¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

lunes, 14 de noviembre de 2011

LEI 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.


LEI 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Exposición de motivos

En virtude dos artigos 148.1.18 da Constitución española e 27.21 do Estatuto de autonomía,a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva para a promoción e a ordenación do turismo no seu ámbito territorial.
Esta lei, que derroga a Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, xustifícase pola necesidade de eliminar imprecisións conceptuais e de resolver disfuncións e lagoas na regulación dun sector clave da economía galega, ao tempo que pretende dar resposta ás demandas do sector e dos axentes sociais, recollidas no Plan de acción do turismo de Galicia, e establecer canles que permitan fortalecer a posición da empresa turística galega nun contorno de gran competitividade.
O Plan de acción de turismo de Galicia é resultado dunha reflexión co sector privado e público do estado do turismo en Galicia; un documento que presenta as liñas básicas por desenvolver en materia turística para levar a cabo unha xestión integral do turismo que permita unha consolidación do sector e a súa maior proxección cara ao futuro. Unha das súas conclusións foi a necesidade de abordar a modificación da normativa turística actual para modernizar o marco lexislativo e adecualo ás necesidades que presentan a oferta e as esixencias da demanda, coa finalidade de lograr un destino turístico atractivo, diferenciador e competitivo en servizos.
Os obxectivos establecidos por esta lei son coincidentes cos perseguidos polo Tratado de Lisboa, que no seu artigo 195 fai unha referencia expresa á importancia do sector turístico e á vontade da Unión Europea de promover a competitividade entre as empresas do sector dos países membros da Unión Europea, establecendo medidas específicas destinadas a complementar as accións dos estados membros que permitan o bo desenvolvemento da actividade empresarial turística.
Reafírmase esta norma nos obxectivos da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento http://www.xunta.es/diario-oficial-galicia europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, que modificou a Lei 14/2008, do 3 de decembro, do turismo de Galicia, e que determina a eliminación dos obstáculos que se opoñen á liberdade de establecemento dos que presten servizos nos estados membros e á libre circulación de servizos entre os estados membros e garante, tanto ás persoas destinatarias como ás prestadoras de servizos, a seguranza xurídica necesaria para o exercicio efectivo destas liberdades fundamentais do Tratado da Unión Europea.
A lei tamén ten en conta as recomendacións do Ditame do Comité das Rexións 2009/C 200/03.
A Administración turística galega comparte o espírito deste ditame e moitas das valoracións que nel se plasman son xa liñas de traballo que se consideran prioritarias para o desenvolvemento do turismo en Galicia, pois, unha vez que se recoñecen a importancia e o alcance deste sector na economía galega, o que cómpre é sentar as bases legais que lle permitan proseguir na procura da calidade e excelencia turística acadando unha maior rendibilidade económica pero, e sobre todo, reforzando o papel social do turismo.
Esta dimensión social do turismo non se basea exclusivamente na súa capacidade para xerar emprego, senón que tamén fai referencia ás posibilidades de xerar e distribuír mellor a riqueza, potenciando zonas ricas en recursos pero pobres en infraestruturas e establecendo áreas de actuación para aproveitar as sinerxías que se producen entre as iniciativas dos distintos axentes públicos e privados. Por iso, en Galicia o turismo xoga un papel importante como factor de reequilibrio territorial e de cohesión social, como instrumento vertebrador do territorio. Non obstante, o desenvolvemento turístico ten que ser sostible,respectuoso cos recursos nos que se asenta a imaxe de Galicia: natureza, medio ambiente e paisaxe, pero tamén patrimonio cultural e lingüístico, especialmente os camiños de Santiago, enogastronomía, tradicións e costumes; en definitiva, unha cultura propia. Estes aspectos, que fan de Galicia un destino único e diferencial, teñen que ser o eixe da comunicación promocional das administracións e das empresas turísticas, que deben traballar conxuntamente baixo a marca de Galicia como marca turística global.
Todo iso non será posible se non se reforza o capital humano, imprescindible para acadar os niveis de calidade e competitividade desexados. A profesionalización dos recursos humanos a todos os niveis, a mellora no emprego turístico e a investigación e a innovación son outros aspectos que tamén se consideran nesta lei e nos que se incidirá no seu posterior desenvolvemento regulamentario.
A lei está estruturada nun título preliminar e nove títulos, que comprenden cento vinte e seis artigos, cinco disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
O título preliminar define o obxecto e os fins da lei e o seu ámbito de aplicación. Dada a amplitude do campo material da actividade turística, faise imprescindible unha previa delimitación que concrete que aspectos da realidade do noso ámbito deben ser obxecto deconsideración nesta norma.
O título I está dedicado á organización e ás competencias da Administración turística galega. Neste título diferéncianse as competencias que corresponden á Administración autonómica e ás administracións locais, xa sexan municipais ou supramunicipais, así como, se é o caso, ás entidades instrumentais do sector público autonómico.
Este título regula o Consello do Turismo de Galicia como órgano de asesoramento en materia de turismo, en substitución do Consello Regulador do Turismo de Galicia establecido na Lei 14/2008, que non chegou a entrar en funcionamento. A nova regulación outórgalle un papel máis acorde coa figura de órgano de asesoramento e consulta e fixa unhas funcións consideradas básicas para o desenvolvemento turístico de Galicia. A composición do novo órgano, cun máximo de vinte e cinco vogais, permite unha maior participación tanto das administracións públicas con competencias na materia turística ou noutras estreitamente vinculadas a esta como das asociacións máis representativas do sector turístico,sindical e de protección ao consumidor e usuario.
Tamén se recollen neste título I as bases sobre as que se asentará a futura Rede de Oficinas de Turismo, así como a cooperación que pode establecerse para a promoción turística entre a Xunta de Galicia e as entidades representativas das comunidades galegas no exterior para a promoción turística.
O título II define o concepto de usuarias e usuarios turísticos, enumera os seus dereitos e obrigas e establece o deber das administracións públicas competentes de velar polo seu respecto e cumprimento.
O título III cualifica os recursos de interese turístico e aborda a calidade turística. Defínese neste título o Plan de organización turística de Galicia como modelo de desenvolvemento turístico que contará, polo menos, con áreas turísticas, xeodestinos turísticos e territorios de preferente actuación turística.
Na promoción dos recursos turísticos promoverase a proxección interior e exterior de Galicia como marca turística e global de calidade. Este título tamén contén a regulación dos municipios turísticos e fixa as condicións necesarias para obter esta denominación e os servizos mínimos que deberán prestarse neles.
O título IV contén a ordenación das empresas turísticas e divídese en sete capítulos.
O capítulo I define o concepto de empresa turística e establece o seu marco xurídico a través dun elenco de dereitos, así como dun conxunto de obrigas, tendentes a garantir o uso e gozo dos servizos turísticos en Galicia.
No capítulo II estipúlase a liberdade de empresa, que queda garantida sen máis limitacións que as que legal e regulamentariamente sexan establecidas, aínda que se fai fincapé en que esta liberdade debe respectar e protexer os dereitos das persoas así como o patrimonio natural e cultural de Galicia.
O capítulo III concreta os requisitos xerais aos que están suxeitas as empresas turísticas para o exercicio da súa actividade, cunha detallada regulación da declaración responsable como regra xeral e da autorización administrativa como excepción.
A parte final deste capítulo fai referencia ao Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas e establece a súa finalidade e o obxecto de inscrición, que será de oficio.
O capítulo IV trata das empresas de aloxamento turístico e determina as diferentes modalidades da actividade de aloxamento. Fíxase o concepto de principio de unidade de explotación a prol de garantir ás usuarias e aos usuarios turísticos un interlocutor único responsable na prestación dos servizos que ofertan as empresas de aloxamento. Establécese a reserva da denominación de pousada para a súa xestión pola Administración autonómica.
Respecto dos establecementos hoteleiros, as novidades son a regulación do grupo de pensións, que substitúe ao grupo de residencias turísticas da Lei 14/2008, e a posibilidade de clasificar os hoteis en hoteis balneario ou hoteis talaso se cumpren cos requisitos esixidos, ao entender que o turismo termal e de talasoterapia configura un produto turístico salientable da oferta galega.
No mesmo sentido modifícase a clasificación dos establecementos de turismo rural e incorpóranse os grupos de hospedarías rurais, de pazos e doutras edificacións galicia ras e de aldea de turismo rural. A nova clasificación pretende conservar o loxamento deturismo rural como un produto singular, diferencial e valorizador tanto do patrimonio culturalcomo medioambiental de Galicia sen colidir nin confundirse co concepto de turismo no medio rural. Finalmente, ademais de fixar como tipos de establecementos de aloxamento turístico os campamentos de turismo e os albergues turísticos, afóndase no concepto de apartamento e vivenda turísticos.
O capítulo V ocúpase das empresas de restauración e mantén as categorías de restaurantes,cafetarías e bares.
O capítulo VI, referido ás empresas de intermediación, establece os conceptos de axencias de viaxes e de centrais de reservas e determina as súas categorías.
Finaliza este título co capítulo VII, que define os complexos turísticos.

O título V regula as empresas de servizos turísticos complementarios, entendidas como aquelas empresas e actividades que, sen seren estritamente turísticas, poden incidir no desenvolvemento turístico.
Esta lei marca como un dos seus obxectivos a profesionalización do sector e, por iso, fai unha referencia, no título VI, ás profesións turísticas, especialmente ás guías e aos guías turísticos, un colectivo fortemente afectado pola Directiva 2006/123/CE, respecto do que regulamentariamente se fixarán as condicións de acceso, o ámbito de actuación e os demais requisitos precisos para o exercicio desta profesión conforme a normativa europea, a prol de evitar o intrusismo.
A promoción e o fomento do turismo son as materias tratadas no título VII.
O capítulo I establece as competencias e os principios de actuación.
O capítulo II regula as medidas de promoción e fomento, coas que se pretende acadar un impulso do turismo mediante a posta en valor daqueles recursos singulares de Galicia baseados na cultura e na lingua propias e nas tradicións de fondas raíces populares, así como nas festas consolidadas e altamente participativas, que poderán acadar o recoñecemento de festas de interese turístico de Galicia.
Ese impulso, que tamén servirá para desestacionalizar a demanda, permitirá a configuración de produtos turísticos altamente cualificados en modalidades como rural ou termal,cultural ou náutico/mariñeiro, congresual ou de aventura, etc.
Os logros desta actividade de fomento terán visibilidade a través de diferentes medidas de promoción turística e ambas as dúas facetas poderán reforzarse mediante a concesión de subvencións e axudas, para aqueles colectivos públicos e privados que aposten pola modernización e mellora das actividades e infraestruturas turísticas de Galicia.
Este capítulo fai unha mención especial ao fomento dos estudos turísticos, pois a calidade non pode acadarse sen o factor humano, polo que a Administración autonómica propiciará unha mellora da formación para o sector.
O título VIII actualiza a normativa existente sobre a disciplina turística. Así, recóllese a regulación da inspección turística, formúlanse algunhas redefinicións de tipos infractores e perfílanse, con maior concreción, aspectos técnicos do ámbito procedemental sancionador.
No título IX regúlase a mediación como forma de resolución de conflitos que poidan xurdir en materias reguladas na lei.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do turismo de Galicia.
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e fins.
1. Esta lei ten por obxecto a planificación, a ordenación, a promoción e o fomento do turismo na Comunidade Autónoma de Galicia e comprende a regulación das seguintes materias:
a) As competencias e a organización administrativa en materia de turismo.
b) A regulación dos dereitos e deberes das usuarias e dos usuarios turísticos.
c) A definición e a promoción dos recursos turísticos, da calidade turística e do desenvolvemento do Plan de organización turística de Galicia.
d) A ordenación xeral da actividade turística: empresas turísticas, profesións turísticas,promoción e fomento do turismo e disciplina turística.
2. Os fins que persegue esta lei, aos que a Administración autonómica acomodará as
súas actuacións, son:
a) A promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible.
b) O fomento da cooperación interterritorial e a busca dun reequilibrio territorial a través da política turística.
c) O impulso da desestacionalización do sector turístico.
d) A diversificación da oferta turística.
e) O impulso do sector como xerador de riqueza a través da elevación da estadía media e do gasto medio por turista.
f) O establecemento de estándares que garantan a sustentabilidade do desenvolvemento turístico e a conservación e a difusión do patrimonio cultural de Galicia.
g) O impulso do turismo como medio de desenvolvemento dos valores propios da cultura e da identidade galegas.
h) A garantía e a protección dos dereitos das usuarias e dos usuarios turísticos e a información e a concienciación sobre os seus deberes.
i) A erradicación da clandestinidade e da competencia desleal.
j) O impulso da profesionalización do sector, coa mellora da formación dos recursos humanos para unha mellora nas condicións de traballo do sector turístico, en particular no uso das novas tecnoloxías e nas competencias lingüísticas.
k) O emprego de calidade como garantía de turismo de calidade.
l) O impulso dos programas de investigación e desenvolvemento turístico (I+D+T) que faciliten a incorporación das empresas turísticas galegas á sociedade do coñecemento.
m) A promoción da comercialización dos recursos e das empresas turísticas dentro e fóra de Galicia.
n) A promoción de Galicia como destino turístico de calidade, coa garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.
ñ) O estímulo aos procesos de cooperación e asociacionismo entre as empresas e entre os profesionais dos distintos sectores turísticos, así como a colaboración pública e privada.
o) A planificación e o deseño de accións sobre os recursos turísticos para facer un turismo accesible tanto aos recursos en si mesmos como para os colectivos máis sensibles.
p) O fomento dos criterios de sustentabilidade en todas as accións de desenvolvemento turístico, para acadar un modelo turístico respectuoso co medio ambiente e que afonde na competitividade como eixe central da optimización do crecemento da oferta e dos recursos turísticos.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
As disposicións desta lei aplicaranse aos seguintes suxeitos:
a) Administracións, institucións e empresas públicas vinculadas ao sector turístico.
b) Empresas turísticas.
c) Profesionais turísticos.
d) Calquera entidade, empresarial ou non, que preste servizos relacionados co turismo
e que sexa cualificada pola administración con tal carácter.
e) Usuarias e usuarios turísticos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario