psicolóxica.

b) A discapacidade física, intelectual ou sensorial.

c) O alcolismo, a drogodependencia e outras adiccións.

d) O absentismo escolar.

e) As doenzas graves das ou dos menores tutelados que precisen atención.

2. Para prestar a atención especializada das situacións descritas na alínea anterior, a Xunta de Galicia promoverá a creación de dispositivos e programas específicos dirixidos á atención da saúde mental dos nenos, as nenas e os e as adolescentes, así como a ampliación das prazas nos centros educativos públicos para alumnado con necesidades específicas.

3. As persoas menores que estean tuteladas pola Xunta de Galicia terán preferencia para ser asistidas nos centros sanitarios públicos ou concertados.

Capítulo VI

Das institucións, das entidades e dos centros de atención a menores

Sección 1.ª Das institucións e das entidades de atención a menores

Artigo 96. Entidades prestadoras de servizos de atención á infancia e á adolescencia.

1. As entidades prestadoras de servizos sociais ás que se refire o capítulo I do título VIII da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, poderán desenvolver, en materia de atención a menores, as seguintes actividades e funcións:

a) O desenvolvemento de actividades dirixidas á difusión e ao fomento dos dereitos da infancia e da adolescencia.

b) A realización de actuacións de prevención da marxinación, da inadaptación ou da desprotección de nenos, nenas e adolescentes.

c) A creación e a xestión de servizos ou programas específicos de apoio á familia.

d) A colaboración coa Administración da Comunidade Autónoma na investigación e na valoración das situacións de desprotección.

e) A colaboración nos procesos de acollemento familiar e adopción, así como o apoio e a mediación ás familias acolledoras ou adoptantes.

f) O exercicio da garda de menores, na modalidade de acollemento residencial, por delegación das facultades que teña asumidas a Xunta de Galicia.

g) A colaboración na execución das medidas xudiciais impostas en aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, así como o desenvolvemento de actividades facilitadoras da súa reinserción.

h) A colaboración en funcións de carácter auxiliar para a acción da administración nas materias recollidas nesta lei.

i) Calquera outra que non deba ser exercida de maneira directa e exclusiva pola Administración estatal, autonómica ou local.

2. A Administración da Xunta de Galicia, para o desenvolvemento das funcións que lle correspondan ao abeiro desta lei, poderá colaborar coas entidades ás que se refire a alínea anterior ou con calquera outra persoa física ou xurídica, pública ou privada.

Artigo 97. Das entidades que realicen funcións de mediación para efectos de adopcións internacionais.

1. As entidades que pretendan realizar funcións de mediación para efectos de adopcións internacionais deberán estar expresamente habilitadas pola Xunta de Galicia para operaren no territorio da comunidade autónoma, teñan ou non a súa sede nela.

2. Só poderán ser habilitadas as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, que teñan como finalidade nos seus estatutos a protección de menores, dispoñan dos medios materiais e equipos pluridisciplinares necesarios para o desenvolvemento das funcións encomendadas e estean dirixidas e administradas por persoas cualificadas pola súa formación no ámbito da adopción internacional.

3. As entidades habilitadas deberán desenvolver as seguintes funcións de mediación:

a) Información e asesoramento ás persoas interesadas en materia de adopción internacional.

b) Intervención na tramitación de expedientes de adopción perante as autoridades competentes, tanto españolas coma estranxeiras.

c) Asesoramento e apoio ás persoas solicitantes de adopción nos trámites e nas xestións que deban realizar en España e no estranxeiro.

d) Realización dos seguimentos postadoptivos.

e) Calquera outra función para a que as habilite o departamento competente na correspondente resolución.

4. Poderalles ser retirada a habilitación concedida, mediante expediente contraditorio, a aquelas entidades de mediación que deixen de cumprir as condicións que motivaron a súa concesión ou que infrinxan na súa actuación o ordenamento xurídico, sen prexuízo de calquera outra responsabilidade que lles poida corresponder.

Sección 2.ª Dos centros de atención á infancia e á adolescencia

Artigo 98. Centros de atención á infancia e á adolescencia.

1. Os centros de atención á infancia e á adolescencia, tanto os encadrados no sistema de protección coma no de reforma, cumprirán as condicións establecidas pola Xunta de Galicia relativas a centros de menores. Os centros de reforma cumprirán, ademais, os requisitos específicos recollidos na lexislación relativa a menores en centros de reeducación.

2. A tipoloxía, a organización e o funcionamento destes centros, sexan públicos ou privados, desenvolveranse regulamentariamente.

3. Os centros deberán dispoñer dun regulamento de réxime interior, que incluirá tanto as disposicións xerais do seu funcionamento e aqueloutras propias da súa tipoloxía coma un proxecto socioeducativo de carácter xeral.

4. Así mesmo dispoñerán dun proxecto socioeducativo individualizado para cada menor, no que, co obxectivo de lograr o seu desenvolvemento persoal e a súa integración social, se fixarán os obxectivos para lograr a curto, medio e longo prazo.

5. Os centros organizaranse en unidades de convivencia reducidas que favorezan a atención integral das necesidades e o desenvolvemento da ou do menor e permitan un trato afectivo e personalizado.

Artigo 99. Outros recursos de atención á infancia e á adolescencia.

O acollemento residencial de menores poderase levar a cabo tanto nos centros específicos aos que se refire o artigo anterior coma nos dispositivos normalizados destinados á poboación infanto-xuvenil. Así mesmo, tamén se poderá prestar nos recursos especializados existentes nas redes respectivas, en atención ás necesidades especiais das e dos menores por presentaren discapacidade, toxicomanía, trastorno psiquiátrico ou enfermidade crónica de carácter grave.

Artigo 100. Dereitos das e dos menores nos centros.

Durante a súa permanencia nos centros de protección, as e os menores teñen, ademais dos recoñecidos nesta lei e no resto do ordenamento xurídico, os seguintes dereitos:

a) A teren cubertas as necesidades fundamentais da vida cotiá que lles permitan o axeitado desenvolvemento persoal.

b) A participaren na elaboración do seu proxecto socioeducativo individual.

c) A contaren cunha atención profesionalizada acorde ás súas necesidades e a contaren con figuras de referencia o máis estables posible.

d) A teren as relacións cos familiares e con outras persoas e o réxime de visitas establecido legalmente ou por decisión xudicial.

e) A participaren de forma activa na elaboración da programación de actividades do centro e no desenvolvemento destas.

f) A presentaren queixas perante o departamento competente en materia de inspección de centros de servizos sociais da Xunta de Galicia.

Artigo 101. Obrigas das persoas menores de idade nos centros.

Durante a súa permanencia nos centros de protección, as persoas menores de idade teñen, ademais das recoñecidas nesta lei e no resto do ordenamento xurídico, as seguintes obrigas:

a) Cumpriren as normas de funcionamento e de convivencia dos centros.

b) Respectaren a dignidade e as funcións do persoal do centro e das demais persoas residentes.

c) Utilizaren axeitadamente as dependencias, os materiais e os efectos do centro e respectaren as pertenzas doutras persoas.

d) Desenvolveren coa debida dedicación e aproveitamento as actividades educativas, laborais e de formación.

Artigo 102. Medidas educativas correctoras.

1. O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo anterior dará lugar á aplicación de medidas educativas correctoras. Estas medidas deberán ter contido e función esencialmente educativos e non poderán implicar, directa ou indirectamente, castigos corporais, privación da alimentación, privación do dereito de visita dos familiares, privación do dereito á educación obrigatoria e de asistencia ao centro escolar, nin atentar contra a dignidade das persoas menores.

2. Na determinación da medida correctora teranse en conta os seguintes criterios:

a) A idade e as características da ou do menor.

b) O proxecto educativo individual.

c) O grao de intencionalidade ou neglixencia.

d) A reiteración da conduta.

e) A perturbación do funcionamento do centro.

f) Os prexuízos causados ás demais persoas residentes, ao persoal ou aos bens ou ás instalacións do centro.

g) O pedimento de escusas á persoa ofendida, a restitución dos bens ou a reparación dos danos.

Artigo 103. Réxime aplicable ás menores e aos menores infractores.

Os dereitos, as obrigas, as faltas, as sancións e o procedemento disciplinario aplicable ás menores e aos menores sometidos á Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, de responsabilidade penal dos menores, durante a súa estadía nun centro serán os establecidos nesta e nas súas normas de desenvolvemento.

Título III

Das infraccións e as sancións administrativas

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 104. Réxime de infraccións e suxeitos responsables.

1. Considéranse infraccións administrativas a esta lei as accións ou as omisións tipificadas e sancionadas na forma prevista no presente título.

2. Serán suxeitos responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que incorran nas accións ou nas omisións tipificadas como tales nesta lei.

Artigo 105. Prescrición de infraccións e sancións.

1. As infraccións previstas nesta lei prescribirán ao cabo dun ano, as leves; aos tres anos, as graves, e aos catro anos, as moi graves. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día no que a infracción se cometese.

2. As sancións prescribirán transcorridos un, catro ou cinco anos desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción, segundo se cualifiquen como leves, graves ou moi graves.

Capítulo II

Infraccións

Artigo 106. Clasificación das infraccións.

As infraccións cualifícanse de leves, graves e moi graves en función da natureza da contravención, da súa transcendencia e repercusión, especialmente na esfera da familia, da infancia e da adolescencia, e, de ser o caso, da reincidencia nas mesmas condutas punibles.

Artigo 107. Infraccións leves.

Constitúen infraccións leves:

a) Todos aqueles actos ou omisións que afecten a esfera dos dereitos da familia, a infancia e a adolescencia, cando non deriven deles prexuízos graves para estes.

b) As irregularidades de carácter formal por parte das institucións ou das entidades de atención á familia, á infancia e á adolescencia no cumprimento da normativa vixente nesta materia.

c) A non comunicación á administración competente, no prazo máximo de tres meses, de calquera variación que se produza nos datos achegados a esta e que deban ser tidos en conta para a aplicación das medidas e dos beneficios regulados nesta lei.

Artigo 108. Infraccións graves.

Constitúen infraccións graves:

a) Non poñer en coñecemento das autoridades ou dos organismos competentes as posibles situacións de grave abandono ou desamparo nas que se poidan atopar as persoas menores por parte daquelas persoas que polo seu cargo, profesión ou función deban ter especial coñecemento destas.

b) Incumprir as resolucións administrativas que se diten en materia de atención e protección ás persoas incluídas no ámbito de aplicación desta lei.

c) Limitar os dereitos das persoas menores máis alá do acordado por decisión xudicial.

d) Excederse nas medidas correctoras ás persoas menores ou na limitación dos seus dereitos máis alá do establecido nas normas que regulen o funcionamento interno dos centros e das institucións nas que se atopen aqueles.

e) Incumprir as entidades prestadoras de servizos sociais no ámbito da familia, da infancia e da adolescencia a normativa específica reguladora da súa creación e funcionamento ou as condicións nas que foron autorizadas.

f) Intervir en funcións de mediación para o acollemento ou a adopción de menores de idade sen obter previamente a oportuna habilitación ou encomenda administrativa para iso.

g) Incumprir as entidades colaboradoras de adopción internacional os deberes que a normativa vixente lles impón ou os acordos convidos coas persoas solicitantes de adopción.

h) Incumprir os adoptantes dunha o dun menor estranxeiro a obriga de lle comunicaren á entidade pública a chegada desta ou deste a España, así como eludir reiteradamente o someterse ás actuacións de seguimento que esixa a normativa do país de procedencia da persoa adoptada ou negarse a realizalas na forma e mediante os mecanismos establecidos para o efecto.

i) Utilizar por parte dos medios de comunicación a identidade ou a imaxe dos nenos, as nenas e os e as adolescentes cando isto supoña unha intromisión ilexítima na súa intimidade, honra ou reputación, ou sexa contrario aos seus intereses, aínda cando medie o seu consentimento ou o das persoas que exerzan a súa representación legal.

j) Vender, alugar, expoñer, difundir ou ofrecer a menores de idade as publicacións, os vídeos, os videoxogos ou calquera outro material audiovisual que incite á violencia, a actividades delituosas ou a calquera forma de discriminación, ou o contido dos cales sexa pornográfico, resulte prexudicial para o desenvolvemento da súa personalidade ou contrario aos dereitos e ás liberdades recoñecidos nas leis vixentes. A responsabilidade das devanditas accións corresponderalles ás persoas titulares dos establecementos e, de ser o caso, ás persoas infractoras.

k) Non dispoñeren os establecementos ou os centros onde se lles permita aos nenos, as nenas e os e as adolescentes o acceso á rede Internet dos sistemas de control e restrición de contidos.

l) Non procurar ou impedir a asistencia dunha persoa menor de idade en período de escolarización obrigatoria a un centro escolar e sen causa que o xustifique, cando sexa imputable aos pais, as nais, os titores, as titoras, os gardadores ou as gardadoras.

m) As accións ou as omisións previstas no artigo anterior, sempre que o incumprimento ou os prexuízos sexan graves.

n) A reincidencia nas infraccións leves.

Artigo 109. Infraccións moi graves.

Constitúen infraccións moi graves:

a) As recollidas no artigo anterior, se delas se deduce dano aos dereitos dos nenos, as nenas e os e as adolescentes de imposible ou moi difícil reparación.

b) A reincidencia nas infraccións graves.

Artigo 110. A reincidencia.

Estimarase que se produce reincidencia cando o responsable da infracción teña sido sancionado mediante resolución firme por esa mesma infracción ou por outra de gravidade igual ou maior, ou por dúas ou máis infraccións de gravidade inferior, durante os dous últimos anos.

Capítulo III

Sancións

Artigo 111. Clasificación e gradación das sancións.

1. As infraccións establecidas nos artigos anteriores serán sancionadas da seguinte forma:

a) Infraccións leves: amoestación por escrito ou multa de ata 3.000 euros, coa seguinte gradación:

- Mínimo: de 100 euros ata 1.000 euros.

- Medio: de 1.001 euros a 2.000 euros.

- Máximo: de 2.001 euros a 3.000 euros.

b) Infraccións graves: multa desde 3.001 euros ata 15.000 euros, coa seguinte gradación:

- Mínimo: de 3.001 euros a 7.000 euros.

- Medio: de 7.001 euros a 11.000 euros.

- Máximo: de 11.001 euros a 15.000 euros.

c) Infraccións moi graves: multa desde 15.001 euros ata 60.000 euros, coa seguinte gradación:

- Mínimo: de 15.001 euros a 30.000 euros.

- Medio: de 30.001 euros a 45.000 euros.

- Máximo: de 45.001 euros a 60.000 euros.

2. En calquera caso, as sancións graves e moi graves poderán levar como accesorias as seguintes:

a) Cesamento do servizo ou do programa ou pechamento total ou parcial do centro ata un ano, as graves, e por tempo superior a un ano ou definitivo, as moi graves.

b) Prohibición de financiamento público por un tempo de ata cinco anos.

c) Inhabilitación para o desenvolvemento de funcións e actividades similares ás que deron lugar á comisión da infracción ou para o exercicio de cargos de carácter análogo ao ocupado durante aquela, ata un prazo de cinco anos.

d) Difusión pública da sanción imposta nas condicións fixadas pola autoridade sancionadora, cando a persoa responsable da infracción sexa algún medio de comunicación social.

3. Se como consecuencia da comisión dalgunha infracción a persoa infractora recibise contías económicas da administración competente ou obtivese un lucro económico de calquera entidade, persoa ou particular, a sanción levará aparellada a devolución das devanditas contías.

Artigo 112. Criterios de gradación.

Para a gradación das sancións previstas nesta lei teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) Os prexuízos físicos, morais e materiais ocasionados, así como a súa permanencia ou transitoriedade.

b) A gravidade do risco ou o perigo xerado.

c) O número de persoas afectadas pola infracción.

d) A transcendencia social dos feitos.

e) O grao de intencionalidade ou culpabilidade da persoa responsable.

f) A existencia de fraude ou a conivencia para a comisión da infracción.

g) O beneficio económico obtido.

h) O incumprimento de advertencias previas formuladas polas autoridades competentes.

i) A reincidencia.

j) A acreditación da emenda dos feitos que motivaron a iniciación do procedemento sancionador con carácter previo a que se dite a oportuna resolución.

Capítulo IV

Procedemento sancionador

Artigo 113. Principios xerais.

1. As infraccións administrativas non poderán ser obxecto de sanción sen a previa instrución do oportuno expediente, que se tramitará en todo caso de acordo coas normas xerais que regulan o procedemento sancionador, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde que poidan concorrer.

2. Nos supostos de que as infraccións poidan ser constitutivas de delito, a administración pasaralle o tanto de culpa ao órgano xudicial competente ou ao Ministerio Fiscal e absterase de seguir o procedemento sancionador namentres a autoridade xudicial non dite sentenza firme ou resolución que poña fin ao procedemento.

3. De se estimar a existencia de delito, a administración continuará o expediente sancionador con base nos feitos que os tribunais considerasen probados.

4. En todo caso, cumpriranse de modo inmediato as medidas administrativas adoptadas para salvagardar a integridade física e moral da ou do menor.

5. Cando un mesmo feito poida ser tipificado como infracción conforme esta e outras leis, seralle aplicada a sanción máis grave.

Artigo 114. Do procedemento sancionador.

O procedemento sancionador das infraccións tipificadas nesta lei axustarase ao previsto no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ao establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, sen prexuízo da potestade regulamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 115. Medidas de carácter provisorio.

O órgano competente para iniciar ou resolver o procedemento poderá adoptar as medidas provisorias necesarias para asegurar a eficacia da resolución final que poida recaer, consonte o previsto nos artigos 72 e 136 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As medidas provisorias poderán consistir en:

a) O pechamento ou a suspensión temporal, total ou parcial, do centro ou do establecemento e de actividades, servizos ou programas.

b) A suspensión da emisión ou da utilización por parte dos medios de comunicación da identidade ou imaxe do neno ou a nena ou do ou a adolescente.

c) A suspensión do cobramento de subvencións, axudas ou beneficios por parte das entidades ou dos establecementos.

d) A suspensión de concesións, novas autorizacións e permisos de actividade para a posta en marcha de centros, actividades, servizos ou programas de servizos sociais.

Artigo 116. Resolución e imposición de sancións.

1. Os órganos competentes para a imposición das sancións ás que se refire esta lei serán:

a) A persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de familia, infancia e adolescencia, no caso de sancións por comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de familia, infancia e adolescencia, no caso de sancións por comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellaría competente en materia de familia, infancia e adolescencia, no caso de sancións por comisión de infraccións moi graves.

d) O Consello da Xunta cando as sancións leven aparellado o pechamento, temporal ou definitivo, do establecemento, así como a inhabilitación para o desenvolvemento de funcións ou de actividades similares.

2. No caso de que nun mesmo suposto concorran sancións de diferente natureza, a imposición de todas elas corresponderalle á autoridade que impoña as de maior gravidade.

Artigo 117. Recursos.

Contra as resolucións recaídas nos procedementos sancionadores poderanse interpoñer os recursos administrativos e xurisdicionais que legalmente procedan.

Disposición adicional primeira. Órganos asesores e de participación.

O financiamento do Consello Galego da Familia e do Observatorio Galego da Familia e da Infancia realizarase a través das consignacións correspondentes ao departamento da Administración autonómica competente en materia de familia e infancia nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia. A constitución e a posta en funcionamento destes órganos non xerarán aumento dos créditos orzamentarios asignados ao mencionado departamento.

Disposición adicional segunda. Prioridade orzamentaria.

A Xunta de Galicia terá en conta nos seus orzamentos de forma prioritaria as actividades de atención, formación, promoción, reinserción, protección, integración e lecer dos nenos e as nenas e dos adolescentes e as adolescentes de Galicia. Deberá, así mesmo, procurar que os entes da Administración local asuman a devandita prioridade.

Disposición adicional terceira. Modificación da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Modifícanse os artigos 6, 25 e 26 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, que quedan redactados como segue:

«Artigo 6.

Para os efectos de decidir a medida de protección axeitada para as persoas menores de idade de acordo co principio de proporcionalidade da intervención pública protectora, serán principios reitores os seguintes:

1.º) O principio de supremacía do interese da ou do menor.

2.º) O principio do mantemento da ou do menor no núcleo ou medio familiar ou no contorno de orixe, agás que non sexa conveniente para o seu interese.

3.º) O principio da consecución da integración sociofamiliar dos nenos, as nenas e os e as adolescentes, garantindo, sempre que sexa posible, a permanencia no seu ambiente familiar e no contorno comunitario.

4.º) O principio da máis pronta definición da situación da ou do menor.».

«Artigo 25.

1. O acollemento cesará:

a) Por decisión xudicial.

b) Por decisión da entidade pública que teña a tutela ou a garda da persoa menor, polos seguintes motivos:

1.º) No caso de acollemento familiar, por decisión das persoas que a teñen acollida, logo da comunicación destas á entidade pública.

2.º) No caso de garda rogada, por pedimento do titor ou a titora ou do pai ou a nai que teña a patria potestade e reclame a súa compaña.

3.º) En calquera caso que se considere necesario para a salvagarda do interese da ou o menor.

2. Será precisa resolución xudicial de cesamento cando o acollemento fose acordado polo xuíz ou pola xuíza.».

«Artigo 26.

1. Considérase situación de risco a que se produce de feito cando a persoa menor de idade, sen estar privada no seu ámbito familiar da necesaria asistencia moral ou material, se ve afectada por calquera circunstancia que prexudique o seu desenvolvemento persoal, familiar, social ou educativo e que permita razoablemente temer que no futuro poida estar incursa nunha situación de desamparo, inadaptación ou de exclusión social.

2. En tales casos, a actuación dos poderes públicos orientarase á prevención do desamparo e á reparación da situación de risco que puider afectar a persoa menor.»

Disposición adicional cuarta. Acreditación da condición de familia de especial consideración.

A expedición dos documentos acreditativos da condición de familia de especial consideración establecida nos artigos 10 a 17 desta lei efectuarase logo da solicitude da persoa interesada e de acordo co procedemento que regulamentariamente se determine.

Disposición transitoria única. Vixencia transitoria.

En tanto non se desenvolvan regulamentariamente a composición e as funcións do Observatorio Galego da Familia e da Infancia previsto no artigo 4.1.b), manterase o funcionamento do Observatorio Galego da Familia regulado nos artigos 16 a 23 do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, e do Observatorio Galego da Infancia, creado polo Decreto 184/2008, do 4 de xullo.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Quedan derrogadas as normas de igual e inferior rango que se opoñan ao establecido nesta lei, e en concreto:

a) A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia.

b) O capítulo V do título I da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

c) O título III do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

Disposición derradeira primeira. Actualización de sancións.

As contías económicas das sancións previstas nesta lei deberanse actualizar a través da correspondente norma regulamentaria conforme o índice de prezos ao consumo ou o sistema que o substitúa.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento regulamentario.

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións foren necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

No hay comentarios:

Publicar un comentario