¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

martes, 15 de febrero de 2011

Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2011.

Diario Oficial de Galicia. Número 31 de 15 de Febrero de 2011
CONSELLERIA DE TRABALLO E BENESTAR

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27º.23 asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 3º.2 como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, regulando, segundo o artigo 11º.3 aquelas prestacións económicas ou técnicas, que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dunha filla ou fillo establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polo nacemento de fillas ou fillos. Por outra banda, o proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 prevé que aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, tivesen ao seu cargo fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2009, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso. A percepción desta prestación axustarase ao procedemento que estableza a Consellería de Traballo e Benestar, pero exixirá a xustificación documental dos requisitos precisos para o seu gozo, sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación. Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para percibir esta prestación.

A orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e dabondo no proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 19 de outubro de 2010.

De acordo co disposto no artigo 3º.1 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5º da orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa de desenvolvemento; así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, tendo en conta en todo caso aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, na aplicación 12.02.312B.480.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 2.700.000 euros para as prestacións que se establecen no articulado desta orde. Este crédito poderá ser obxecto de ampliación.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar por filla e fillo menor de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para este ano 2011.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas e fillos menores de tres anos a data 1 de xaneiro de 2011 (nacidos entre o 2-1-2008 e o 1-1-2011, inclusives) e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2009, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.

No caso do descendentes adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2009 e o 31 de decembro de 2010, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, o beneficiario da prestación será o pai ou a nai que teña a custodia dos menores, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade das súas fillas ou fillos. Tampouco poderán ser beneficiarios aqueles que teñan fillas ou fillos cuxa tutela ou garda asumira unha institución pública.

4. Os estranxeiros que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e os requisitos establecidos nesta norma e tivesen a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto da renda das persoas físicas.

5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos.

Será requisito necesario para a concesión da prestación:

-Que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderán ser requiridos para que acheguen a documentación complementaria que o demostre.

-Que na data da solicitude os menores convivan coa persoa solicitante.

Artigo 4º.-Tipo de axuda e contía.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos, a contía da prestación será de 360 euros por cada un das fillas ou fillos, sen que o mesmo descendente poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. Novas solicitudes.

A solicitude formalizarase no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do libro de familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada un das fillas ou fillos menores de tres anos.

b) Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.

c) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.

d) Nos supostos de adopción ou acollemento, copia da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

e) Fotocopia da folla da cartilla de aforros na cal figure o número de conta en que se desexe recibir o ingreso, e na cal deberá figurar como titular a persoa que asina a solicitude. No caso de non dispoñer de cartilla de aforros, poderá presentarse unha certificación bancaria que indique expresamente que a persoa solicitante é titular da conta a que se refire.

f) Unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas por este mesmo concepto por calquera administración pública, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedade (anexo II).

Respecto do solicitante, a presentación da solicitude comportará a autorización a Consellería de Traballo e Benestar para obter do Ministerio de Política Territorial e Administracións Públicas os datos do seu documento nacional de identidade. Para que o seu cónxuxe ou parella autorice a Consellería de Traballo e Benestar para obter do Ministerio de Política Territorial e Administracións Públicas os datos do seu documento nacional de identidade, deberá asinar no espazo destinado para tal fin no anexo I. No caso de que o solicitante e seu cónxuxe ou parella non queiran dar esta autorización, terán que achegar a copia dos documentos.

Por outra banda, e tamén respecto do solicitante, a presentación da solicitude da prestación comportará a autorización a Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda, e para o pagamento da prestación. Do mesmo xeito, tamén é necesaria a autorización expresa do seu cónxuxe ou parella, para o que deberá asinar no espazo destinado para tal fin no anexo I.

No caso de que a persoa solicitante e seu cónxuxe ou parella non queiran autorizar a Consellería de Traballo e Benestar para obter os datos dos organismos sinalados no parágrafo anterior, deberán presentar a documentación correspondente xunto co resto da documentación.

2. Solicitudes para persoas anteriormente beneficiarias.

Se a persoa solicitante recibiu a prestación familiar por filla ou fillo menor de tres anos no ano 2010 e non ten solicitadas nin concedidas outras axudas por este mesmo concepto, só terá que presentar a solicitude formalizada no modelo oficial (anexo I), sempre e cando non se modificasen as circunstancias persoais, xurídicas e económicas determinantes do dereito de prestación.

Aquelas solicitudes que se presenten eliminando delas algún dos proxenitores que figuraba o ano anterior, deberán estar acompañadas da xustificación documental correspondente:

-En caso de separación, copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.

-No caso de parellas de feito, certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar, que poderá substituírse por un informe dos servizos sociais do concello.

-En caso de falecemento, certificado de defunción ou copia da folla do libro de familia onde figure esta circunstancia.

3. Solicitudes para persoas que non foron anteriormente beneficiarias e solicitaron a prestación.

Deberán achegar a documentación establecida no artigo 5º.1 desta orde para as novas solicitudes.

4. En calquera dos tres casos anteriores, se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presentase a documentación sinalada, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Lugar e prazo para a presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. A presentación da solicitude poderá facerse, á escolla da persoa solicitante, por vía escrita ou por vía telemática:

a) Vía escrita:

A solicitude máis a documentación requirida presentarase na oficina de rexistro xeral do edificio administrativo San Caetano en Santiago de Compostela ou nos rexistros das delegacións territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Vía telemática:

A vía telemática establécese como un mecanismo de presentación nun único trámite para aqueles solicitantes que posúan un certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda ou ben o certificado de sinatura electrónica contido no DNI-e.

Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http:/www.xunta.es/aplicacions/pfc, onde se disporán os medios de axuda para a presentación de solicitudes.

Unha vez asinado co certificado dixital do solicitante o anexo I da solicitude, procederase á transferencia telemática da documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño, modificado polo Decreto 38/2009, do 19 de febreiro.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Correspóndelle á conselleira de Traballo e Benestar a resolución destas axudas no prazo de 6 meses contados desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido o prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse un recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As prestacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Pagamento.

O pagamento das prestacións reguladas nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa en canto non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, en todo o que non estea derrogado pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

As persoas beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, especificamente ao seguinte:

a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 11º.-Revogación da prestación.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11º e 12º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 12º.-Información.

A información relativa ao procedemento, que regula a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2011, poderase obter nos seguintes enderezos da internet: traballoebenestar.xunta.es, familiasgalegas.org e www.xunta.es/busca-de-procedementos, así como no teléfono 981 54 72 46.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3º.1 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5º da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Segunda.-As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-As prestacións económicas concedidas non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9º.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a persoa titular do órgano superior da consellería competente en materia de familia e benestar para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta norma.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

No hay comentarios:

Publicar un comentario