¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

domingo, 15 de mayo de 2011

“A Constitución, máis que reformala, débese aplicar con sentido común”

Miguel Herrero de Miñón, relator constitucional e conselleiro permanente de Estado:

“A Constitución, máis que reformala, débese aplicar con sentido común”

Destaca que as comunidades autónomas históricas deben ter un tratamento especial dende o goberno central


Bea Feijoo Pontevedra


A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación tivo o privilexio de recibir a visita dun dos pais da Constitución Española de 1978, Miguel Herrero de Miñón, relator constitucional e conselleiro permanente de Estado. Convidado pola Área de Ciencia Política e da Administración para clausurar a segunda promoción do Grao en Dirección e Xestión Pública, comentou para o Duvi a influencia do texto constitucional na democracia, así como “a necesidade de aplicala con sentido común”. Achegou ademais a súa opinión sobre o modelo de estado autonómico, no que as comunidades históricas como Cataluña, Galicia, País Vasco e Navarra “deberían levar un tratamento especial” e recoñeceu que existe unha grande apatía política entre a cidadanía española, “que pode ir a máis se a clase política continúa a dar o espectáculo que está amosando”.

Sendo un dos pais da Constitución Española de 1978, cre que cumpriu as expectativas da democracia?
Eu creo que si, que funcionou regularmente ben. A Constitución non é perfecta e a súa práctica tampouco o foi, pero no que hai que fixarse é que España leva 34 anos de vida democrática normal, asimilable á de calquera país democrático occidental, coas súas virtudes e os seus defectos, presidiu ademais un período de desenvolvemento económico e social moi importante, que agora está dificultado pola crise, pero que é innegable se comparamos o grao de benestar da España de hai 30 anos co de agora. Aínda que non podemos afirmar que a Constitución sexa a causa desta mellora si foi condición indispensable para evolucionar.

A Constitución Española data de 1978 e tivo unha única reforma en 1992 no dereito ao voto dos estranxeiros, pensa que a Constitución precisa dalgunha reforma?
A Constitución pode ser reformada e algunha vez o será, pero eu creo que a hai que deixar tranquila, aplicándoa con sentido común, con criterios flexibles, sabendo que está chamada a integrar e non a condenar e a separar. Son dos que pensa que a Constitución é o suficientemente elástica para que caiban moitas forzas políticas diversas, moitos territorios e identidades diferentes, polo que se debe cultivar esa elasticidade, en vez de fomentar a rixidez. En definitiva, a Constitución, máis que reformala, débese aplicar con sentido común.

Fala de territorios e identidade diferentes. Cal é súa opinión sobre o modelo de estado autonómico?
O modelo de estado autonómico púidose ter feito mellor, pero fíxose como se fixo e gora é imposible dar marcha atrás. Hai 17 autonomías e é absurdo pensar en modificalas, mais si que é imprescindible introducir dous principios de bo sentido. Por unha banda, casos como o catalán, o vasco, o galego e o navarro, necesitan dun tratamento especial e dunha relación bilateral co estado por esa identidade histórica, cultural e política, recoñecendo a súa identidade. Por outra banda, todas as autonomías deben ter o sentido común de non multiplicar as administracións públicas, pois é absurdo que as institucións se repitan a nivel autonómico, a nivel provincial e a nivel local. Cantas delegacións de turismo hai aquí en Pontevedra? Vin varias nun percorrido pola cidade e, ao mellor, chegaba con unha. Considero que se as institucións autonómicas, e do mesmo xeito o Estado, tiveran certa continencia na proliferación de institucións, de empresas públicas... mellor sería.

O Estatuto de Autonomía de Galicia data de 1981, desde o seu punto de vista, chegou a hora dalgunha reforma?
Iso téñeno que decidir os galegos e as súas institucións, pero probablemente este estatuto ben aplicado e ben interpretado tería moito horizonte de desenvolvemento sen necesidade de reformar.

Vivimos un intre histórico complicado. Neste contexto considera que estamos ante a maior apatía política cidadá da democracia?
Si, pero aínda pode medrar máis se a clase política segue a dar o espectáculo que está amosando, debatendo entre si, cando non é no interior político onde hai que debater sobre temas que ademais ao cidadán lles traen sen coidado. Incluso, forzas políticas que din que hai que atender ás necesidades do cidadán, o que fan é debater contra o rival sobre aspectos banais.

Pensa que os resultados das eleccións do vindeiro 22 de maio serán una evidencia do que sucederá nas eleccións xerais do ano que vén?
A verdade é que se están disputando en clave de plebiscito nacional, o que é un erro porque, loxicamente cada pobo debe escoller un alcalde en función dos méritos do candidato e do seu programa electoral e non pola súa conexión cun partido nacional. Non estou tan seguro de que as eleccións municipais vaian a ser un anticipo das eleccións xerais, porque en principio, queda un ano e pode que determinados resultados nas locais produzan unha reacción no electorado da forza perdedora.

Desde certos ámbitos salientan que, por influencia americana, estamos indo cara un sistema bipartidista. Cal é a súa opinión ao respecto?
Eu non creo que esteamos indo cara un sistema bipartidista porque quedan os partidos nacionalistas periféricos, que son moi vivos, concretamente en Cataluña, en País Vasco, en menor medida en Galicia, ademais de que é posible que xurdan outros partidos minoritarios, debido ás dificultades actuais. Se desencadeamos nun sistema bipartidista claramente non vai ser por influencia americana, que non é relevante, e pola súa influencia cultural creo que se aprecia máis na proliferación de Mcdonalds.

Que responsabilidades supón ser conselleiro permanente de Estado?
En principio, a incompatibilidade con calquera outra actividade, deixei un faladoiro radiofónico cun millón de oíntes, o que non é pouco, e tamén con todo exercicio profesional. Trátase dun cargo que require unha notable dedicación porque hai asuntos que tratar e de relevancia importante. A grande vantaxe é que vivo en fronte desa casa que coñezo desde 1966, que quero e onde me sinto querido, un lugar ideal.


No hay comentarios:

Publicar un comentario