¿Te ha gustado el blog? Qué tal si nos regalas un +1

jueves, 2 de febrero de 2012

TR 341D - Promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2012



TR 341D - Promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2012

Promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores autónomos, así como apoiar a consolidación dos seus proxectos empresariais fomentando a creación de emprego mediante a contratación indefinida da súa primeira persoa traballadora desempregada.

Subvencionaranse as altas na Seguridade Social que, cumprindo os requisitos e as condicións establecidos nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012, ambos inclusive.

Tipos de axuda: Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia / Subvención financeira / Subvención para asistencia técnica / Subvención para formación / Axuda excepcional / Subvención pola primeira contratación indefinida.

O prazo xeral finalizará o 30-09-2012, aínda que non transcorresen os prazos específicos para cada tipo de axuda.

Beneficiarios:

1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas físicas que, cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
a) Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores autónomos, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que:
- Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
- Se dean de alta no réxime especial de autónomos da Seguridade Social.
- Non percibisen subvencións ao abeiro do Programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
- Non desenvolvesen como traballadores autónomos a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE).
b) Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias da subvención pola primeira contratación indefinida os traballadores autónomos ou profesionais xa constituídos que realicen esta contratación durante o seu primeiro ano de actividade e para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarios/as das axudas deste programa, agás a subvención pola primeira contratación indefinida, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

3. Para os efectos deste programa, entenderase como data de inicio de actividade laboral a da solicitude de alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social.

Requisitos:
Non poderán obter a condición de beneficiarios do programa regulado nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias sinaladas no número 2 do art. 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Normativa:
ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (DOG nº14 do 20 de xaneiro de 2012 ).

Forma de presentación:
Presencial / Tramitación en liña

Datos solicitude:
- Prazo de presentación: 21/01/2012 - 30/09/2012
- Xeral: Un mes desde a data da solicitude de alta na S.S. Este prazo finalizará o 30.09.2012. Para as solicitude de alta realizadas desde 01.10.2011 e 20.01.2012 o prazo rematará o 30.03.2012.
- Específico para cada tipo de axuda: ver orde.
- Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
- Todo isto, sen prexuízo dos prazos específicos na orde de convocatoria e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (artigo 48 Lei 30/1992)
- Prazo de resolución: Seis meses
- Sentido do silencio: Negativo

Documentación:
As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, e deberán ir acompañadas do orixinal, copia compulsada ou copia cotexada da seguinte documentación:

Documentación común.
a) DNI/NIE da persoa solicitante en caso de non prestar a autorización, no modelo anexo V desta orde, á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos seus datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade. No caso dunha comunidade de bens ou sociedade civil, escritura de constitución e CIF da entidade.
b) Anexo III asinado no cal se indicará a subvención ou subvencións que se solicitan e o colectivo polo cal se opta.
c) Documentación acreditativa da pertenza ao colectivo polo cal se opta.
d) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
e) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Economía e Facenda (modelo 036).
f) Documentos de solicitude e resolución de recoñecemento de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.
g) Memoria económica do proxecto empresarial, asinada pola persoa solicitante, que inclúa o orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, segundo o modelo do anexo IV. Esta memoria deberá incluír unha listaxe asinada, unha para cada axuda solicitada, coa relación dos investimentos, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas en firme ou pro forma, orzamentos e demais documentos xustificativos do investimento realizado ou que se vai realizar e da axuda solicitada, segundo o modelo incluído na memoria económica do proxecto empresarial (anexo IV desta orde). A memoria e a listaxe da relación xustificativa dos investimentos non será necesario presentalas se soamente se solicita a subvención pola primeira contratación indefinida.
h) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo VI).
i) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo VII).
j) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar ditas certificacións.
k) Declaración responsable, entre outros extremos, de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e autorizacións, asinada pola persoa solicitante (segundo o modelo do anexo V).

Documentación específica. a) Subvención polo establecemento como traballador autónomo:
- Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar.
- No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais, tarxeta de ITV.

Documentación específica. b) Subvención financeira:
- O compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo VIII) ou, de ser o caso, o contrato de préstamo xa formalizado.
- Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.
- No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais, tarxeta de ITV.

Documentación específica. c) Subvención para asistencia técnica:
- Memoria descritiva da medida de asistencia solicitada na cal consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento, desagregado por conceptos, dos servizos desenvolvidos ou por desenvolver.
- Documento acreditativo da contratación do servizo no cal conste o seu importe ou, se é o caso, facturas pro forma ou orzamento expedido pola persoa ou entidade que vai prestar o servizo de apoio.
- Documentación acreditativa da solvencia profesional e especialización da persoa física ou xurídica que prestou ou vai prestar o servizo de apoio.
- Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario do pagamento dos servizos prestados na data da solicitude.

Documentación específica. d) Subvención para formación:
- Memoria descritiva do curso na cal consten, entre outros, o contido do curso, o seu calendario de realización, o seu custo e a xustificación da necesidade de formación da persoa solicitante.
- Documentación acreditativa da solvencia profesional e especialización da entidade física ou xurídica que imparta o curso de formación.
- De ser o caso, documento acreditativo da matriculación no curso e o xustificante bancario do seu pagamento.

Documentación específica. e) Axuda excepcional:
- Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores dos gastos que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

Documentación específica. f) Subvención pola primeira contratación indefinida:
- Documentación que acredite que se trata da creación do primeiro posto de traballo de carácter fixo (vida laboral da empresa desde o inicio da actividade ata a data da contratación indefinida da persoa traballadora pola cal solicita a subvención, incluíndo todas as contas de cotización).
- Declaración da empresa en que se fagan constar os custos salariais totais de dúas anualidades da persoa contratada, no modelo anexo III desta orde.

Onde acudir:
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
XEFATURA TERRITORIAL DE VIGO
SERVIZO DE PROMOCIÓN DO EMPREGO DE VIGO
Rúa Concepción Arenal, 8-2º
36201 VIGO
Teléfono: 986817395 / 986817694

No hay comentarios:

Publicar un comentario