¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

miércoles, 30 de octubre de 2013

SMAC modelo normalizado papeleta

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 17 de outubro de 2013 pola que se dá publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación para presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.
Como normativa estatal básica, o Real decreto 2756/1979, do 23 de novembro, polo que o Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación asume parte das funcións que ten encomendadas, establecía, na súa sección IV, o procedemento para levar a cabo a conciliación obrigatoria en caso de conflito individual, previo para a tramitación de calquera procedemento laboral.
No artigo sexto do referido Real decreto 2756/1979 establecíase, así mesmo, que a referida conciliación se promovería mediante papeleta, fixando o contido mínimo desta.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, a dita conciliación é desenvolvida a través das seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) dos servizos de traballo e economía social, das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.
Por outra banda, á vista do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso da cidadanía aos servizos públicos, e do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar a dita papeleta ás novas exixencias
ofrecendo a posibilidade de levar a cabo a súa presentación a través de medios telemáticos, facilitando así a comunicación entre a Administración e a sociedade.
O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente nas materias de emprego e relacións laborais e, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, lle corresponde, entre outras, a execución das competencias en materia laboral.
Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. A presente orde ten por obxecto dar publicidade ao modelo normalizado de papeleta
de conciliación, segundo o anexo I que se achega, de acordo cos requisitos mínimos
establecidos no artigo sexto do Real decreto 2756/1979, do 23 de novembro, polo que o
Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación asume parte das funcións que ten encomendadas.
2. Así mesmo, para facilitar a achega dos datos das persoas demandantes e das demandadas,
no caso de ser máis dunha persoa, publícanse os anexos II e III, respectivamente.
Artigo 2. Presentación
1. A referida papeleta de conciliación deberase presentar ante as seccións de mediación,
arbitraxe e conciliación (SMAC), dos servizos de traballo e economía social, dependentes
das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar da Comunidade
Autónoma de Galicia.
2. A papeleta deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de comunicación normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,  https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das papeletas será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos
pola sede da Xunta de Galicia.
3. A documentación que a persoa solicitante desexe achegar xunto coa papeleta de conciliación poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso
dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades de la dependentes.
4. No caso de non presentarse de forma telemática, poderase optar por presentar as papeletas e demais documentación que consideren axeitada en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

No hay comentarios:

Publicar un comentario