Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
Materia •COMUNIDADES => GALICIA
Boletin Diario Oficial de Galicia. Número 248 de 28 de Diciembre de 2010
Título preliminar
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta lei ten por obxecto regular, no marco das competencias que a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuídas estatutariamente, as actuacións e iniciativas no campo da prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, en especial as encamiñadas a:
a) Definir as características que deberán ter as estratexias de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, de educación sanitaria e de concienciación, social e das familias, do grave problema xerado polo consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
b) Limitar o acceso dos menores de idade ás bebidas alcohólicas.
c) Exercer o control administrativo desta restrición ao consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade, que aborde tanto a venda e a subministración coma o propio consumo por menores de idade, en vías públicas ou establecementos.
d) Establecer limitacións a determinadas prácticas de publicidade, promoción e patrocinio do consumo abusivo de bebidas alcohólicas.
e) Establecer o réxime sancionador.
f) Establecer o sistema de información sobre resultados da aplicación da norma.
g) Establecer limitacións horarias á venda nocturna de bebidas alcohólicas.
h) Establecer medidas de control da administración en espazos de dominio público.
Artigo 2º.-Ámbito territorial.
As disposicións contidas nesta lei serán aplicables ás diferentes actuacións, tanto individuais coma colectivas, de titularidade pública ou privada, que se realicen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3º.-Definicións.
Para os efectos desta lei, entenderase por:
a) Para os efectos desta lei, en consonancia co artigo 12º da Constitución, enténdese por menor de idade o menor de 18 anos.
b) Abuso: consiste nun patrón de desadaptación do consumo de substancias manifestado por consecuencias adversas significativas e recorrentes relacionadas con ese consumo. Pode implicar intoxicacións ou provocar situacións que impliquen para a persoa risco físico, psíquico ou social.
c) Bebidas fermentadas: son aquelas bebidas naturais elaboradas exclusivamente a partir da fermentación de alimentos como a uva, os cereais, os froitos carnosos ou as bagas. Son características deste grupo o viño, a cervexa e a sidra, oscilando a súa graduación alcohólica entre 1,2º e 14º.
d) Bebidas alcohólicas espirituosas ou destiladas: son todas aquelas bebidas obtidas por destilación de produtos fermentados, por maceración en alcohol etílico ou por adición de aromas, azucres ou outros produtos edulcorantes ao alcohol etílico ou destilados, ou as mesturas delas entre si ou con outras bebidas, para obter maiores concentracións de alcohol, superando os 15º.
e) Centro docente: para os efectos de aplicación desta lei, entenderase por tal o centro educativo que imparta educación primaria e secundaria e outras ensinanzas de nivel equivalente para menores de idade.
f) Centro destinado a menores de idade: centros onde se realicen actividades cuxos principais espectadores, asistentes ou usuarios sexan menores de idade. Quedan comprendidos os centros de actividades recreativas destinadas aos menores de idade previstos no punto 2.2 do anexo do Decreto 160/2005, do 2 de xuño, polo que se modifica o Decreto 292/2004, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os que teñan sesións para menores de idade.
g) Entenderanse por establecementos destinados a actividades de lecer e entretemento, salas de festas, de baile e discotecas, os definidos no punto 2.6 do anexo do Decreto 160/2005, do 2 de xuño, polo que se modifica o Decreto 292/2004, que aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Espazo de dominio público: conxunto de bens e dereitos de titularidade pública, non posuídos de forma privativa, destinados ao uso público, como as prazas e camiños públicos.
i) Horario nocturno: de acordo coa Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, ou norma que a modifique ou substitúa, entenderase por horario nocturno o comprendido entre as 22 horas e as 9 horas do día seguinte.
j) Patrocinio: calquera tipo de contribución, pública ou privada, a un acontecemento, unha actividade ou un individuo cuxo obxectivo ou efecto directo ou indirecto sexa a promoción do consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade.
k) Prevención: conxunto de actuacións dirixidas a eliminar, reducir ou modificar os factores de risco de aparición dos trastornos adictivos ou a potenciar os factores de protección coa finalidade de evitar que se produzan estes trastornos.
l) Publicidade: toda forma de comunicación realizada por unha persoa física ou xurídica, pública ou privada, no exercicio dunha actividade comercial, industrial, artesanal ou profesional, co fin de promover de forma directa ou indirecta a contratación de bens mobles ou inmobles, servizos, dereitos e obrigas.
m) Publicidade directa: aquela que, calquera que sexa o medio en que se difunda, promova o consumo ou convide ou induza de maneira inequívoca a el.
n) Publicidade encuberta: a presentación dos bens, servizos, nome, marca ou actividades dun produtor de mercadorías ou un prestador de servizos en programas en que tal presentación teña, de maneira intencionada, propósito publicitario e poida inducir ao consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade. Unha presentación considerarase intencionada, en particular, cando se faga a cambio dunha remuneración ou dun pagamento similar.
Malia o anterior, non se entenderá publicidade encuberta aquela presentación que revele ao público o feito do patrocinio, non afecte a responsabilidade e independencia editorial do prestador de servizos de medios e non anime directamente á compra ou arrendamento dos bens e servizos obxecto de presentación.
ñ) Publicidade indirecta: aquela que, sen mencionar directamente os produtos, utilice marcas, símbolos, grafismos ou outros trazos distintivos de tales produtos ou de empresas que, nas súas actividades principais ou coñecidas, inclúan a súa produción ou comercialización.
o) Promoción: todo estímulo da demanda de produtos, como anuncios, publicidade e actos especiais, entre outros, destinados a atraer a atención e suscitar o interese dos consumidores.
p) Promoción do consumo abusivo: estímulo da demanda, susceptible de xerar un consumo incontrolado de bebidas alcohólicas a un nivel que pode interferir coa saúde física ou mental do individuo e coas súas responsabilidades sociais, familiares ou ocupacionais.
q) Publicidade subliminar: a que mediante técnicas de produción de estímulos de intensidade fronteiriza cos limiares dos sentidos ou análogas poida actuar sobre o público destinatario sen ser conscientemente percibida.
r) Recintos ou locais destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas: os incluídos no Decreto 160/2005, do 2 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.
s) Subministración: abastecemento de produtos ou substancias previstos nesta lei, xa sexa a título oneroso ou gratuíto.
t) Traballo de proximidade: actividades orientadas cara á comunidade e emprendidas para tomar contacto con individuos ou subpoboacións de especial risco, ás cales normalmente non chegan as canles tradicionais de fomento de estilos de vida saudables.
u) Venda: toda transmisión onerosa na cal o comprador ou compradora adquira produtos previstos nesta lei, incluídas as realizadas coas novas tecnoloxías e por medio de máquinas automáticas.
v) Traballos ou actividades en beneficio da comunidade: prestación da cooperación persoal non retribuída en determinadas actividades de utilidade pública con interese social e valor educativo tendentes a servir de reparación para a comunidade prexudicada pola previa comisión dunha conduta contraria ás normas vixentes e non supeditada ao logro de intereses económicos ou recompensas inmediatas.
Artigo 4º.-Principios reitores da lei.
Esta lei ten como principios reitores os seguintes:
a) A participación activa da comunidade, moi especialmente organizacións xuvenís, e dos sectores afectados na planificación e execución das actuacións en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
b) A integración e coordinación das actuacións en materia de prevención de todas as administracións públicas galegas.
c) A promoción activa de hábitos de vida saudables e dunha cultura de saúde que inclúa o rexeitamento do consumo por parte de menores de idade, así como a modificación de actitudes e comportamentos da sociedade respecto da problemática vinculada a estes comportamentos.
d) As diferentes intervencións planificadas deberán estar baseadas na evidencia científica dispoñible.
e) A consideración prioritaria das políticas e as actuacións preventivas en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
f) O principio de corresponsabilidade social debe impregnar a coordinación das actuacións sobre a problemática asociada ao consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade.
g) As actuacións sanitarias en materias obxecto desta lei responderán aos principios reitores que, para todo o sistema público de saúde de Galicia, se enuncian no artigo 32º da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Título I
Prevención do consumo de alcohol en menores de idade
Capítulo I
Medidas de prevención
Artigo 5º.-Concepto de medidas de prevención.
a) A prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade terá como obxectivo principal evitar os casos de trastornos adictivos e de consumos indebidos e abusivos, atrasando as idades de inicio de consumo.
b) A prevención terá por obxectivos específicos a redución da demanda e a regulación da dispoñibilidade.
c) A prevención combinará o seu carácter educativo, orientado á diminución da demanda a través da modificación de actitudes e hábitos, coa protección da saúde orientada á diminución da oferta, a través da modificación de contornos que faciliten a adopción deses hábitos saudables, e ao establecemento de limitacións a certas actividades que poden favorecer o inicio dos consumos.
d) As medidas de prevención consistirán na aplicación de estratexias globais e equilibradas de intervención sobre os factores de risco e de protección, tanto psicolóxicos e condutuais coma familiares, sociais e ambientais que inciden na aparición de consumos abusivos e indebidos, de tal xeito que se aumente a percepción de risco na poboación respecto do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
e) As medidas de prevención faranse de forma coordinada, tanto a nivel autonómico coma local, nacional, comunitario europeo e internacional, e terán un carácter estable e avaliable.
Artigo 6º.-Medidas de prevención orientadas á diminución da demanda.
1. As medidas de prevención para a diminución da demanda son aquelas actuacións que teñen por obxectivo a modificación da conduta cara ao consumo mediante a educación, asesoramento, consello, información ou outras metodoloxías.
2. As administracións públicas e entidades que planifiquen, deseñen e executen medidas de prevención para a diminución da demanda deberán ter presente:
a) As actuacións en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade desenvolvidas polas administracións públicas en Galicia, con ou sen a colaboración de entidades e institucións privadas, enmarcaranse nun ámbito xeral de promoción da saúde e calidade de vida, prestando especial atención ás situacións de vulnerabilidade.
b) O ámbito prioritario da prevención será poboacional, mediante actuacións programáticas que incidan principalmente sobre os determinantes asociados á aparición do consumo abusivo de bebidas alcohólicas.
c) Os programas preventivos deberán ser específicos para a idade dos destinatarios, apropiados ao seu desenvolvemento e sensibles coas diferentes culturas.
d) As actuacións prioritarias destes programas consistirán en ofrecer información e asesoramento e fundamentalmente elaborar e implementar estratexias educativas en prevención de condutas de risco por menores, nomeadamente de condutas de consumo de alcohol, contando con todas as instancias implicadas.
e) Fomentarase o apoio á constitución de redes de proximidade coa adecuada metodoloxía de traballo para favorecer que a educación para a saúde se difunda en canles que, habitualmente, son difíciles de abordar.
f) Desenvolveranse protocolos de avaliación adecuados para determinar a adecuación das medidas aos fins para os que estean deseñadas, contando coa participación social de todos os axentes implicados.
g) Promoverase a adopción e aplicación de criterios de calidade, segundo estándares internacionais que serán establecidos e definidos polo departamento da Xunta competente en materia de sanidade.
h) Fomentarase a colaboración e o intercambio de información, a nivel nacional e internacional, que facilite a implantación de accións preventivas.
i) Os programas de prevención deberán incorporar entre os seus obxectivos o incremento da percepción dos riscos asociados ao consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
j) Ampliarase e mellorarase a formación continuada dos servizos e equipos de prevención.
3. Deberanse realizar as análises de situación, utilizando a información científica dispoñible, para seleccionar as medidas preventivas de intervención máis axeitadas.
Artigo 7º.-Ámbitos prioritarios de prevención.
Os ámbitos prioritarios de prevención para a diminución da demanda son:
a) Ámbito escolar.
b) Ámbito familiar.
c) Ámbito comunitario.
d) Ámbito sanitario.
As medidas que se establezan nos plans de actuación que as administracións promovan para a modificación de condutas de risco de consumo de alcohol deberán ser transversais e ter en consideración os catro ámbitos.
Artigo 8º.-A prevención no ámbito escolar.
Os programas, actuacións ou medidas de prevención neste ámbito deberán ter en conta os seguintes criterios:
1. Promover a implicación do conxunto da comunidade escolar.
2. Integrar a educación para a saúde como parte do proxecto educativo dos centros, concibíndoa dun xeito transversal e complementándoa con intervencións intensivas sobre grupos especialmente vulnerables.
3. Conter actuacións continuadas no tempo e estables, adaptándose a cada nivel educativo.
4. Conter mecanismos de coordinación e integración das accións das distintas administracións e organizacións implicadas, co obxectivo de desenvolver materiais de apoio para o profesorado e o alumnado, cun alto nivel de calidade.
5. Recoller o desenvolvemento de programas específicos de formación continuada do profesorado nesta materia, técnicas de detección e programas preventivos específicos para alumnado de especial vulnerabilidade, e programas de adestramento en habilidades persoais, sociais e de resistencia á influencia negativa exercida polo grupo de iguais.
6. Os centros docentes incluirán nos seus plans actividades complementarias para o fomento de hábitos de vida saudables e de disuasión do consumo de alcohol.
Artigo 9º.-A prevención no ámbito familiar.

1. Fomentar a participación das familias, dada a súa importancia como axentes de saúde.
2. Potenciar as habilidades educativas e de comunicación no seo familiar, aumentando a súa capacidade para previr o consumo e resolver os problemas derivados, así como para a mellora da cohesión e o apego familiar, velando especialmente polo mantemento de actitudes correctas.
3. Dar prioridade ao traballo preventivo coas familias multiproblemáticas e coas dos menores de idade considerados de especial vulnerabilidade.
4. Conter mecanismos de coordinación entre os ámbitos educativo, de servizos sociais, de menores de idade e sanitario.
Artigo 10º.-A prevención no ámbito comunitario.

1. Procurar o reforzo das mensaxes e normas da comunidade en contra do consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade e en prol da saúde.
2. Fomentar o traballo de proximidade e o establecemento de redes de cooperación entre os organismos que o realicen con outros contextos onde haxa programas de prevención de trastornos adictivos.
3. Promover a capacitación de mediadores sociais.
4. Incluír o desenvolvemento de campañas de información e sensibilización social como reforzo doutras accións e iniciativas en relación cos medios de comunicación social.
5. Fomentar a implicación dos concellos e o seu papel nas accións de ámbito comunitario.
6. Potenciar entre as diferentes administracións públicas unha política global de alternativas ao consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade actuando nos ámbitos cultural, deportivo e social e impulsando servizos socioculturais, actividades de lecer e tempo libre e promoción do deporte.
Para iso, estableceranse canles de diálogo e participación coa comunidade destinataria e cos restantes axentes implicados, co fin de determinar as actuacións que se van desenvolver e construír unha cultura de lecer alternativa adaptada á demanda e necesidades reais.
7. Establecer accións para combater actitudes favorables ou tolerantes cara ao consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade.
8. Conter estratexias preventivas de redución de risco dentro dos programas de lecer saudable ou alternativo.
9. Estimular accións en relación cos medios de comunicación social.
10. Promover o asociacionismo.
Artigo 11º.-A prevención no ámbito sanitario.

1. Implicar os profesionais sanitarios, principalmente en atención primaria, dada a súa importancia como axentes de saúde.
2. Elaborar protocolos que permitan o diagnóstico precoz de consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade e establecer o desenvolvemento de materiais preventivos de apoio aos profesionais.
3. Potenciar os programas de formación continuada específicos nesta materia para os profesionais de atención primaria da saúde.
4. Elaborar un protocolo de coordinación de asistencia sanitaria para a atención a menores de idade por intoxicación etílica na procura de prever posibles trastornos adictivos.
Capítulo II
Limitacións da oferta de bebidas alcohólicas aos menores
de idade
Artigo 12º.-Limitacións ao consumo, venda e subministración.
1. Queda expresamente prohibido o consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade.
2. Queda expresamente prohibida a venda e subministración de bebidas alcohólicas a menores de idade.
3. Queda expresamente prohibida a venda, subministración ou consumo de bebidas alcohólicas nos centros docentes para menores de idade, nos recintos e espazos destinados á realización e seguimento de actividades deportivas, no momento en que os deportistas ou practicantes sexan maioritariamente menores de idade, e nos centros destinados a menores de idade.
4. Queda expresamente prohibida a venda e subministración a menores de idade de calquera produto que imite os envases de bebidas alcohólicas.
Artigo 13º.-Venda e subministración a través de máquinas expendedoras.
1. As máquinas expendedoras de bebidas alcohólicas deberán incorporar os mecanismos técnicos adecuados que permitan impedir o acceso a elas das persoas non autorizadas ao consumo.
2. As máquinas expendedoras de bebidas alcohólicas só se poderán situar no interior de locais, centros ou establecementos en que non estea prohibido o seu consumo, nun lugar que permita a vixilancia directa e permanente do seu uso por parte do titular do local ou dos seus traballadores.
3. As máquinas expendedoras de bebidas alcohólicas non se poderán situar nas áreas anexas ou de acceso previo aos locais, como son as zonas de cortaventos, pórticos, corredores de centros comerciais, vestíbulos, distribuidores, escaleiras, soportais ou lugares similares que poidan ser parte dun inmoble pero non constitúen propiamente o interior deste.
Artigo 14º.-Información sobre as limitacións.
1. En todos os establecementos en que se vendan ou subministren, de calquera modo, bebidas alcohólicas, informarase das prohibicións especificadas nos números 1 e 2 do artigo 12.º A devandita información realizarase mediante anuncios ou carteis de carácter permanente, fixados de xeito visible, en galego e castelán. As características destas sinalizacións serán fixadas regulamentariamente.
2. Os responsables de calquera establecemento dos recollidos no número anterior adoptarán as medidas necesarias de control para evitar a venda de bebidas alcohólicas a menores de idade, que deberán coñecer todos os traballadores, preferentemente por escrito.
3. Na superficie frontal das máquinas figurará, de forma clara e visible, en galego e castelán, unha advertencia sobre a prohibición do seu uso para os menores de idade. As características da dita sinalización serán fixadas regulamentariamente.
Artigo 15º.-Limitacións da publicidade, promoción e patrocinio de bebidas alcohólicas.
1. Queda prohibida calquera campaña, sexa como actividade publicitaria ou non, dirixida a menores de idade e a que induza, directa ou indirectamente, ao consumo de bebidas alcohólicas por estes.
2. Queda prohibida a utilización de imaxes ou voces de menores de idade nos soportes publicitarios, de promoción e de patrocinio de bebidas alcohólicas.
3. Queda prohibido o uso de argumentos, estilos, tipografías ou deseños asociados aos menores de idade nos soportes publicitarios, de promoción e de patrocinio de bebidas alcohólicas.
4. Queda prohibida na publicidade, na promoción e no patrocinio a asociación do consumo de bebidas alcohólicas con calquera mellora do rendemento físico ou psíquico ou melloras do rendemento deportivo, coa condución de vehículos ou manexo de armas, co potencial éxito persoal ou social ou coa mellora na resolución de conflitos. Tampouco poderá asociarse este consumo a prácticas educativas e sanitarias ou á mellora do rendemento deportivo.
5. Queda prohibida toda clase de publicidade directa, indirecta ou subliminar de bebidas alcohólicas:
a) Nos centros docentes para menores de idade.
b) Nos centros destinados para menores de idade.
c) En todos aqueles centros a que teñan acceso maioritariamente os menores de idade.
d) Nos recintos ou locais destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas durante as actividades en que o acceso ou participación sexa maioritariamente de menores de idade.
e) Nas publicacións de libros, revistas, folletos ou calquera outro impreso ou formato dixital editados en Galicia cando sexan dirixidos a menores de idade.
f) Nas cubertas exteriores, na portada e na contraportada de libros, revistas, folletos ou calquera outro impreso ou formato dixital editados en Galicia. Tamén nas portadas e contraportadas, seccións de pasatempos de revistas, folletos ou calquera outro impreso ou formato dixital editados en Galicia. Queda exceptuada esta prohibición nas publicacións especializadas ou dirixidas a profesionais.
6. A Administración autonómica promoverá a formalización de acordos de autocontrol e autolimitación da publicidade de bebidas alcohólicas no ámbito das empresas, produtores ou as súas asociacións, distribuidoras dos ditos produtos, así como cos anunciantes, axencias e medios de publicidade que operen no seu territorio, co fin de lograr os obxectivos desta lei.
7. Nas actividades de promoción e/ou patrocinio non se poderán ofrecer bebidas alcohólicas a menores de idade. Prohíbese igualmente a entrega a menores de idade de bens ou servizos relacionados exclusivamente con bebidas alcohólicas ou hábitos do seu consumo, e aqueles que leven marcas, símbolos ou distintivos que poidan identificar unha bebida alcohólica.
8. Non está permitida a promoción de bebidas alcohólicas mediante a distribución de información por repartición nas caixas do correo, correo, teléfono ou correo electrónico no ámbito da Comunidade Autónoma dirixida especificamente a menores de idade.
9. Queda prohibido o acceso e as visitas de menores de idade aos centros de produción de bebidas alcohólicas, feiras, certames, exposicións, mostras e actividades similares, de promoción de bebidas alcohólicas, agás que estean acompañados de maiores con responsabilidade sobre eles.
10. Non se poderá realizar promoción de bebidas alcohólicas dirixidas especificamente a menores de idade.
11. Queda prohibido calquera tipo de patrocinio ou financiamento de programas, espazos, páxinas ou servizos cos distintivos de bebidas alcohólicas en actividades -deportivas, educativas, recreativas ou espectáculos públicos- dirixidas ou nas cales participen maioritariamente menores de idade.
12. Queda prohibido calquera tipo de promoción que poida inducir ao consumo abusivo de bebidas alcohólicas, especialmente as que poidan inducir a el por rebaixa dos seus prezos no interior dos establecementos onde estea autorizada a súa venda para o consumo no propio local.
13. Queda prohibida a venda de alcohol entre as 22.00 e as 9.00 horas do día seguinte.
Quedan excluídas da prohibición anterior a venda para o consumo nos propios establecementos autorizados, a venda electrónica, a venda para a distribución a profesionais e a venda nos mercados de abastos, nos seus horarios autorizados.
Artigo 16º.-Limitacións ao acceso de menores de idade a locais.
1. Con carácter xeral, queda prohibida a entrada dos menores de idade en salas de festas, de baile ou discotecas, salvo que estean acompañados de maiores de idade con responsabilidade sobre eles.
2. Excepcionalmente, estes locais poderán dispoñer de sesións especiais para maiores de 14 anos, con horarios e sinalización diferenciadas, sen que poida ter continuidade ininterrompida con aquelas sesións en que se produza a venda de bebidas alcohólicas, retirándose dos locais, durante estas sesións especiais, a exhibición e publicidade deste tipo de bebidas.
Título II
Instrumentos de intervención para garantir as actuacións
en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade
Capítulo I
Información e control
Artigo 17º.-Sistema de información.
1. O departamento da Xunta de Galicia competente en materia de sanidade establecerá un sistema de información sobre o consumo de bebidas alcohólicas en menores. Este sistema deberá obter, procesar, analizar e difundir información sobre os factores de risco e protectores, sobre a incidencia e prevalencia destes comportamentos, sobre as actuacións en materia de prevención e sobre os centros e programas.
2. A Xunta de Galicia desenvolverá regulamentariamente o sistema de información sobre consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade de Galicia, que deberá estar integrado no sistema de información de saúde de Galicia definido no artigo 71º da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
3. O sistema de información sobre consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade procurará ter en conta as recomendacións de organismos internacionais.
4. O sistema de información tamén deberá definir e recoller a información que permita coñecer e estudar os progresos e avances na consecución dos obxectivos marcados.
5. O sistema terá presente toda a regulación que garante o dereito á confidencialidade dos datos que se manexen.
6. O sistema contará cun mecanismo de avaliación continuada que permita a detección precoz das desviacións e xere accións correctoras que garantan a eficacia final das medidas e permitan a súa adecuación a novas necesidades ou diferentes escenarios de intervención que poidan xurdir.
7. O sistema deberá facilitar información ás partes interesadas que permita orientar e mellorar as súas actuacións.
8. A xestión do sistema de información sobre consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade estará asignado á unidade do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de sanidade que exerza as competencias de saúde pública.
Artigo18º.-Inspección.
1. No eido das súas respectivas competencias, as administracións públicas exercerán funcións de inspección e control do cumprimento das actuacións definidas nesta lei.
2. O exercicio das funcións inspectoras en materia sanitaria realizarase nos termos previstos na Lei 8/2008, de saúde de Galicia, e na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.
3. Os feitos constatados polos funcionarios ou persoal ao servizo das administracións públicas que actúen no exercicio das funcións de inspección no marco desta lei serán formalizados en documento público, que gozará da presunción de veracidade.
4. Os funcionarios ou persoal ao servizo das administracións públicas que actúen no exercicio das funcións de inspección no marco desta lei, e acreditando a súa identidade, estarán autorizados para:
a) Entrar libremente e sen previa notificación, en calquera momento, en calquera centro, servizo ou establecemento suxeito a esta lei.
b) Proceder ás probas, investigacións ou exames necesarios para comprobar o cumprimento desta lei e das normas que se diten para o seu desenvolvemento.
c) Realizar as probas regulamentariamente establecidas para determinar o grao de intoxicación alcohólica dos menores de idade que estean a consumir en lugares públicos.
d) Realizar cantas actuacións sexan necesarias para o cumprimento das funcións de inspección que exerzan.
5. Nos supostos recollidos nos puntos anteriores poderanse acordar as medidas provisionais habilitadas legalmente sobre as bebidas, os envases ou os demais elementos obxecto da prohibición, así como outros materiais ou medios empregados. As bebidas intervidas poderán ser destruídas por razóns hixiénico-sanitarias.
6. As administracións públicas promoverán acordos de colaboración para optimizar o uso de recursos públicos e asegurar a coherencia das actuacións.
Capítulo II
Financiamento
Artigo 19º.-Financiamento.
Os ingresos que se produzan pola imposición de sancións tipificadas nesta lei poderán quedar afectos e xerarán un crédito pola mesma contía nas dotacións orzamentarias específicas destinadas á prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade e ao financiamento de programas municipais de lecer para a xuventude.
Capítulo III
Réxime sancionador
Sección 1ª
Das infraccións
Artigo 20º.-Disposicións xerais.
1. Constitúe infracción administrativa toda acción ou omisión tipificada nos artigos 22º e seguintes desta lei.
2. No suposto de que, unha vez practicadas as dilixencias de investigación oportunas tendentes a individualizar ao infractor ou infractores, non sexa posible determinar o grao de participación dos diversos suxeitos que interviñesen na comisión da infracción, a responsabilidade será solidaria.
Artigo 21º.-Clasificación das infraccións.
As infraccións administrativas do establecido na presente lei cualifícanse como leves, graves ou moi graves.
Artigo 22º.-Infraccións leves.
Constitúen infraccións leves:
1. O consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade, sempre e cando se produza por primeira vez.
2. A venda e subministración a menores de idade de calquera produto que imite os envases de bebidas alcohólicas, sempre e cando se produza por primeira vez.
3. O incumprimento das estipulacións de información sobre as limitacións recollidas no artigo 14º, sempre e cando se produza por primeira vez.
4. O incumprimento da prohibición do acceso e as visitas de menores de idade recollida no número 4 do artigo 15º, sempre e cando se produza por primeira vez.
5. A obstrución do labor inspector mediante calquera acción ou omisión que o perturbe ou atrase.
6. Todas aquelas que se cometan por simple neglixencia e non comporten un prexuízo directo para a saúde individual ou colectiva.
7. O mero atraso no cumprimento das obrigas de información, comunicación ou comparecencia por requirimento da autoridade competente.
8. Calquera outro incumprimento das disposicións desta lei que non se tipifique como infraccións graves ou moi graves.
Artigo 23º.-Infraccións graves.
Constitúen infraccións graves:
1. O incumprimento das limitacións ao consumo, venda e subministración recollidas nos números 2 e 3 do artigo 12º desta lei.
2. O incumprimento do previsto no artigo 13º desta lei, referente á venda e subministración a través de máquinas expendedoras.
3. O incumprimento das prohibicións e limitacións contidas no artigo 15º desta lei, referente á limitación da publicidade, promoción e patrocinio de bebidas alcohólicas.
4. O incumprimento do previsto no artigo 16º desta lei, referente á limitación de acceso de menores de idade a locais.
5. O incumprimento dos requirimentos específicos e das medidas preventivas ou definitivas que formulen as autoridades, sempre que se produzan por primeira vez e non concorra dano grave para a saúde das persoas.
6. A negativa a subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración ás autoridades ou aos seus axentes no desenvolvemento dos labores de inspección ou control.
7. As accións ou omisións que perturben, obstrúan ou impidan de xeito grave o desempeño da actividade inspectora e de control da administración, así como as ofensas graves ás autoridades e axentes encargados daquela.
8. O incumprimento, por neglixencia grave, dos requisitos, das condicións, das obrigas ou das prohibicións establecidas na vixente lexislación en materia sanitaria, así como calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade; e o mesmo incumprimento e comportamento cando, cometidos por simple neglixencia, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste punto, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falta dos controis ou das precaucións exixibles na actividade, no servizo ou na instalación de que se trate.
9. A comisión por neglixencia das condutas tipificadas como infracción moi grave cando o risco ou a alteración sanitaria producida sexan de escasa entidade.
10. A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres meses.
11. As actuacións tipificadas nos artigos precedentes que, consonte o grao de concorrencia cos elementos a que se refire o artigo 26º, merezan a cualificación de faltas graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi graves.
12. As faltas leves que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias leves ou poidan servir para facilitalas ou encubrilas.
Artigo 24º.-Infraccións moi graves.
Constitúen infraccións moi graves:
1. O incumprimento das medidas preventivas ou definitivas que adopten as autoridades sanitarias competentes cando se produzan de xeito reiterado ou cando concorra dano grave para a saúde das persoas.
2. A resistencia, a coacción, a ameaza ou represalia, o desacato ou calquera forma de presión exercida sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes no exercicio da súa actividade.
3. O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, das obrigas ou das prohibicións establecidas na normativa sanitaria, ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave.
4. A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos.
5. As actuacións tipificadas nos artigos precedentes que, consonte o grao de concorrencia dos elementos a que se refire o artigo 24º, merezan a cualificación de faltas moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou graves.
6. As faltas graves que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias graves ou que servisen para facilitar ou encubrir a súa comisión.
7. O incumprimento reiterado dos requirimentos específicos que formulen as autoridades sanitarias.
8. A negativa absoluta a facilitar información ou prestar colaboración aos servizos de inspección e control.
Artigo 25º.-Responsables.
1. Das diferentes infraccións será responsable a persoa física ou xurídica que cometa os feitos tipificados como tales.
2. Tamén serán responsables das infraccións aquelas persoas que, aproveitando a súa condición de maioría de idade, adquiran e posteriormente subministren o alcohol a menores.
3. Así mesmo, e en función das distintas infraccións, tamén serán responsables delas os titulares das entidades, centros, locais ou establecementos en que se cometa a infracción ou, na súa ausencia, os empregados que estean ao seu cargo; o fabricante, cando se leve a cabo pola súa iniciativa, o importador, o distribuidor e o explotador da máquina expendedora; o beneficiario da publicidade ou da promoción, entendendo por tal tanto o titular da marca ou produto anunciado coma o titular do establecemento ou espazo en que se exhiba a publicidade, así como, se é o caso, a empresa publicitaria e o patrocinador.
4. Cando a responsabilidade dos feitos cometidos corresponda a menores de idade, responderán subsidiariamente os seus pais e nais, titores e titoras e gardadores e gardadoras legais ou de feito, por esta orde, en razón do incumprimento da obriga imposta a eles de previr a comisión de infraccións administrativas que se imputen aos menores de idade. A responsabilidade subsidiaria virá referida a sufragar a contía pecuniaria da multa imposta.
5. Sen prexuízo da responsabilidade civil subsidiaria dos pais ou nais ou titores polas accións dos menores de idade que dependan deles, aqueles serán tamén responsables directos e solidarios das infraccións cometidas polos menores de idade, sempre que, pola súa parte, conste dolo, culpa ou neglixencia, incluída a simple inobservancia.
Sección 2ª
Das sancións
Artigo 26º.-Criterios para a gradación das sancións.
1. Para a determinación da contía das sancións previstas nesta lei terase en consideración o principio de proporcionalidade e, en todo caso, os seguintes criterios de gradación:
a) A transcendencia da infracción.
b) A existencia de intencionalidade.
c) A natureza dos prexuízos causados.
d) A reincidencia e a reiteración.
e) A idade dos responsables.
f) O volume de negocio e os beneficios obtidos pola conduta.
g) O grao de difusión da publicidade.
2. Cando concorran máis de dous dos criterios de gradación no comportamento sancionable de entre os previstos no número 1 deste artigo, o órgano competente poderá impoñer a sanción superior en grao á prevista. Non será apreciada a reincidencia ou a reiteración para agravar as sancións cando xa fose tida en conta para tipificar a infracción.
Artigo 27º.-Sancións.
1. As infraccións a esta lei sancionaranse nos graos mínimo, medio ou máximo, atendendo a gravidade da infracción, a natureza dos prexuízos causados, o risco para a saúde e a intencionalidade ou reiteración, da forma seguinte:
a) Infraccións leves:
i) Grao mínimo: ata 601,01 €.
ii) Grao medio: de 601,02 a 1.803,04 €.
iii) Grao máximo: de 1.803,05 a 3.005,06 €.
b) Infraccións graves:
i) Grao mínimo: de 3.005,07 a 6.010,12 €.
ii) Grao medio: de 6.010,13 a 10.517,71 €.
iii) Grao máximo: de 10.517,72 a 15.025,30 €.
c) Infraccións moi graves:
i) Grao mínimo: de 15.025,31 a 120.202,42 €.
ii) Grao medio: de 120.202,43 a 360.607,26 €.
iii) Grao máximo: de 360.607,27 a 601.012,11 €.
As cantidades expresadas poden exceder ata acadar o quíntuplo do valor dos produtos ou dos servizos obxecto da infracción.
2. Nos casos de especial gravidade con transcendencia notoria e grave para a saúde, o Consello da Xunta de Galicia poderá acordar o peche temporal do establecemento, instalación ou servizo por un prazo máximo de cinco anos. Neste suposto poderase impoñer como sanción complementaria a supresión, cancelación ou suspensión de calquera tipo de axudas ou subvencións de carácter financeiro que o particular ou a entidade infractora obtivesen ou solicitasen da Administración pública galega.
Artigo 28º.-Destino e substitución das sancións.
1. A autoridade competente para a imposición das sancións poderá decidir, en función da sanción e da súa capacidade organizativa, a substitución, por solicitude do infractor ou do representante legal, pola realización de traballos ou actividades en beneficio da comunidade. Esta substitución non se poderá facer nas faltas moi graves.
2. Ademais, no caso das sancións referidas ao consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade, poderanse substituír, despois de solicitude do menor e coñecemento e aceptación dos seus pais, titores ou gardadores e coa compatibilidade coas actividades escolares, pola inclusión do infractor en programas preventivos de carácter formativo ou informativo, ou de tratamento, que se desenvolverán durante un número de sesións que se establecerán nas normas de desenvolvemento desta lei.
A Xunta de Galicia desenvolverá regulamentariamente os criterios básicos dos programas preventivos, que consistirán na realización de servizos de interese comunitario e/ou cursos formativos de comportamento e concienciación sobre o consumo de alcohol.
3. En todo caso, nas sancións polo consumo de alcohol por menores de idade, terán prevalencia as medidas previstas nos puntos 1 e 2 deste artigo.
4. No caso de que o infractor rexeite esta medida, será executada a multa correspondente prevista nesta lei para ese tipo de infraccións.
Artigo 29º.-Procedemento de substitución das sancións.
1. O procedemento iniciarase cando o infractor ou o seu representante legal soliciten a substitución da sanción polas medidas establecidas no artigo anterior, ante o órgano que a impuxese.
2. A resolución favorable da substitución, que será ditada nun prazo máximo de quince días desde a solicitude, declarará suspendido o prazo de prescrición da sanción polo tempo previsto de duración da medida substitutiva.
3. Durante o tempo de duración da medida substitutiva, a autoridade competente efectuará o seguimento que considere oportuno sobre as asistencias e os resultados nas tarefas correspondentes.
4. Cando da información reunida resulte acreditado que o infractor cumpriu satisfactoriamente o seu compromiso, a autoridade competente acordará a remisión da sanción ou sancións impostas.
5. O incumprimento total ou parcial da medida substitutiva determinará a esixencia da sanción inicialmente imposta, salvo que se produza por causa de forza maior.
Artigo 30º.-Competencia sancionadora.
1. Con carácter xeral, a competencia para a imposición de sancións corresponderá aos seguintes órganos:
a) Aos alcaldes, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves e graves nos seus graos mínimo e medio, así como a suspensión de calquera tipo de axuda ou subvención de carácter financeiro que o particular ou a entidade infractora obtivesen ou solicitasen do concello, ou a revogación das autorizacións municipais concedidas.
b) Aos xefes territoriais das consellarías con competencias na materia, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves no seu grao máximo.
c) Aos titulares dos órganos superiores ou directivos das consellarías con competencias, de conformidade co que establezan os correspondentes decretos de estrutura orgánica, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves no seu grao mínimo.
d) Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia:
i. Impoñer as sancións previstas pola comisión de infraccións moi graves nos seus graos medio e máximo.
ii. Acordar o peche temporal, por un prazo máximo de cinco anos, do establecemento, instalación ou servizo infractor.
iii. Así mesmo, poderá impoñer a sanción complementaria de supresión, cancelación ou suspensión de calquera tipo de axuda ou subvención de carácter financeiro que o particular ou a entidade infractora obtivesen ou solicitasen da Administración pública galega.
2. Por razón da materia, a competencia sancionadora, no marco da Xunta de Galicia, corresponderá aos seguintes órganos:
a) Á consellaría responsable en materia sanitaria, as correspondentes aos incumprimentos en materia de publicidade e promoción de bebidas alcohólicas dirixidas a menores de idade nos medios de comunicación e por teléfono ou internet.
b) Á consellaría responsable en materia educativa, as correspondentes aos incumprimentos en materia de publicidade, promoción ou venda de bebidas alcohólicas nos centros docentes.
c) Á consellaría responsable en materia de benestar, as correspondentes aos incumprimentos en materia de publicidade, promoción ou venda de bebidas alcohólicas nos centros de menores baixo o seu ámbito competencial.
d) Á consellaría responsable en materia de espectáculos públicos, as correspondentes aos incumprimentos en materia de acceso de menores de idade a locais.
3. Cando, denunciado un feito de que teña coñecemento a Administración da Xunta de Galicia, e logo de requirimento ao concello que resulte competente, este non incoe o oportuno expediente sancionador no prazo de dez días a partir do requirimento, a consellaría competente poderá iniciar a súa tramitación con comunicación da resolución correspondente ao concello.
Artigo 31º.-Prescrición de infraccións e sancións.
1. As infraccións e sancións a que se refire esta lei prescribirán ao ano as correspondentes a faltas leves, aos tres anos as correspondentes a faltas graves e aos cinco anos as correspondentes a faltas moi graves.
2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse a partir do día en que se cometesen estas e interromperase desde o momento en que o procedemento se dirixa contra o presunto infractor.
3. Así mesmo, o prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que sexa firme a resolución pola cal se impón a sanción.
Sección 3ª
Procedemento sancionador
Artigo 32º.-Incoación do procedemento sancionador.
1. O procedemento sancionador por infraccións tipificadas nesta lei iniciarase de oficio, por acordo do órgano competente adoptado:
a) Por propia iniciativa.
b) Por acta de infracción elaborada pola inspección.
c) Por orde superior.
d) Por comunicación da autoridade ou do órgano administrativo que teña coñecemento da posible infracción.
e) Por denuncia formulada por organizacións profesionais do sector, organizacións de consumidores e usuarios ou particulares. Para estes efectos, as follas de reclamacións terán a consideración de denuncia formal.
2. Previamente á incoación do procedemento sancionador, o órgano competente para ela poderá acordar a realización de cantas actuacións sexan necesarias co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen a súa iniciación.
3. O acordo de incoación comunicarase ao instrutor ou instrutora, con traslado de cantas actuacións se realizasen, e notificarase ao denunciante e ás persoas interesadas no procedemento.
4. Terán a condición de persoas interesadas nos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei, ademais dos presuntos responsables das infraccións, as persoas directamente prexudicadas por elas.
Artigo 33º.-Medidas provisionais.
1. Iniciado o expediente sancionador, o órgano competente poderá adoptar as medidas provisionais ou preventivas imprescindibles na procura de asegurar a eficacia da resolución que puider recaer e tendentes á salvagarda da saúde, seguranza e protección das persoas, así como á suspensión ou clausura preventiva de servizos, establecementos e centros ou a suspensión de autorizacións, permisos, licenzas e outros títulos expedidos polas autoridades administrativas, nos termos que autorice a lexislación vixente.
2. En particular, se os feitos que provocaron a incoación do procedemento sancionador incumpren requisitos normativamente establecidos de modo que se produza un grave risco para a saúde, adoptarase como medida provisional, en ambos os dous casos, o peche do establecemento ou a suspensión da actividade, se non se acordase xa a medida antes da iniciación do expediente nos termos previstos nesta lei.
Artigo 34º.-Resolución do procedemento sancionador.
1. O prazo máximo en que debe notificarse a resolución do procedemento sancionador será dun ano desde a data do acordo de incoación. De transcorrer este prazo sen se notificar a correspondente resolución, producirase a caducidade do procedemento nos termos e cos efectos previstos na lexislación do procedemento administrativo común.
2. Se as condutas sancionadas causasen danos ou prexuízos á administración, a resolución do procedemento poderá impoñer á persoa infractora a reposición ao seu estado orixinario da situación alterada pola infracción, e a indemnización polos danos e perdas causados.
3. Se a sanción viñer motivada pola falta de adecuación da actividade ou do establecemento aos requisitos establecidos pola normativa vixente, a resolución sancionadora incluirá un requirimento, con expresión de prazo suficiente para o seu cumprimento, para que a persoa sancionada leve a cabo as actuacións necesarias para regularizar a situación da actividade ou do establecemento de que é titular.
Artigo 35º.-Execución das resolucións sancionadoras.
1. A execución das resolucións sancionadoras, unha vez que poñan fin á vía administrativa, corresponderá ao órgano competente para a incoación do procedemento.
2. Nos casos en que a resolución sancionadora inclúa un requirimento para que a persoa sancionada leve a cabo as actuacións necesarias para regularizar a situación da actividade ou do establecemento de que é titular, o órgano competente para a execución poderá impoñer a aquela multas coercitivas dun 10% da contía da sanción máxima fixada para a infracción cometida por cada día que pase desde o vencemento do prazo outorgado para o cumprimento do requirimento sen que se realizasen as actuacións ordenadas.
Artigo 36º.-Principios e procedemento xeral.
En todo o que non estea previsto nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan, a tramitación do procedemento sancionador axustarase aos principios e ao procedemento establecidos con carácter xeral na normativa autonómica galega sobre o exercicio da potestade sancionadora e, na súa falta, na normativa estatal sobre ela.
Título III
Da planificación, coordinación e participación social
Artigo 37º.-Das competencias da Administración autonómica.
1. Corresponde á Xunta de Galicia o exercicio das seguintes competencias:
a) O establecemento da política en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) A aprobación das estruturas administrativas en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, así como a súa organización e réxime de funcionamento.
c) O exercicio da potestade sancionadora a través das consellarías competentes por razón da materia, nos termos previstos nesta lei.
d) A adopción, en colaboración con outras administracións públicas, de todas aquelas medidas que sexan precisas para asegurar o cumprimento do establecido nesta lei.
2. Dentro da estrutura da Xunta de Galicia, corresponde á Consellería de Sanidade:
a) A cooperación ou colaboración xeral coas administracións públicas, entidades privadas e institucións nas actuacións en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
b) O establecemento e xestión do sistema de información sobre consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
Artigo 38º.-Das competencias da Administración local.
1. Sen prexuízo das demais competencias que o ordenamento vixente lles atribúe e no marco delas, en relación co obxecto desta lei definido no seu artigo 1º, corresponde aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu ámbito territorial:
a) A determinación dos criterios que regulen a localización e requisitos que deberán reunir os establecementos onde se subministren, vendan, dispensen ou consuman bebidas alcohólicas, así como a súa vixilancia e control.
b) Os criterios e condicións de autorización de consumo de bebidas alcohólicas por adultos nos espazos de dominio público baixo o seu ámbito competencial e o asinamento de acordos con outras administracións para o cumprimento dos ditos criterios e condicións nos espazos de dominio público baixo a súa competencia.
c) Velar, no marco das súas competencias, polo cumprimento das diferentes medidas de control que establece esta lei, especialmente nas dependencias municipais.
d) O exercicio da potestade sancionadora nos termos previstos nesta lei.
e) Adoptar as medidas preventivas dirixidas a asegurar o cumprimento do establecido nesta lei.
2. Ademais das sinaladas no punto anterior, os concellos, mancomunidades ou agrupacións municipais de máis de 20.000 habitantes terán as seguintes competencias e responsabilidades mínimas:
a) A aprobación e execución dos programas de prevención que se desenvolvan exclusivamente no seu ámbito.
b) A elaboración e aprobación do plan en materia de inspección e de réxime sancionador.
c) O fomento da participación social e o apoio ás institucións sen ánimo de lucro que desenvolvan no municipio actuacións previstas no plan municipal.
Artigo 39º.-Organizacións non gobernamentais e entidades sociais.
1. O principio de corresponsabilidade social debe impregnar a coordinación das actuacións sobre a problemática asociada ao consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade, entre as diversas instancias administrativas e a sociedade civil, que deben seguir tomando un papel activo para a correcta abordaxe desta problemática.
2. A Administración autonómica fomentará e apoiará as iniciativas sociais e a colaboración coas organizacións non gobernamentais e entidades sociais, considerando o seu importante papel nesta materia.
3. Serán ámbitos preferentes de actuación das organizacións non gobernamentais e entidades sociais:
a) A concienciación social acerca da problemática do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
b) A prevención no ámbito comunitario.
4. Para os efectos de voluntariado social, cumprirase o establecido no artigo 27º da Lei 8/2008, de saúde de Galicia.
Disposición adicional
Única.-Actualización das contías das sancións.
As contías das sancións establecidas nesta lei poderán ser actualizadas periodicamente polo Consello da Xunta de Galicia, tendo en conta, entre outros factores, as variacións dos índices de prezos de consumo.
Disposición transitoria
Única.-Adaptación dos contratos en materia de publicidade e patrocinio.
Os contratos en materia de publicidade e patrocinio asinados antes da entrada en vigor desta lei dispoñerán do prazo dun ano para se adaptaren ás limitacións establecidas nela.
Disposición derrogatoria
Única.-Derrogación normativa.
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ou contradigan o disposto nesta lei.
Disposición derradeira
Primeira.-Habilitación normativa.
Autorízase a Xunta de Galicia para ditar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento e a execución desta lei.
Segunda.-Prazo para a aprobación da normativa de desenvolvemento pola Xunta de Galicia.
No prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia aprobará a normativa de desenvolvemento prevista nela.
Terceira.-Entrada en vigor.
Esta lei entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Cuarta.-Adaptación das ordenanzas municipais.
Os concellos deberán adaptar as súas ordenanzas no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei.
Santiago de Compostela, dezasete de decembro de dous mil dez.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente

No hay comentarios:
Publicar un comentario